Marián Ferreiro Díaz, Alcaldesa-Presidenta do Concello de Narón |
Requirimento antes de interpoñer Recurso Contencioso-Administrativo contra o "Convenio de colaboración entre Augas de Galicia e o Concello de Ferrol, para a formalización da encomenda de xestión da explotación, mantemento, conservación do sistema de saneamanto e depuración do Concello de Ferrol", interposto polo Concello de Narón, para que as administracións asinantes deixen sen efecto e sen vixencia o mencionado Convenio. [1]
Destinatario: Augas de Galicia
Conselleria de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras
Att: D. Roberto Rodríguez Martínez
Dª. Marián Ferreiro Díaz, Alcaldesa-Presidenta do Concello de Narón, ao amparo do disposto no artigo 21.1 k) da Lei reguladora de Bases de Réxime Local[2] e sen prexuízo da ratificación plenaria que, no seu caso, se remitirá a ese organismo, formula mediante o presente escrito o requirimento previsto no artigo 44 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, Reguladora da Xurisdición Contencioso-Administrativa,[3] a fin de que polo órgano competente desa entidade, se adopte acordo deixando sen efecto e sen vixencia 0 “Convenio de colaboración entre Augas de Galicia e o Concello de Ferrol, para a formalización da encomenda de xestión da explotación, mantemento, conservación do sistema de saneamanto e depuración do Concello de Ferrol”, asinado o 1 de agosto de 2017 e publicado no DOG nº192, do 9 de outubro[4] deste ano, por no resultar o texto do devandito Convenio conforme a Dereito, como paso a xustificar:
1.- A determinación e encomenda en exclusiva ao Concello de Ferrol da xestión do Emisario submarino de Cabo Prioriño, da EDAR de Cabo Prioriño, do Emisario terrestre A Malata-EDAR de Cabo Prioriño, e do Cruce e impulsión de A Malata-incluído o colector no peirao Femández-Ladreda- a través dun sistema xestor exorbitante ao facultado polo Convenio do 27 de decembro de 2013, subscrito pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e por esa entidade,[5] non se cohonesta coas únicas posibilidades previstas naquel documento convencional, que prevé exclusivamente a xestión pola propia CC.AA. ou a través da promoción dun sistema xestor de carácter supramunicipal (isto é e neste caso, polos Concellos de Ferrol e Narón conxuntamente; mais aún tras a posta en funcionamento do Interceptor Xeral o pasado tres de abril de 2017,[6] que supuxo o efectivo vertido á EDAR de Cabo Prioriño, por parte de ambos os dous Concelllos).
2.- O prazo de vixencia do Convenio recollido na súa estipulación sétima, fai depender da exclusiva vontade dos dous asinantes -excluíndo por iso a Narón nesa decisión- a duración e pervivencia dos seus efectos no tempo. E iso posto que a pesares de fixala inicialmente nun prazo dun ano, engade despois a disxuntiva de prolongalos ata a formalización do correspondente Convenio de colaboración entre Augas e os dous Concellos, ou ata que un órgano de xestión supramunicipal asuma a explotación do sistema; posibilidades ambas que na práctica facultan e fan depender de calquera dos dous asinantes (Augas de Galicia e Concello de Ferrol) a efectiva aceptación de calquera desas dúas opcións o seu veto, e poden conferir a ese documento paccionado unha duración sine die.
