martes, 14 de novembro de 2017

A Plataforma na Defensa dos Servizos Públicos pola Remunicipalización, continuará no feche até que se celebre o Pleno deste mércores - Cualifica de inxusto que a cidadanía de Ferrol teña que sanear as contas dunha empresa totalmente opaca, que ten enganado á cidadanía



Un grupo de representantes da Plataforma na Defensa dos Servizos Públicos pola Remunicipalización efectuou un feche nas dependencias municipais que pretende prolongar até o pleno de mañá mércores 15 de novembro. O obxectivo deste feche é chamar a atención e mostrar o rechazo ante o levantamento da suspensión da taxa municipal de saneamento, que fora aprobada durante o goberno de José Manuel Rey Varela e que, logo de ser suspendida a proposta do goberno de FeC-PSOE, no Pleno do 18 de setembro de 2015, e derogada provisionalmente en Febreiro deste ano 2017, agora quere ser instaurada de novo polo goberno de Jorge Suárez. Algo que con case seguridade conseguirá aprobar cos votos ou a abstención do PP.

A Plataforma critica a Suárez por cambiar o programa municipal, e incumprir todo o que aprobou e dixo que ía realizar nos primeiros meses de mandato, verán de 2015. Agora critican que goberne ao mandado de Socamex, parte privada da empresa mista EMAFESA.

Portavoces da Plataforma aseguran que Jorge Suárez debera ter entregado a xestión da depuradora a Augas de Galicia, porque o traballo que realiza agora EMAFESA carece de base contratual. Ademais cualifica de inxusto que a cidadanía de Ferrol teña que sanear as contas dunha empresa totalmente opaca, que ten enganado á cidadanía (a depuradora que non depuraba, os trialometanos, a taxa cobrada ilegalmente...), da que debemos desconfiar e non entregar-lle a xestión dun servizo tan importante como é a depuración de augas residuais.

Tampouco temos que asumir parte dos custes de financiamento dun sistema de saneamento obsoleto, que non separa as augas pluviais das residuais, obrigando a depurar a auga da chuvia, co coste enerxético engadido que supon, moi caro, grande consumidor de enerxía que se nos impuxo en Ferrol, ao que non se puido nin presentar alegacións (a exposición pública do proxecto fíxose en Ourense, dede da Confederación Hidrográfica Miño-Sil), e do que o único responsábel é o Ministerio de Medio Ambiente, a través de ACUAES. Que se paga con fondos europeos e case o 30%, temos que pagar a veciñanza dos concello de Narón e Ferrol. Cando non teríamos que pagar, como no resto dos lugares onde as obras a realizar son declaradas de interese público. Ademais de ser a Ría de Ferrol unha zona de especial sensibilidade. Por non falar da situación de declive económico e social desta Comarca (Desindustrialización, case dobre desemprego que no resto das cidades, emigración da xuventude, alto índice de envellecemento da poboación... ).

A Plataforma denuncia tamén o conxunto de chantaxes e mentiras que se verteron desde Emafesa e a Alcaldía, contra quen pretenderan actuar no camiño do rescate do servizo. Chantaxe ao que se sumou estes días Gas Natural Fenosa, dicindo que ía parar o subministro eléctrico ao sistema de depuración, coa conseguinte paralización, como se a súa paralización, non incurrira nun delito ecolóxico grave, obrigando a outras institucións a facerse cargo, como é o caso de Augas de Galicia, verdadeira responsábel da xestión desta infraestrutura.

Foto de M.C. Ferrol360 - 14 de novembro de 2017

A Plataforma segue insistindo que a situación actual resolveríase convertendo a Emafesa nunha empresa 100% pública e devolvendo a depuradora á Xunta de Galicia. Segundo os portavoces da plataforma “expedientar á empresa, levala ante a fiscalía, audita-la para demostrar a súa xestión contraria aos intereses da cidadanía de Ferrol. Ese é o camiño da recuperación do servizo e do mantemento dos postos de traballo, e non embolsar-lle os maís de 5 millóns de euros que disque lle debemos”.

PLATAFORMA NA DEFENSA DOS SERVIZOS PÚBLICOS, POLA REMUNICIPALIZACIÓN
Alexandre Carrodeguas | | Fernando Ramos | | Pablo Portero | | Bernardo Rego | | Lupe Ces | |
remunicipalizacion.plataforma@gmail.com | https://plataformaferrol.blogspot.com.es
---