martes, 13 de outubro de 2020

Valoración da Plataforma de Ferrol pola Remunicipalización, da reunión coa Valedora do Pobo e a responsábel da area municipal do alto comisionado, en relación á Queixa colectiva contra o Concello de Ferrol e a empresa mixta da auga Emafesa


COMUNICADO Á VECIÑANZA

- A Plataforma reuniu-se coa Valedora do Pobo e a responsábel da area municipal do alto comisionado.

-  A Plataforma deu a coñecer o proceso polo que unha parte da veciñanza de Ferrol está sendo discriminada polo cobro da taxa de depuración, dun período onde non se prestou o servizo e as diferentes irregularidades da xestión de Socamex en Emafesa..

-  Abríronse a raíz desta reunión unhas novas vías de actuación desta Plataforma.


Unha vez realizada a entrevista, solicitada por esta Plataforma coa Valedora do Pobo, o pasado venres 9 de outubro, en relación á QUEIXA colectiva contra o Concello de Ferrol, e no seu caso contra a empresa mixta EMAFESA, por presentar facturas por un importe superior a 7,12 millóns de euros en concepto de taxa de ‘depuración de augas residuais’, por un período de 31 meses (setembro/2014 a marzo/2017) onde non se prestou o servizo, esta Plataforma conclúe o seguinte:

1º Que no desenvolvemento de dita reunión, de máis de dúas horas de duración, na que estivo presente a propia Valedora, María Dolores Fernández Galiño, mais a responsábel da Area de Corporacións Locais e Servizos Municipais da institución, Carmen Cuiñas Durán, a Plataforma tivemos a oportunidade de explicar cal é a situación do servizo de abastecemento, saneamento e depuración de augas, no concello de Ferrol, e da situación da empresa EMAFESA, empresa mixta, mais coa xestión 100% privada do socio minoritario, SOCAMEX (Urbaser).

2º Que máis concretamente esta Plataforma deu a coñecer o proceso polo que unha parte da veciñanza de Ferrol está sendo discriminada polo cobro da taxa de depuración, dun período onde non se prestou o servizo. Cargando deste xeito os custes da reparación, arranque, posta en marcha e período de probas do sistema de saneamento, depuración e interceptación, só a unha parte da veciñanza de Ferrol. Cando é un sistema de carácter supramunicipal que benefician por igual tanto a toda a veciñanza de Ferrol, como á de Narón, como nun futuro á de Neda. Un acto administrativo que consideramos discriminatorio, ao tratar de xeito diferente a persoas en situacións similares sen que exista unha xustificación obxectiva e razoábel. Vulnerando co mesmo, o principio de igualdade recollido no artigo 14 da Constitución Española e no artigo 21 da Carta dos Dereitos Fundamentais da Unión Europea.

3º Trasladámoslle tamén a queixa dos veciños e veciñas de Recimil, e antigas sindicais de San Pablo e Serantes, polo cobro lineal de 20 m³ por dous meses de consumo de auga, moi abusivo para á maioría da veciñanza, fogares dunha ou dúas persoas maiores que conviven soas que como moito consumen 8 m³ de auga. Situación provisional que se prolongou por case dúas décadas. Con máis razón se o pasado 27 de febreiro quedou aprobado por unanimidade poñer fin a esta inxusta situación, coa instalación de contadores individuais de abastecemento de auga nas vivendas, sen que o goberno municipal comezase, logo de 8 meses, a dar pasos para resolve-la.

4º Así mesmo, esta Plataforma puido explicar como esta taxa está avultada, xa que nestes momentos, as cantidades reais de volumes de augas residuais tratados, cantidade de lodos e custe eléctrico, non se corresponden cos utilizados para o seu cálculo no ano 2014.

5º Informouse tamén das practicas abusivas da empresa EMAFESA (lecturas lineais, lecturas estimadas, duplicidade no cobro no concepto de saneamento...), e tamén a negativa de Emafesa a devolver os cartos cobrados de máis.

6º Explicouse tamén a situación legal de EMAFESA, que carece de contrato para asumir o servizo de depuración, cando debera saír a concurso público por aumentar en máis dun 65% o seu volume de negocio.

7º A Plataforma informou da falta de resposta do Concello de Ferrol ás nosas denuncias e peticións de información pública dos servizos que está a prestar con total autonomía a empresa Socamex, sen ningún control do propio Concello, facendo deixazón do seu papel fiscalizador da xestión privada de EMAFESA.

8º Informouse-nos da relentización, por parte do Concello, aos seus reiterados requirimentos de envío de información, demorando máis de 6 meses, para emitir un simple informe e mesmo que aínda está pendente, o goberno municipal, de responder a varias peticións de “informe complementario urxente” e o da petición de “mesa de diálogo” requiridos novamente o pasado 26 de agosto.

9º A Valedora do Pobo recolleu todas as nosas reivindicacións e solicitou documentación sobre a negativa dos diferentes gobernos municipais a darnos información sobre o servizo de auga e saneamento, quedando en analizalos e debatelos, entre outros asuntos, na próxima reunión con esta institución.

Abríronse a raíz desta reunión unhas novas vías de actuación desta Plataforma, das que iremos informando segundo se vaian realizando, todas encamiñadas á defensa dos dereitos fundamentais que como cidadanía nos corresponden, e na defensa duns servizos públicos que nos protexan do abuso das transnacionais que converten un dereito humano fundamental, como é o dereito á auga e ao saneamento, nun negocio que prima por riba do propio dereito.

Ferrol a , 13 de outubro, de 2020

---