luns, 23 de novembro de 2020

A Plataforma difunde dous modelos de escritos, un para dirixir ao Concello e outro a Emafesa - Os escritos son necesarios que os remita quen decida non pagar os supostos "atrasos" da depuración do período no que non se prestaba o servizo, cando deciden non pagar tamén polo concepto: 'Cobro Fraccionado Taxa Depuración (Atrasos)', nos seis recibos xerais ordinarios, onde facturan por todos os conceptos da auga e outros servizos (Sogama, Urbaser, ...)




A Plataforma chamou, e chama, a non pagar os recibos que Emafesa emitiu, no seu momento únicos (Sen facturar outros conceptos, nin Servizos) só Facturación Servizo Depuración [1], mais non fai un chamamento xeneralizado á veciñanza, a non pagar os supostos atrasos de depuración de antes de abril de 2017, cando estes os incluíu Emafesa, co concepto de "Cobro Fraccionado Taxa Depuración (Atrasos)", en seis recibos xerais ordinarios que se emiten cada dous meses, xunto ao resto de conceptos e os outros servizos (Dos que Emafesa é unha mera xestora de cobro) que se facturan no citado recibo [2]. Aínda que hai veciñas e veciños que comezaron a utilizar un método, para non pagar esa parte do recibo, a Plataforma non fai ese chamamento xeneralizado, por ser este proceso un tanto complicado, de múltiples pasos e algo difícil de xestionar. Mais hai persoas que nos piden que facilitemos o método que empregamos para non pagar eses supostos atrasos, do período onde non se nos prestou o servizo, asunto que pasamos a explicar.

O procedemento

A Plataforma elaborou dous modelos de escritos, un para dirixir ao Concello de Ferrol e outro para a empresa mixta de augas (Emafesa). Os escritos son necesarios remitir ás dúas entidades (empresa e concello), polas veciñas e veciños que decidan non pagar os supostos "atrasos" da depuración, do período onde non se prestaba o servizo que agora inclúen tamén no recibo xeral, xunto a todos os conceptos da auga propios de Emafesa, tanto fixos como varábeis por consumo (Abastecemento, Depuración, Saneamento e se é o caso Contador) e os outros Servizos (Aguas de Galicia, Urbaser e Sogama). Insistimos, cando estas veciñas e veciños, deciden tamén non pagar, os supostos atrasos de Depuración (Anteriores a Abril de 2017), incluídos nos seis recibos (co concepto de "Cobro Fraccionado ..." ) onde ademais cobran, á veciñanza, como xa mencionamos, por todos os conceptos da auga e outros servizos.

Cobro Fraccionado Taxa Depuración (Atrasos)

Trata-se do concepto que no recibo aparece como: "Cobro Fraccionado Taxa Depuración (Atrasos)". Concepto polo que comezaron a cobrar no segundo recibo que pasaron este ano 2020 (Período: Xaneiro-Febreiro/2020) e no quinto recibo  (Período Setembro-Outubro/2020) que estamos recibindo nas casas estes días. Son en total seis cobros que pretenden pasar en seis recibos bimensuais, polo que aínda quedan catro por pasar (que o farán nos catro primeiros recibos do ano 2021). Polo medio quedaron dous recibos aos que non se lle meteu dito concepto de cobro fraccionado, por acordo do Concello, polas circunstancias de confinamento e restricións, da pandemia (Covid-19). Mais como dixemos, agora neste quinto recibo do ano, xa comezaron a cobrar estes supostos "atrasos" que corresponden a unha das partes do período de 31 meses, que vai desde o 3 de setembro de 2014 ate o 3 de abril de 2017. Un longo período de posta en marcha, mantemento e de probas, cun cargo económico sobre unha parte da veciñanza, de máis de 7,12 millóns de euros. Onde a maioría dos barrios de Ferrol e todo Narón, aínda non estaban conectados ao novo sistema de saneamento e o pouco que chegaba á depuradora, das zonas conectadas, non se trataba adecuadamente conforme aos requirimentos e condicións esixidos normativamente, polo que non se depuraba baixo os parámetros legais establecidos pola lei.

