venres, 20 de novembro de 2020

A Plataforma en Rolda de Prensa facendo pública as reclamacións ao Alcalde de Ferrol, Ángel Mato, despois das cartas de Emafesa requirindo o pago por un servizo de depuración non prestado


A Plataforma en Rolda de Prensa facendo públicas as reclamacións ao Alcalde de Ferrol, Ángel Mato, despois das cartas de Emafesa requirindo o pago por un servizo de depuración non prestado.

A representante da Plataforma nesta comparecencia pública, asegurou que "hoxe temos unha boa noticia porque un novo concello, o manchego de Alcazar de San Juan, municipio de pouco máis de 30.000 habitantes, gobernado polo mesmo partido que goberna no noso concello, iniciou o proceso de remunicipalización do servizo de augas, un novo concello que se suma ao movemento pola recuperación de servizos públicos de calidade, con 100% de xestión pública".[1]

"Pola contra -continuou Lupe Ces- estamos aquí para denunciar que a empresa mixta de augas EMAFESA, está enviando cartas aos veciños e veciñas, con advertencia da vía executiva, para reclamarlle atrasos do 2015 cando o servizo de depuración e saneamento non se estaba dando".[2]

A Plataforma anunciou que van invitar a toda a cidadanía afectada a presentar diante da alcaldía un escrito,[3] onde a maiores de sinalar o feito de que até abril de 2017 o sistema de saneamento e depuración non estaba a funcionar, solicitan do alcalde que execute tres reclamacións.

A primeira fai mención á solicitude que leva cada carta para que o Concello certifique a data de conexión ao sistema da vivenda de quen asina a carta, facendo mención ás distintas lexislacións, mesmo á xurisprudencia dunha sentenza do Tribunal Supremo[4] onde se dita que, só se poderá cobrar unha taxa cando a persoa reciba o servizo directamente, non polo feito de que ese servizo se dea: "... existe unha reiterada doutrina xurisprudencial que declara que a efectiva prestación dun servizo municipal é presuposto imprescindíbel para que poida esixirse taxa por tal concepto, por canto o feito impoñíbel no mesmo vén constituído pola efectiva prestación dun servizo que beneficie ou afecte de modo particular ao suxeito pasivo, sen que a mera existencia do servizo municipal sexa suficiente para constituír a unha persoa en suxeito pasivo da taxa establecida para o seu financiamento".

A segunda solicitude fai mención aos recursos[5] presentados no mes de febreiro, vía rexistro municipal, en relación precisamente a estes cobros, que non foron contestados aínda.

A terceira, que a representante da Plataforma cualificou como "situación vergoñenta", é á que fai referencia á Queixa Colectiva[6] presentada diante da Valedora do Pobo. Unha institución que xa en dúas ocasión fixo requirimentos[7] ao Concello de Ferrol e non tiveron resposta. "Solicitamos que o Concello responda a eses requirimentos da Valedora", mentres a Plataforma chama á veciñanza de Ferrol a seguir loitando contra esta estafa que continua da man de EMAFESA, co seu socio privado SOCAMEX e a colaboración necesaria do goberno municipal.

A Plataforma facilitará ás veciñas e veciños, o modelo de escrito dirixido ao Alcalde, Ángel Mato, por medio de correo-e, colgando o enlace nas redes sociais e na web, así como dentro das posibilidades das restricións pola pandemia polo Covid-19, colocando mesas informativas nos barrios. Escrito para entregar no Rexistro Xeral do Concello. Mais por mor das citadas restricións, hai que pedir cita previa por teléfono no 981 944 000, extensión 230.

Notas.-

[1] Web oficial do concello manchego, Alcazar de Sanjuan. | Asinadas as operacións de crédito por valor de 5´5 millóns de euros para remunicipalizar Augas de Alcázar. | 19.11.2020 | Ir á Web.
[2] Carta enviada por Emafesa ás veciñas e veciños de Ferrol, na primeira quincena de novembro deste ano 2020, requirindo o pago. | Acceder/Baixar.
[3] Modelo de Carta elaborada pola Plataforma, dirixida ao Alcalde como Presidente do Concello de Ferrol e como Presidente do Consello de Administración de Emafesa, contestando a Carta de Emafesa, para entregar pola veciñanza afectada, no Rexistro Xeral do Concello en formato pdf. | Acceder/Baixar.
[4] Sentenza do Tribunal Supremo| EDJ 1996/566 STS (Contencioso) de 20 febrero de 1996 | Tribunal Supremo (Contencioso), sec. 2a, S 20-02-1996, rec. 3377/1992 | Acceder/Baixar.
[5] Recurso presentado por veciñas e veciños de Ferrol en Febreiro de 2020, no Rexistro Xeral do Concello contra os recibos emitidos por Emafesa en concepto de "Atrasos Facturación Servizo Depuración". | Acceder/Baixar.
[6] Queixa á Valedora do Pobo, presentada en febreiro de 2020.
[7] Requirimentos da Valedora do Pobo. | Acceder/Baixar.

---