3.- O obxecto específico da encomenda de xestión recollida no Convenio bilateral asinado o 1 de agosto de 2017, afecta a xestión da explotación, mantemento e conservación do servizo público de saneamento e depuración de dous municipios (non só de Ferrol, única entidade local asinante), e posúe natureza inequivocamente contractual, posto que o contido de tal xestión e encomenda coincide plenamente coa definición que do contrato de xestión de servizos públicos fai o artigo 8 do Texto Refundido da Lei de Contratos do Sector Público;[7] resultando polo tanto o documento convencional, dende o punto de vista xurídico-material, un contrato administrativo sometido a normativa de contratación pública e, en primeiro termo, á libre concorrencia; sen que poida reputarse ao Concello da cidade departamental como un medio propio da entidade pública Augas de Galicia, inexistindo polo tanto os requisitos do artigo 24.6 do TRLCSP.[8]
Polo exposto,
requírese a Augas de Galicia -aos efectos previdos no artigo 44 da Lei da Xurisdición Contencioso-Administrativa[9] e dada a concorrencia das causas de nulidade de pleno dereito recollidas no artigo 47.1, letras b) e e) da Lei 29/2015, de l de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas,[10] para que, previos os trámites que resulten oportunos, deixe sen efecto e sen vixencia o “Convenio de colaboración subscrito entre Augas de Galicia e o Concello de Ferrol para a formalización da encomenda de xestión da explotación, mantemento e conservación do sistema de saneamento e depuración do Concello de Ferrol”.
Narón, 15 de novembro, de 2017.
A Alcaldesa.-
Asdo: Marián Ferreiro Díaz
CONCELLO DE NARÓN
Praza de Galicia, s.n. - 15570 - Narón -A Coruña - CIF: P 1505500 G -Te|.: 981 337700 - Fax: 981337701 - www.naron.es
---
Notas da Plataforma.-
[1] Escrito orixinal de Requirimento do Concello de Narón a Augas de Galicia. En formato pdf. 2 páxinas. | Acceder/Baixar. Outro escrito nos mesmos termos foi dirixido ao Concello de Ferrol.
[2] Artigo 21.1 k) da Lei reguladora de Bases de Réxime Local. | Ir ao BOE. | Xurisprudencia complementaria do artigo. | Ir ao BOE.
Artigo 21
1. O Alcalde, é o Presidente da Corporación e ostenta as seguintes atribucións:
k) O exercicio das accións xudiciais e administrativas e a defensa do concello nas materias da súa competencia, ata cando as houber delegado noutro órgano, e, en caso de urxencia, en materias da competencia do Pleno, neste suposto dando conta ao mesmo na primeira sesión que celebre para a súa ratificación.
[3] e [9] Artigo 44 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, Reguladora da Xurisdición Contencioso-Administrativa. | Ir ao BOE. | Xurisprudencia complementaria (Sentenzas Supremo). | Ir ao BOE.
Artigo 44
1. Nos litixios entre Administracións públicas non caberá interpoñer recurso en vía administrativa. No entanto, cando unha Administración interpoña recurso contencioso-administrativo contra outra, poderá requirila previamente para que derrogue a disposición, anule ou revogue o acto, faga cesar ou modifique a actuación material, ou inicie a actividade a que estea obrigada.
Cando a Administración contratante, o contratista ou terceiros pretendan recorrer as decisións adoptadas polos órganos administrativos aos que corresponde resolver os recursos especiais e as reclamacións en materia de contratación a que se refire a lexislación de Contratos do Sector Público interpoñerán o recurso directamente e sen necesidade de previo requirimento ou recurso administrativo.
2. O requirimento deberá dirixirse ao órgano competente mediante escrito razoado que concretará a disposición, acto, actuación ou inactividade, e deberá producirse no prazo de dous meses contados desde a publicación da norma ou desde que a Administración requirente coñecese ou podido coñecer o acto, actuación ou inactividade.
3. O requirimento entenderase rexeitado si, dentro do mes seguinte á súa recepción, o requirido non o contestase.
4. Queda a salvo o disposto sobre esta materia na lexislación de réxime local.
[4] Resolución do 4 de setembro de 2017 pola que se dá publicidade aos convenios de colaboración subscritos por esta entidade pública no segundo cuadrimestre do ano 2017. DOG Núm. 192 Luns, 9 de outubro de 2017. | Ir á Web. | Texto de Convenio que se levou ao Pleno. | Acceder/Baixar.
Convenio
Convenio de colaboración entre a entidade pública empresarial Augas de Galicia e o Concello de Ferrol para a formalización da encomenda de xestión da explotación, mantemento e conservación do sistema de saneamento e depuración do concello de Ferrol.