Pasos a dar:

1º Se o recibo está domiciliado, devolver o recibo (segundo a Lei disponse dun máximo de oito semanas -50 días, desde que este foi cargado na conta) [3]. Pode-se facer a través da banca online no caso de manexar-se esta ou comunicando na entidade bancaria de cada quen, que quere devolver ese recibo concreto, sempre poñendo ou dicindo que se devolve "Por non estar conforme coa cantidade que Emafesa pasa a cobro". No caso de non estar domiciliado, neste caso cada quen controla o que fai co recibo, cousa que recomendamos para este ano que entra 2021.

2º.- Do total final (de todos os servizos) que figura a pagar de cada recibo, hai que descontar a cantidade que cobran polo concepto "Cobro Fraccionado Taxa Depuración (Atrasos)" e o 10% de IVA correspondente a ese concepto.

3º.- Logo ingresar a cantidade de euros resultante desa resta, na conta de Emafesa, facendo unha transferencia de conta a conta; ou ingresar na conta de Emafesa desde unha oficina de Abanca; ou transferencia desde a oficina da entidade bancaria de cada quen. Poñendo o concepto: "Recibo (poñer número de recibo) con desconto Cobro Fraccionado Taxa Depuración (Atrasos)"

4º.- Cubrir o modelo de carta a Emafesa, notificando ingreso do importe do recibo co desconto e solicitando a emisión de novo recibo. Enviar por correo-e (Recomendado) a Emafesa, mais lembra de gardar a mensaxe que se envía, pois é o xustificante de ter enviado. Ou enviar por burofax (Non recomendábel pois é moi caro); ou enviar por carta certificada con acuse de recibo, ou entregar directamente nas oficinas de Emafesa sempre que che asinen un recibín, cousa á que están obrigados. Achegar coa carta, unha fotocopia do xustificante de ingreso ou transferencia e outra do recibo de Emafesa correspondente.

A conta de Emafesa é:
ES66 2080 0200 44 3040114652

A conta de correo de Emafesa é:
info@emafesa.com

5º.- Cubrir o modelo de carta ao Concello, notificando ingreso do importe do recibo co desconto e solicitando a emisión de novo recibo. E presentar no Rexistro Xeral, mais antes por mor da pandemia polo Covid-19, hai que pedir Cita Previa no 981 944 000, Ext. 230. Tamén se pode enviar por correo-e ao rexistro do Concello (Recomendado), mais lembra de gardar a mensaxe que se envía, pois é o xustificante de ter enviado. Mais polo xeral o Xefe de Rexistro, remite un xustificante de entrada no mesmo, coa data e asignando un número. É importante achegar coa carta, unha fotocopia do xustificante de ingreso ou transferencia e outra do recibo de Emafesa correspondente.

A conta de correo do Rexistro Xeral de Ferrol:
rexistro@ferrol.es

Documentos:

✔ Modelo para enviar a Emafesa. En formato pdf. | Acceder/Baixar.

✔ Modelo para presentar no Rexistro do Concello. En formato pdf. | Acceder/Baixar.

Notas.-

[1] Tres recibos únicos de depuración de augas residuais. Segundo informa Emafesa, estes recibos son do período anterior ao acordo de suspensión da taxa de depuración (acordo plenario de 18 de setembro de 2015) e que teñen un carácter semestral segundo o artigo 10 da Ordenanza Fiscal. | Acceder/Baixar.

[2] Recibos emitidos por Emafesa co concepto de "Cobro Fraccionado Taxa Depuración (Atrasos)", concepto que xa se pasou a cobro en dous recibos e que prevén pasar catro recibos máis en 2021. Segundo informa Emafesa, os recibos xerados con posterioridade ao acordo de finalización da suspensión da aplicación da Ordenanza Fiscal teñen carácter bimestral, segundo instrución municipal de 16 de novembro de 2017, relativa á execución do acordo plenario de 15 de novembro de 2017. | Acceder/Baixar.

[3] Prazo para devolver recibos domiciliados. Artigos 48 e 49 do Real Decreto-lei 19/2018, de 23 de novembro, de servizos de pago e outras medidas urxentes en materia financeira. | Ir ao BOE.

---