A Plataforma en Acción, no Pleno |
ANTE O PLENO DO CONCELLO DE FERROL
Recorrente:
Nome e apelidos:
Maior de idade, con DNI Nº
Teléfono:
Veciña/o de Ferrol
Con enderezo a efectos de notificación, na rúa Armada Española, nº32 Baixo. Código Postal: 15406
Comparece, e EXPÓN:
Que tendo sido aprobada, na sesión extraordinaria que celebrou o Pleno do Concello de Ferrol, o día 15 de novembro de 2017, a “proposta para declarar finalizada a suspensión da aplicación da Ordenanza Fiscal reguladora da taxa pola depuración de augas residuais, publicada no BOP con data 3 de setembro de 2014”, ao abeiro do disposto no artigo 123 e dentro do prazo que establece o artigo 124, ambos da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, como dispón expresamente o art. 52.1 da Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das Bases do Réxime Local en relación cos arts. 112, 113, 114, 115, 123 e 124 da citada Lei 39/2015, do PACAP, formula RECURSO DE REPOSICIÓN contra o acto administrativo sinalado, en base aos seguintes Feitos e Alegacións:
FEITOS
No Pleno do 28 de agosto de 2014, presidido polo entón Alcalde José Manuel Rey Varela, aprobábase definitivamente unha Taxa onde non existía devengo de feito impoñible e estaba calculada sobre estimacións incumpridas, pois o servizo de depuración non se estaba a prestar, como así certifica o enxeñeiro municipal no seu informe do 27 de agosto do 2015, onde conclúe que as augas residuais saían da planta sen depurar. Polo que se verteron millóns de toneladas de augas residuais contaminadas en zona virxe protexida. O 9 de setembro de 2015, o Xefe de Sección de Facenda e Patrimonio, emite un informe onde manifesta que se non se presta o servizo, decae o fundamento de calquera taxa. Este é un Informe favorábel á derogación da Taxa, baseada nun fraude, desproporcionada e só beneficiosa para os intereses de Socamex, parte privada de Emafesa. A principios de 2015, pasou-se ao cobro un recibo a pesar dos feitos expostos, e mesmo sen ter aprobado o preceptivo padrón municipal. A maiores, a grande maioría dos fogares non estaban enganchados á nova rede de saneamento, aínda en obras, que non se remataron até finais de 2016. O sistema non se puxo a funcionar até o 4 de abril deste ano 2017, coa conexión dos colectores, interceptores e tanques. En febreiro de 2015 preséntanse máis de dous mil recursos de reposición, para esixir responsabilidades legais, e a devolución e paralizacións do cobro da Taxa. Os recursos nunca tiveron resposta. Cobráronse indebidamente uns 800.000 euros. A pesar das múltiples declaracións por parte do Alcalde Jorge Suárez, de que se ían devolver, aínda non se fixo. O 18 de setembro de 2015 suspende-se a Taxa, que non se deroga provisionalmente até o 13 de febreiro de 2017. Nun mar de contradicións elaboran-se informes e convocan-se comisións, para aprobar outra taxa diferente por considerar que a que se derogou provisionalmente, era inxusta, pois estaba avultada en custos. Mais, pasados uns meses, sen o preceptivo estudo técnico dos custes, volve-se atrás, non só na derogación, senón que se dá por finalizada esta suspensión, polo que volve a estar en vigor a taxa de 2014, por decisión do Pleno Municipal, agora, a 15 de novembro de 2017, en votación ordinaria e por maioría de sete votos a favor, correspondentes aos membros de Ferrol en Común e as non adscritas María Fernández Lemos e Rosa Méndez Fonte; en contra foron seis votos, correspondentes aos membros do PSdeG-PSOE, Bloque Nacionalista Galego e a non adscrita Esther Leira Penabad, e doce abstencións, correspondentes aos membros do Partido Popular e Ciudadanos.
ALEGACIÓNS
PRIMEIRA.- A Taxa de 2014, agora habilitada, está avultada, pois a propia Emafesa fixo un Informe que foi a base pola que se elaborou outra taxa posterior, proposta en diferentes Plenos neste ano 2017, baixo a denominación “Estudio de Costes Justificativos y Tarifas de Saneamiento en Alta y Depuración del Concello de Ferrol", onde o prezo por m3, na cota variábel, nas mesmas condicións medias elaborado para a Taxa de 2014, é inferior, o mesmo para a cota fixa do servizo. Aínda así, segundo o informe do enxeñeiro municipal e da auditora externa Audigal, os custes dese último estudo seguen avultados. O mesmo di Augas de Galicia, nun Informe elaborado en 2016 para a Mancomunidade de Concellos de Ferrol, onde se desprende que o cálculo de consumo eléctrico que fai Emafesa está aumentado, así como os caudais a depurar. A Taxa de 2014 que agora se habilita, é unha taxa calculada sobre estimacións, non sobre custos reais, e mesmo esas estimacións estaba previsto que se fixesen desde o ano 2014 até o ano 2016. Cousa que non se fixo porque se comezou a depurar en 4 de abril deste ano 2017. Mesmo, se o comparamos co prezo que tería, de estar xestionado, conforme á legalidade, o sistema de depuración e saneamento por Augas de Galicia (como así estaba previsto no Convenio de colaboración entre a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e Augas de Galicia, publicada no BOE o 19 de maio de 2014, até constituír-se un sistema xestor de carácter supramunicipal), este sería moi inferior (Artigo 66 e outros da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de Augas de Galicia e o Decreto 136/2012, do 31 de maio, polo que se aproba o Regulamento do canon da auga e do coeficiente de vertedura a sistemas públicos de depuración de augas residuais). Ver cadro comparativo.
