martes, 20 de outubro de 2020
A Plataforma interven no Pleno Municipal de Ferrol para demandar actuacións concretas do goberno municipal na solución do conflito da depuración, diálogo co Concello de Narón, depurar responsabilidades nas lecturas estimadas irregulares, revisión inmediata da taxa, poñer fin á inxusta situación do barrio de Recimil, mesa de diálogo, transparencia, participación,...
Onte, luns 19 de outubro de 2020, tiña lugar sesión extraordinaria do Pleno de Ferrol, no Pazo Municipal, ás 20:30 horas, (continuación do Pleno ordinario de setembro) para abordar a Proposta de desestimación do requirimento efectuado polo Concello de Narón ao acordo do Concello (Pleno de Ferrol de 28 de novembro de 2019) e aprobación de nova liquidación. E unhas mocións, unha para darlle pulo á construción do monumento ás vítimas do franquismo; outra para instar á Consellería do Mar a dar solucións ás mariscadoras da nosa ría e unha máis relativa á situación do marisqueo na Ría de Ferrol.
Antes de comezar o Pleno tiña pedida a palabra a Plataforma, e no seu nome interveu Lupe Ces nestes termos:
Boa noite! Concelleiras, Concelleiros, ... Sr Alcalde...
A Plataforma na Defensa dos Servizos Públicos pola Remunicipalización, levamos sete anos, e tres gobernos municipais, denunciando os abusos e irregularidades que a empresa EMAFESA e o Concello de Ferrol, practican contra a veciñanza, en relación ao servizo de auga, saneamento e depuración.
Así queda rexistrado cos numerosos escritos, recursos, peticións e participación noutros plenos, que vostede leva ignorado na parte que lle corresponde, como está demorando e ignorando, as contestacións aos sucesivos requirimentos da Valedora do Pobo, a raíz da nosa Queixa colectiva, pola vulneración do principio de igualdade e non discriminación en relación ao cobro da taxa de depuración das augas residuais.
No contexto dunha empresa de xestión 100% privada a cargo de SOCAMEX, filial de Urbaser, á súa vez propiedade do fondo chinés Firion Investments S.L. ; cando non se ten reparo en realizar, cando precisa liquidez, lecturas estimadas avultadas; cando se mantén durante décadas o cobro de 20m³ lineais a barrios enteiros por falta de contadores (Recimil, e antigas sindicais); cando non se ten reparo en manter como potábel a auga consumida na cidade, aínda sabendo da presenza de trihalometanos; cando non se tivo reparo en conceder a EMAFESA a xestión da depuradora, sabendo que o prego de condicións non lle daba opción a un servizo que na realidade é supramunicipal, e que debera ser de xestión mancomunada; cando non se ten reparo en permitir esa xestión sen unha nova licitación pública, por aumento do volume de negocio nun 67,5%; cando se mantén intacto o custe do prezo no recibo polo concepto de saneamento cando unha parte xa non lle corresponde, ao haber unha variación significativa no servizo e mesmo estar incluído xa no cálculo da taxa de depuración das augas residuais; cando se aplican tarifas abusivas ao pequeno comercio, despachos e negocios; cando se lle permite a unha empresa que non devolva os cobros indebidos e cando o Concello atrasa a aplicación das bonificacións ás familias máis vulnerábeis; cando a empresa mixta retén o canon da auga e o canon concesional para un irregular financiamento..., nese contexto hai que entender a complicidade dos distintos gobernos municipais, que non só non fan o seu labor de fiscalización da xestión privada de EMAFESA, senón que se converten en cómplices e facilitadores deses abusos e irregularidades; nese contexto hai que entender que neste Pleno non se queira atender as alegacións do concello de Narón, como se desoen todas as alegacións e recursos presentados pola veciñanza ao redor deste servizo.
Fronte a isto, a empresa non ten aberto ningún expediente administrativo. Mesmo non se recorreu a sentenza da suspensión da aplicación da ordenanza ante o Tribunal Supremo, sentenza que lesiona gravemente os intereses da veciñanza desta cidade, e non corrixe a inxustiza do trato discriminatorio que representa, aplicando un cobro inxusto dunha taxa avultada, a unha veciñanza que na súa maioría non estaba enganchada ao sistema de interceptación e depuración, polo tanto non se lle prestaba o servizo, segundo o entende a Lei de Facendas Locais, que esta maldita Ordenaza 17 do Concello de Ferrol, vulnera flagrantemente. Discriminando a unha parte da veciñanza a respecto doutras zonas do concello onde aínda agora non se pasa a cobro, e a respecto da veciñanza do concello de Narón.
Nese contexto é que, independentemente das actuacións que continúe a realizar esta Plataforma, diante da Valedora do Pobo, diante da Comisión Nacional dos Mercados da Competencia, diante do Consello de Contas de Galicia, da Oficina Independente de Regulación e Supervisión da Contratación, do Tribunal de Contas, e diante de todas aquelas institucións ás que houbese lugar
SOLICITÁMOSLLE
1. Que recupere o diálogo co Concello de Narón e forme unha fronte común, para devolver a xestión das instalacións do servizo de depuración a Augas de Galicia, quen debería realizar a xestión mentres non exista un ente supramunicipal dos concellos de Ferrol e Narón para realizala.
