mércores, 7 de outubro de 2020

A Plataforma na Defensa dos Servizos Públicos pola Remunicipalización, manterá este venres 9 de outubro unha reunión coa Valedora do Pobo sobre o cobro da taxa de saneamento por un período onde non se prestou o servizo

 


O pasado 2 de febreiro, a Plataforma, presenta escrito de QUEIXA ante a Valedora do Pobo, contra o Concello de Ferrol e a Empresa Mixta de Aguas de Ferrol, S.A. -EMAFESA, por presentar, e comezar, a cobrar facturas por un importe de 7.129.145,59 euros (Incluído IVA) en concepto de taxa de depuración de augas residuais, por un período de 31 meses (setembro/2014 a marzo/2017) onde non se prestou o servizo. Cargando deste xeito os custes da reparación, arranque, posta en marcha e período de probas do sistema de saneamento, depuración e interceptación, só a unha parte da veciñanza de Ferrol. Unhas infraestruturas que son de carácter supramunicipal que benefician por igual tanto a toda a veciñanza de Ferrol, como á de Narón, como nun futuro á de Neda. Ademais considera este, un acto administrativo de discriminación, ao tratar de xeito diferente a persoas en situacións similares sen que exista unha xustificación obxectiva e razoábel. Vulnerando co mesmo, o principio de igualdade recollido no artigo 14 da Constitución Española e no artigo 21 da Carta dos Dereitos Fundamentais da Unión Europea e de toda a normativa que deles emana.

En todo caso deberían ser os concellos de Ferrol e Narón, a Xunta (Augas de Galicia) e a administración central quen, con recursos propios, fixeran fronte á cobertura do custe real dese período de reparación, posta en marcha e probas, nunca a veciñanza á que non se lle prestou o servizo.

A queixa inclúe a denuncia da falta de transparencia e diálogo por parte dos sucesivos gobernos do Concello de Ferrol, ante os continuos requirimentos de aporte de documentación e reunións para tratar o tema, desta Plataforma.

A Plataforma remataba a queixa solicitando á Valedora que recomende ao goberno municipal que abra unha mesa de diálogo con esta plataforma veciñal, para atopar unha vía de solución non discriminatoria e que non signifique o saqueo á veciñanza.

A Plataforma agarda que a Valedora aporte nesta reunión iniciativas a levar a cabo por esta institución ante o Concello de Ferrol, de cara a resolver este conflito dun xeito político, con transparencia, diálogo e negociación.

A reunión terá lugar o venres 9 de outubro ás 11hs, na sede da institución na cidade de Compostela.

---