Ordenanza Fiscal Taxa 2014 agora habilitada.
Cota Servizo por mes - 2,52
Prezo m3 por mes - 0,3826
Informe Estudo Emafesa de novembro 2016, para nova taxa.
Cota Servizo por mes - 2,30
Prezo m3 por mes - 0,3486
Coeficiente de Vertedura - Augas de Galicia 2017.
Cota Fixa Xeral por mes - 1,54
Prezo m3 por mes - 0,29
Outro dato importante que avulta a Taxa, entre outros, é a diferencia de 177.474 euros entre as previsións de Emafesa do custe da xestión dos interceptores e tanques (593.790 euros), mais no Pliego a base de licitación de Acuaes era outra cantidade (514.823,32 euros) e o da adxudicación real a Viaqua (416.316 euros), segundo informe do Enxeñeiro Municipal de marzo deste ano 2017 e os informes de Acuaes para a licitación.
SEGUNDA.- A taxa aprobada, ademais de estar avultada en canto a custes reais, ten un custo superior aos custos do servizo porque inclúe o saneamento rural, até agora inexistente, e parte do custe dos interceptores e tanques, declarados obras de interese xeral, o mesmo que a depuradora, e polo tanto non poden incorporarse ao custe da taxa, como así está regulado no artigo 24.2 do RDL 2/2004 de 5 de marzo polo que se aproba o Texto refundido de Facendas Locais. Ademais por mor do sistema unitario de saneamento imposto, o 55,5% dos caudais que temos que bombear e depurar, é a auga procedente da chuvia.
TERCEIRA.- Esta taxa está calculada e aprobada incumprindo o artigo 133 da citada Lei de Procedemento Administrativo, onde se fala da obrigatoriedade de realizar un proceso público de participación cidadá para elaborala e aprobala. Conforme aos principios da Directiva Marco da Auga, de participación cidadá, consenso social e transparencia pública total.
En virtude do exposto,
SOLICITA que tendo presentado este escrito se teña por formulado RECURSO DE REPOSICIÓN contra o mencionado acordo do Pleno do 15 de novembro de 2017, para declarar finalizada a suspensión da aplicación da taxa de saneamento de 3 de setembro de 2014, procedendo á súa anulación cos efectos legais pertinentes e se comece a dar os pasos para restituír a legalidade, entregándolle o sistema de saneamento e depuración a Augas de Galicia que é a quen lle corresponde a xestión da explotación, o seu mantemento e conservación, até que se poida facer cargo un ente supramunicipal.
Relación de documentación que solicita sexa achegada ao expediente polo propio Concello:
- Informe "Estudio de Costes justificativos y tarifas de saneamiento en alta y depuración del Concello de Ferrol", elaborado pola propia Emafesa en novembro de 2016.
- Informes do Enxeñeiro Municipal emitidos o 27 de agosto de 2015 e o 27 de marzo deste ano 2017.
- Informe do Xefe de Sección de Facenda e Patrimonio do 9 de setembro de 2015.
- Informe municipal sobre recursos de reposición interpostos pola veciñanza, en febreiro e marzo de 2015, contra a o cobro dos recibos da taxa de depuración agora rehabilitada.
- Informe especial de Audigal emitido en febreiro de 2017.
- Prego de prescricións técnicas particulares do contrato de xestión de servizo público en réxime concesional para a xestión da Edar de Cabo Prioriño, o sistema de colectores interceptores da marxe norte da ría de Ferrol, elaborado por Augas de Galicia en 2016 para a Mancomunidade de Concellos de Ferrol.
- Auto 00092/2016 do Xulgado Contenc./Administ. Nº1 de Ferrol. | Denegación medida cautelar a Socamex.
- Adxudicación a Viaqua da explot. dos interceptores NºExp.ACE/802.01-02-03-04-05/16/EXPL/01 | 28.02.2017
- Actas dos Plenos celebrados o 28.08.2014, 18.09.2015, 13.02.2017 e 15.11.2017.
Asinado.-
* Achegamos o modelo de recurso de reposición en formato pdf. | Acceder/Baixar.---