A Plataforma en Acción |
Felicitar-nos.
Antes que nada temos que felicitar-nos por levar oito meses de funcionamento do sistema de saneamento e depuración, despois de décadas vertendo absolutamente de todo na Ría. As poboacións que vivimos na contorna da Ría somos as responsábeis de cuida-la e respecta-la, mais sobre todo son as elites de Ferrol, en todos os seus estamentos, o político, o xudicial, o da Autoridade Portuaria, o de Navantia... e mesmo Defensa, quen ostentan a máxima responsabilidade. Estes son os verdadeiros responsábeis de que tiveramos unha Ría tan deteriorada e a punto de esmorecer. Mais a Natureza saberá recuperar-se, sobre todo coa nosa axuda, se dispoñemos de vontade política para poñer os medios para limpar, sanear e recuperar, tanto litoral, inter-mareal, superficie e fondo mariño. Ao tempo, cumpre ir formulado alternativas para paulatinamente transformar o sistema de saneamento, nun sistema separativo, que trate de xeito diferente as aguas residuais urbanas, que as industriais e as da chuvia.
Porque presentar Recurso.
A Plataforma acordou presentar Recurso de Reposición, contra o levantamento da suspensión da Taxa do PP, referida á Depuración e Saneamento. Esta Taxa de 2014, agora habilitada, está avultada. A propia Emafesa fixo un Informe que así o recoñece, onde o prezo é inferior, nas mesmas condicións medias do elaborado para a Taxa de 2014. O mesmo se asegura nun informe do enxeñeiro municipal e da auditora externa Audigal, sobre os custes dese último estudo que seguen avultados. O mesmo di Augas de Galicia, nun Informe elaborado en 2016 para a Mancomunidade de Concellos de Ferrol, onde se desprende que o cálculo de consumo eléctrico que fai Emafesa está aumentado, así como os caudais a depurar. A maiores, a Taxa de 2014 que agora se habilita, é unha taxa calculada sobre estimacións, non sobre custos reais, e mesmo esas estimacións estaba previsto que se comprobasen desde o ano 2014 até o ano 2016. Esas estimacións non se comprobaron porque a depuradora neses anos non funcionou, comezouse a depurar en 4 de abril deste ano 2017. Mesmo, se o comparamos co prezo que tería, de estar xestionado, conforme á legalidade, o sistema de depuración e saneamento por Augas de Galicia, este sería moi inferior. Outro dato importante que avulta a Taxa, entre outros, é a diferencia de 177.474 euros entre as previsións de Emafesa (593.790 euros), e do custe real da xestión dos interceptores e tanques, adxudicados a Viaqua (416.316 euros) . Esta taxa ademais, foi elaborada sen participación cidadá como así establece a lexislación e a directiva europea. E sen o informe económico de custos preceptivo. Todo isto explícamo-lo no recurso que achegamos, un pouco longo, mais paga a pena parar-se a le-lo.
Pagar por depurar.
Pensamos que o saneamento e a depuración hai que paga-la, mais non máis do seu custo real, e menos para aumentar o volume de negocio de EMAFESA-SOCAMEX, unha empresa que cometeu fraude (taxa cobrada sen facer depuración) e nos enganou (trialhometanos). Polo de agora será o Coeficiente de Vertedura establecido por Lei, o que teñamos que pagar a cidadanía, e mais adiante, cando se constitúa o ente supramunicipal terase que facer un proceso participado para a elaboración e aprobación dunha taxa xustificada e xusta.
Restituír a legalidade: polo de agora corresponde-lle a Augas de Galicia xestionar o Sistema de saneamento.
Pensamos que hai que proceder á anulación do acordo do Pleno e a denuncia do Convenio e que se comece a dar os pasos para restituír a legalidade, entregándolle o sistema de saneamento e depuración a Augas de Galicia que é a quen lle corresponde a xestión da explotación, o seu mantemento e conservación, até que se poida facer cargo un ente supramunicipal.
Ven con nós.
No caso de estar de acordo e ser veciñas ou veciños de Ferrol, podes dirixirte a nós, ou imprimir o modelo de recurso que achegamos anexo a este post, e entrega-lo cuberto e asinado no rexistro do Concello de Ferrol, sendo o último día para face-lo o vindeiro luns 18 de decembro. Nós imos a entrega-lo o venres 15 de decembro ás 12 do mediodía no rexistro do Concello onde temos convocada unha Rolda de Prensa.
DIFUNDE !!!!
* Achegamos o modelo de recurso de reposición en formato pdf. | Acceder/Baixar.
Foto: Ferrol360.
---