xoves, 9 de novembro de 2017

A ameaza e a chantaxe faise habitual na política do goberno municipal - A Plataforma pola Remunicipalización diante do Pleno Municipal de Ferrol, onde o Goberno de Jorge Suárez pretende recuperar a Taxa do PP - Chamamos á veciñanza a participar no pleno extraordinario, este venres 10 de novembro, pola mañá, ás 9:30hs, para amosar o noso desacordo e indignación

Consello de Administración de Emafesa- Abril de 2017 - Foto GaliciaPress


Primeiro foi o mantra “sen taxa non hai depuración”, a isto sumouse a instrumentalización dun sector dos traballadores e traballadoras do mar, a quen se lles dixo que sen taxa a depuradora non ía arrancar. Logo viñeron varios plenos onde se pretendía aprobar unha taxa elaborada pola empresa que enganou á cidadanía de Ferrol en diferentes ocasións (depuradora, trialometanos, ocultación de inspección...). Logo se falou de que o Alcalde ía ter que responder co seu patrimonio. Agora fálase de que é o conxunto da corporación a que vai ter que responder ante a xustiza se non se aproba a taxa que elaborou EMAFESA.

Todo para dar cobertura legal a unha relación contractual EMAFESA versus depuración, que non a ten; todo por sanear unhas contas, as de EMAFESA, que non están aprobadas; todo por ocultar unha xestión nefasta e prexudicial para os intereses da cidadanía de Ferrol por parte de SOCAMEX, parte privada e única xestora de EMAFESA; todo por ocultar a inacción do alcalde Jorge Suárez e do seu goberno, que fixeron ouvidos xordos ás organizacións sociais coma a nosa ou a propia AEOPAS (Á que o Concello está asociada), que se ofertaban para colaborar e cooperar nos pasos a dar para o rescate do servizo das mans desa empresa irresponsábel e incapaz, EMAFESA; todo para manter-se nunha posición incomprensíbel e turrona, na vez de devolver-lle a Augas de Galicia, a xestión do servizo e das infraestruturas, da que só ela é responsábel; todo para que o que é un sistema de saneamento moi caro, ineficaz e obsoleto, sexa sufragado pola veciñanza de Ferrol e o FEDER, sen que os seus responsábeis políticos e técnicos asuman nada; todo para que o goberno de Rey Varela saia ileso do que foi unha das maiores fraudes cometidas contra o pobo de Ferrol dos últimos tempos, cobrar por un servizo que non se prestaba, a depuradora que non depuraba; sen ter aprobado o preceptivo padrón municipal e todo isto aínda tendo acordado, en setembro de 2015, todas as medidas para que EMAFESA non seguira tirando os nosos recursos polo sumidoiro, (auditoría, expedientes, fiscalía, devolución da taxa, denuncia do Convenio con Augas de Galicia, devolución do sistema de depuración...) nada disto se levou adiante. Estes dous anos foron desandar o andado, tirarse polo monte abaixo.

A Plataforma manten-se nas exixencias que levamos presentando diante do goberno municipal desde hai ano e medio:

1º Cumprir xa a súa obriga e compromiso de facer unha auditoría real e integral sobre a xestión e a situación económica financeira de EMAFESA.

Denunciar o Convenio con Augas de Galicia e entregar a xestión do sistema de saneamento e depuración a quen é o seu único responsábel -a Xunta de Galicia, a través de Augas de Galicia, até que se constitua un sistema supramunicipal de xestión (Como Edar Bens, empresa pública dos concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros), como así posibilita o primeiro Convenio de Colaboración (encomenda) entre a Confederación Hidrográfica Miño-Sil e Augas de Galicia.

Devolver a taxa indebidamente cobrada á veciñanza e comezar cun proceso transparente e participado como manda as directivas europeas e a lexislación vixente xa adaptada.

Iniciar o proceso de recuperación da xestión do servizo, para a xestión pública, cumprindo cos acordos do pleno municipal de 30 de xullo de 2015.
Chamamos á cidadanía a participar no pleno extraordinario onde o goberno de Jorge Suárez pretende recuperar a taxa do Partido Popular, para mostrar o noso rechazo ante esta desfeita do que debera ser unha política de defensa do ben común, que se converte na defensa dos intereses dunha coporación privada que dita, baixo chantaxe e ameazas a política municipal deste goberno de FeC.

Ferrol, 9 de nevombro de 2017



PLATAFORMA NA DEFENSA DOS SERVIZOS PÚBLICOS, POLA REMUNICIPALIZACIÓN
Abonda de saqueo! Hai outras alternativas! Si se pode!
Pódese, débese e precísase!
  • Alexandre Carrodeguas | 690612737
  • Fernando Ramos | 622932443
  • Pablo Portero | 659855805
  • Bernardo Rego | 603772650
  • Lupe Ces | 652201003
remunicipalizacion.plataforma@gmail.com

https://plataformaferrol.blogspot.com.es
---