venres, 20 de novembro de 2020

Carta resposta ás preguntas que nos están facendo a veciñas e veciños de Ferrol, respecto aos recibos da depuración que reclama Emafesa, do período cando non se prestaba o servizo e a maioría dos barrios non estaban conectados ao sistema de saneamento


Ola bos días!

Antes que nada dicir que na Plataforma estamos agora precisamente atendendo esta situación concreta, pois Emafesa está enviando masivamente, cartas requirindo recibos non pagados de todos os anos, á veciñanza de Ferrol, mais estes concretos aos que te refires son únicos, só de depuración (sen outros conceptos da auga, nin facturas doutros servizos). Son dun período de 2015, onde non se prestaba o servizo de depuración, pois a a depuradora non depuraba e a maioría da veciñanza non estaba conectada ao sistema de saneamento, cousa que non aconteceu ate o 3 de Abril de 2017.



- É legal que Emafesa reclame o pago do recibo de 2015 ?

Reclamar non deixa de ser legal, non hai nada que o prohiba. A carta de Emafesa é unha información que tamén contén un requirimento de pago, mais o efecto legal non o tem máis aló do da información. Por iso fan referencia á "vía executiva" que só a pode facer o Concello ao tratar-se dunha Taxa. Emafesa está informando de que si non se fai efectivo o recibo, antes do 9 de decembro, pasarán os recibos ao Concello para que este os cobre por "vía executiva" e que esta vía, vai aumentar a débeda con comisións por custes de tramitación e os "recargos" legalmente previstos. Polo que o Concello terá que enviar dous requirimentos, mais antes de que envíe o primeiro requirimento, o recibo xa ten un recargo do 5%, no caso que se pagase antes de que envíe o primeiro requirimento. No primeiro dá un prazo para pagar, cun recargo do 10% e no caso de non pagar dentro dese prazo, emitirán unha segunda carta de requirimento, dando outro prazo para pagar o recibo, desta vez co recargo do 20%. No caso de non facer efectivo o recibo dentro do prazo dado, o Concello poderá por vía de prema ir á conta bancaria da persoa titular do recibo e cobrar-se (embargar) o mesmo, somando-lle o recargo do 20% e unha cantidade a maiores, en concepto de custes de tramitación e se o considera, algún interese de demora que até hai pouco estaba no 3,75%, sen ter que pasar polo xulgado. Quen pode ir ao xulgado é a persoa afectada, antes de ir ao xulgado, pode-se recorrer ante o Concello.


- Esta-lle pasando isto a máis xente ?

Son moitas as persoas que están nesta situación, pois é unha situación inxusta, provocada polo mal goberno no asunto do sistema de saneamento e depuración, tanto do goberno actual como dos outros dous que pasaron pola corporación desde 2013, asinando malos convenios, aceptando encomendas, aceptando depuradoras e infraestruturas en malas condicións, e o peor non deixar que fora a Xunta de Galicia, a través de Augas de Galicia, quen xestionara o sistema, mentres non se constituíra un ente supramunicipal que se encargara da súa xestión mancomunada (Narón, Ferrol e nun futuro Neda). Esta mala xestión creou conflitos co concello veciño de Narón, aínda sen solucionar e carga unha importante cantidade (7.129.145,59 euros (Incluído IVA) do custe da "posta en marcha e probas", dun sistema de interese público, sobre as costas dunha parte da veciñanza que nin tan sequera recibía o servizo, nin estaba conectada ao sistema, aínda sen rematar. Cando, ao noso entender, terían que ser a Confederación Hidrográfica, a Xunta de Galicia, e os concellos de Narón e Ferrol. O inicio do sistema foi en Abril de 2017 e os recibos reclamados son de 2015. Eles aplican a Ordenanza Fiscal aprobada en Agosto de 2014 de xeito restritivo, só con afán recadador sen prestar o servizo.


- Hai que pagar estes recibos ?

A Plataforma está nunca campaña de "non pagar", pois temos feito un recurso en febreiro deste ano 2020, unha Queixa a Valedora do Pobo e agora elaboramos unha carta con peticións concretas ao Alcalde de Ferrol, Ángel Mato. Ademais de xer inxusto. Non temos porque pagar o mal goberno. Estamos solicitando unha mesa de diálogo. Mais con esta pandemia polo Covid-19, veu cambiar todo e o temos máis difícil, mais non desistimos e seguimos na loita. Si ao final non o conseguimos, o diñeiro non é tanto e mesmo quen tivera problemas en pagar, pode solicitar face-lo de xeito fraccionado no transcurso dun ano.


- Os recibos están prescritos?

Non sabemos de cal dos dous recibos se trata. Mais sería igual para os dous que están reclamando. Se nos atemos ao período onde presuntamente se prestou o servizo (que non se prestou), estarían prescritos, mais se nos atemos á data na que foron emitidos non o estarían. Isto está en discusión.

- Un comprendido no período que vai desde o 1 de xaneiro a 30 de xuño de 2015 que Emafesa emitiu en Xuño de 2019.

- E o outro que corresponde ao período que vai desde o 1 de Xullo a 17 de Setembro de 2015 que emitiu en Xaneiro de 2020.

E as Liquidacións e o Padrón de Contribuíntes foi aprobada polo anterior Alcalde Jorge Suárez, o 20 de Agosto de 2018 e publicado no BOP, o 10 de Setembro do mesmo ano.


- Que valor legal ten a carta que chega por correo ordinario sen certificar?

Ao ser unha información e un requirimento de pago sen amparo normativo, non ten valor legal. Só o vai ter cando chegue o que remita o Concello, se chega.

Desde a Plataforma chamamos a "Non Pagar". Temos que loitar contra esta inxustiza e o mal goberno.

Achegamos en modelo anexo (formato pdf) a carta que vai dirixida ao Alcalde e que estamos difundindo entre a veciñanza por se a queredes utilizar. Hai que entrega-la no Rexistro Xeral do Concello de Ferrol.

Saúde !

[ANEXO I] Modelo de Carta elaborada pola Plataforma, dirixida ao Alcalde como Presidente do Concello de Ferrol e como Presidente do Consello de Administración de Emafesa, contestando a Carta de Emafesa, para entregar pola veciñanza afectada, no Rexistro Xeral do Concello en formato pdf. | Acceder/Baixar.

[ANEXO II] A VÍA EXECUTIVA | Procedemento de prema en executiva - O cobro da débeda a través do procedemento de prema - Lexislación aplicábel á recadación por parte do Concello por vía executiva en expediente de prema. | Acceder/Baixar.

---