venres, 20 de novembro de 2020

Aclarando dúbidas sobre as cartas, os recibos, os atrasos, os períodos de cobro, ... Que atrasos está cobrando Emafesa no último recibo que enviou aos fogares e negocios ?


Na Plataforma, neste momento, estamos centrados no asunto das cartas que está enviando Emafesa ás persoas que non pagaron un, ou os dous recibos únicos, quere dicir sen os outros conceptos da auga e sen as facturas doutros servizos. Son recibos de presuntos "atrasos" da facturación da depuración de augas residuais, dalgún dos períodos nos que Emafesa dividiu o ano 2015, cando aínda non se prestaba o servizo.

Emafesa está enviando tamén cartas, requirindo o pago de recibos bimensuais non pagados no seu momento, estes son xa recibos completos con todos os conceptos da auga e as facturas doutros servizos (XUNTA, URBASER e SOGAMA). Pensamos tamén que é para pasar-lle ao Concello e que este comece a través da "vía executiva" que moito nos tememos que se poida privatizar este cobro, como ten privatizado o cobro das multas de tráfico. Mais este é outro asunto.

O teu recibo é parecido a este ?


No caso de ser parecido a este, trata-se do último recibo que esta remitindo Emafesa estes días. Vai co concepto de "Cobro Fraccionado Taxa Depuración (Atrasos)".

Un recibo cos mesmos conceptos da auga e facturas doutros servizos, pasou-no a cobro Emafesa no mes de abril, tamén co concepto de "Cobro Fraccionado Taxa Depuración (Atrasos)", ese era o primeiro dos 6 recibos bimensuais que pretende cobrar a empresa de augas, por uns presuntos "Atrasos" de Depuración, correspondente ao período que vai de 18 de Setembro de 2015 ate o 31 de marzo de 2017, período onde aínda non se prestaba o servizo e a maioría dos barrios aínda non estaban conectados ao sistema. Conexión que non se efectuou ate o 3 de abril de 2017.

Este recibo bimensual que pasaron a cobro en Abril deste ano 2020, contén o concepto de atrasos que segundo as liquidacións asinadas no verán de 2018, polo anterior Alcalde, Jorge Suárez, corresponde ao que chamaron "4.º.–Período dende 18 de setembro de 2015 a 31 de decembro de 2015".

Despois do primeiro recibo que pasaron en Abril deste ano, por mor da pandemia polo Covid-19, o Concello tomou a decisión de non pasar a cobro os citados "Atrasos" nos dous recibos seguintes, polo que os recibos bimensuais de Xuño e Agosto, viñeron sen ese concepto de "Cobro Fraccionado...".

Mais agora, volve de novo Emafesa a pasar os recibos co concepto de "Cobro Fraccionado ...", polo que este sería o segundo da serie de 6 que ten pensado pasar. Este, que é o da imaxe que subimos antes, corresponde á metade do que na resolución de Liquidacións e Padrón de Contribuintes (BOP Nº 172 do 10 de setembro de 2018) designaron como o do "5.º.–Período dende 1 de xaneiro de 2016 a 30 de xuño de 2016".

Desde a Plataforma non chamamos de xeito xeneralizado a que non se paguen estes recibos bimensuais, aínda que leven incluídos os "Atrasos" de Depuración dun período onde non se prestaba o servizo, porque causa moitos problemas, dado a complexidade do recibo e do método para pagar. Mas si chamamos a non pagar os recibos que EMAFESA nos reclama agora por carta, onde só aparece o concepto de depuración do ano 2015.

---