Obxecto
Determinar as condicións que rexerán a encomenda de xestión para a explotación, mantemento e conservación do sistema de saneamento e depuración das instalacións descritas no convenio.
Importe total do convenio
Sen custo económico
Data da sinatura
1.8.2017
[5] Resolución de 7 de maio de 2014, pola que se publica o Convenio de colaboración entre a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e Augas de Galicia, para a formalización da encomenda de xestión da explotación, mantemento e conservación das obras consistentes na condución das augas, depuración e vertido de Ferrol, asinado uns meses antes, en Ferrol, o 27 de decembro de 2013 e publicada no BOE o 19 de maio de 2014. | Publicado só nove días antes de realizar-se o Pleno Municipal onde foi aprobado o "Convenio de Colaboración entre Augas de Galicia e o Concello de Ferrol para a formalización da encomenda de xestión da explotación, mantemento e conservación do sistema de saneamento e depuración do Concello de Ferrol", o Protocolo con Emafesa e a Taxa. | 13 páxinas en formato pdf. | Acceder/Baixar.
[6] Acuaes iniciou as conexións das redes de sumidoiros de Ferrol e Narón ao novo sistema de saneamento tralo acordo alcanzado entre estes dous concellos e Augas de Galicia. | Acceder/Baixar.
[7] Artigo 8 do Texto Refundido da Lei de Contratos do Sector Público. | Ir ao BOE.
Artigo 8. Contrato de xestión de servizos públicos.
1. O contrato de xestión de servizos públicos é aquel en cuxa virtude unha Administración Pública ou unha Mutua de Accidentes de Traballo e Enfermidades Profesionais da Seguridade Social, encomenda a unha persoa, natural ou xurídica, a xestión dun servizo cuxa prestación foi asumida como propia da súa competencia pola Administración ou Mutua encomendante.
As Mutuas de Accidentes de Traballo e Enfermidades Profesionais só poderán realizar este tipo de contrato respecto de a xestión da prestación de asistencia sanitaria
2. As disposicións desta Lei referidas a este contrato non serán aplicables aos supostos en que a xestión do servizo público se efectue mediante a creación de entidades de dereito público destinadas a este fin, nin a aqueles en que a mesma atribúase a unha sociedade de dereito privado cuxo capital sexa, na súa totalidade, de titularidade pública.
[8] Artigo 24.6 do Texto Refundido da Lei de Contratos do Sector Público. | Ir ao BOE.
Artigo 24. Execución de obras e fabricación de bens mobles pola Administración, e execución de servizos coa colaboración de empresarios particulares.
6. Aos efectos previstos neste artigo e no artigo 4.1.n), os entes, organismos e entidades do sector público poderán ser considerados medios propios e servizos técnicos daqueles poderes adxudicadores para os que realicen a parte esencial da súa actividade cando estes ostenten sobre os mesmos un control análogo ao que poden exercer sobre os seus propios servizos. Si trátase de sociedades, ademais, a totalidade do seu capital terá que ser de titularidade pública.
[10] Artigo 47.1, letras b) e e) da Lei 29/2015, de l de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas. Ir ao BOE.
Artigo 47. Nulidade de pleno dereito.
1. Os actos das Administracións Públicas son nulos de pleno dereito nos casos seguintes:
b) Os ditados por órgano manifestamente incompetente por razón da materia ou do territorio.
e) Os ditados prescindindo total e absolutamente do procedemento legalmente establecido ou das normas que conteñen as regras esenciais para a formación da vontade dos órganos colexiados.
PLATAFORMA NA DEFENSA DOS SERVIZOS PÚBLICOS, POLA REMUNICIPALIZACIÓN
Alexandre Carrodeguas | Fernando Ramos | Pablo Portero | Bernardo Rego | Lupe Ces |
remunicipalizacion.plataforma@gmail.com | https://plataformaferrol.blogspot.com.es
---