2. Que abra expediente administrativo á empresa EMAFESA por todas as irregularidades que se mencionaron aquí. Sinaladamente a masiva aplicación de lecturas estimadas moi abusivas, moi por riba do permitido na Ordenanza e no Regulamento da Auga, e polo tanto se siga o trámite de solicitude de apertura de expediente administrativo, que esta Plataforma fixo con data de 25 de maio de 2018, para o que se nos deu audiencia, na que nos personamos o 27 de xuño do mesmo ano. Nesta solicitude pediamos que se depuraran responsabilidades por un suposto financiamento irregular por parte de EMAFESA a conta da veciñanza.
3. Que faga efectivo o acordo do pleno celebrado no 27 de febreiro deste ano, onde quedou aprobado por unanimidade poñer fin á inxusta situación do barrio de Recimil, coa instalación de contadores individuais de abastecemento de auga nas vivendas para pór fin ao cobro lineal de 20 m³ por dous meses de consumo de auga, moi abusivo para á maioría da veciñanza, fogares dunha ou dúas persoas maiores que conviven soas que como moito consumen 8 m³ de auga. Situación provisional que se prolonga por case dúas décadas. Acordo que se debe facer extensivo ás Vivendas Sindicais.
4. Que, alegrándonos de que nos últimos recibos non se estea pasando a cobro os supostos atrasos correspondentes ao servizo de depuración, cando a maioría da cidade non estaba conectada ao sistema que aínda non fora finalizado, solicitamos información sobre a vontade deste goberno a respecto de resolver a situación do cobro dos citados atrasos do período setembro/2014, marzo/2017. Porque a sentenza só di que a ordenanza que regula a taxa non se podía suspender, o que non di a sentenza é a quen hai que cobrar a devandita taxa. O anterior alcalde, cando asinou o edito do 20 de agosto de 2018, aprobando as liquidacións e o Padrón de Contribuíntes, era consciente de que á maioría da veciñanza incluída nese padrón, e por ese período,non se lle prestara o servizo. Hai que corrixir esa inxustiza.
5. Que con carácter urxente se revise a taxa avultada de 2014, aínda en vigor, e todas as tarifas que aplica a empresa, incluído os custes de saneamento que non lle corresponde. Tal e como indica o Informe técnico-económico para a elaboración e cálculo da taxa, e tal e como figura na acta do pleno celebrado para a súa aprobación en 28 de agosto de 2014, “todas as taxas (en especial esta, por ser de nova implantación) deben ser revisadas cada ano, e máis aínda si se teñen producido alteracións significativas nos custes no exercicio en vigor ou son previsibles para o seguinte”. Ademais da urxente necesidade de revisión e actualización do sistema de bonificacións.
6. Solicitamos nos responda a todas as solicitudes, recursos e demais iniciativas que esta Plataforma ten presentando diante do Concello e ate agora seguen sen resposta. O mesmo que segue sen responder á petición de constitución dunha mesa de diálogo, máis necesaria que nunca dado que a aplicación da sentenza está a recaer sobre quen non ten responsabilidade algunha, nin na recepción dunha depuradora defectuosa, nin que non se rematara a tempo as obras dos interceptores, nin no desafortunado cálculo da taxa, nin na aprobación da ordenanza inxusta e discriminatoria, nin da incapacidade para modificar, derogar ou suspender unha taxa. Polo tanto, reiteramos a nosa petición, feita en numerosas ocasións, mesmo neste mesmo pleno en setembro de 2019, da creación dunha mesa de diálogo para abordar estes temas.
7. Aproveitamos esta intervención para amosar a nosa solidariedade cos traballadores e traballadoras do servizo de Parques e Xardíns. Como Plataforma na defensa dos Servizos Públicos, consideramos que a solución pasa polo rescate para a xestión pública deste importante servizo para a cidade, subrogando aos traballadores e traballadoras e dignificando as condicións laborais e sociais nas que se desempeña este servizo, sen contrato desde 2008.
8. Situación igualmente preocupante a do servizo de limpeza viaria e de recollida e transporte de residuos sólidos urbanos, con contrato caducado da empresa Urbaser desde 2014, onde a solución pasa polo rescate do servizo para a xestión pública e a subrogación do cadro de persoal. O que levaría parello unha mellora nas condicións de traballo, unha cidade máis limpa, unha factura menor para a veciñanza e unha mellor xestión dos residuos.
Sr Alcalde só pedimos transparencia, participación, trato xusto e servizos públicos de calidade.
Ferrol, 19 de outubro de 20120
💧 A intervención en formato pdf. - 7 páxinas. | Acceder/baixar.
💧 A intervención en formato de Áudio mp4. | Acceder/Baixar.
---