venres, 6 de decembro de 2019

Canido, Caranza e Ultramar, foron os lugares onde a Plataforma realizou as súas primeiras asembleas veciñais, e os seus primeiros actos informativos, da nova campaña contra o cobro dos recibos da depuración, do período onde non se prestaba o servizo - O mércores 11 de decembro terá lugar en Esteiro a seguinte asemblea veciñal


Asemblea de Canido - Martes 3 de decembro de 2019
Asemblea de Caranza - Mércores 4 de decembro de 2019
Asemblea de Ultramar - Xoves 5 de decembro de 2019
A Plataforma realizou os seus primeiros actos informativos, cunhas significativas e participativas asembleas veciñais no Centro Cívico de Canido, no Galicia de Caranza e no Local da Asociación Veciñal de Ultramar, os días 3, 4 e 5 de decembro respectivamente. Tres actos dentro da nova campaña sobres os recibos de depuración de augas residuais, do período onde non se prestaba o servizo. Período que comprende desde o 4 de setembro de 2014 -día seguinte ao que se publicou a Ordenanza no BOP- e o 3 de abril de 2017 -día no que  ACUAES conectou os interceptores e colectores xerais ao sistema de impulsión da Cabana-. Son 31 meses onde o servizo non se prestaba, só unha pequena parte das augas residuais eran impulsadas até a estación depuradora onde por tempos aleatorios recibían un pretratamento, mais que mediante un baipás ían directamente sen depurar ao mar.

Os actos discorreron cunha pequena introdución de carácter cronolóxico, onde se trataron os aspectos máis relevantes da situación actual, despois da sentenza do TSXG a favor de Socamex, o goberno municipal renunciou a continuar co procedemento xudicial, polo que ten a intención de non presentar recurso de casación ante o Tribunal Supremo. A Plataforma é partidaria de continuar co procedemento, polo que chama ao goberno municipal a recorrer a sentenza ante o Supremo, ademais non hai escusa para non face-lo, hai que defender os intereses da veciñanza até o final. Mais, independentemente de que o Supremo admita ou non o recurso, a solución a este conflito non vai vir pola vía xudicial, vai ter que ser política, porque dun xeito ou outro o diñeiro para pagar o mal goberno, vai saír de onde sae sempre, dos tributos e taxas que pagamos o conxunto das veciñas e veciños. O debate é canto diñeiro e como se paga. A empresa mixta -Emafesa- terá que presentar, canto supuxeron, os gastos xustificados e auditados, no sitema de saneamento e depuración, neste longo período de 31 meses de posta en marcha, onde non se prestou o servizo. Unha parte da veciñanza de Ferrol, non podemos costear o que tiña que ser contribuído pola Administración Central, a Xunta de Galicia e os concellos de Ferrol e Narón. Mais tampouco temos que ser unha parte da veciñanza a que pague o que é un sistema de depuración, para todas as veciñas e veciños de Ferrol e Narón, e nun futuro tamén de Neda. Son  máis de 7,1 milhóns de euros (Incluído o IVA) que nos están cobrando a unha parte da veciñanza de Ferrol por un servizo que non se prestou. Unha verdadeira fraude, unha estafa á veciñanza.

Nas asembleas foron numerosos os veciños e veciñas que expuxeron as súas denuncias ante os abusos da empresa mixta, polo trato e as lecturas estimadas abusivas. Tamén a veciñanza entrou a fondo do problema da depuración e saneamento, até presentaron propostas e chamaron á concienciación e mobilización.

A Plataforma quere unha mesa de diálogo co goberno municipal, onde tamén participen as asociación veciñais. Que se recorra a sentenza do TSXG e se anulen as liquidacións e padrón municipal que permiten o cobro da facturación dos supostos atrasos que teñen previsto pasar ao cobro no 2020 e principios de 2021. Que se cuantifiquen os gastos reais de Emafesa no período dos 31 meses de posta en marcha e se distribuían entre as diferentes administracións responsábeis. Que se renoven as conversacións co concello veciño de Narón, para buscar unha solución conxunta ao sistema de saneamento e depuración. Que se derogue a actual taxa de depuración e a que se estabeleza, ten que ser unha taxa explicada, xusta e participada.

Mentres a Plataforma chama a non pagar o vindeiro recibo polos supostos atrasos de depuración das augas residuais que pretenden cobrar entre os meses de xaneiro e febreiro do vindeiro ano 2020, desta vez polo período que vai de 1 de xullo a 17 de setembro de 2015. Son 79 días, anteriores ao acordo de suspensión da taxa, polo Pleno celebrado o 18 de setembro de 2015, onde non estaba nin o persoal, nin a enerxía eléctrica contratadas, balsas e tanques con fisuras, laboratorio embalado, un baipás  para deitar as augas residuais sen depurar directamente ao mar... Todo isto segundo o informe do enxeñeiro municipal[1] da inspección realizada o 25 de agosto de 2015 e denunciado en comparecencia pública do goberno municipal os días 28 e 31 do mesmo mes de agosto.[2] E vai preparar modelo de recurso para presentar coa devolución do recibo.

A Plataforma vai iniciar accións, directa ou indirectamente, ante diferentes organismos de control das administracións e organizacións de consumidores, como son:

💧 Valedora do Pobo.
💧 Comisión Nacional dos Mercados da Competencia.
💧 Consello de Contas de Galicia.
💧 Oficina Independente de Regulación e Supervisión da Contratación.
💧 Facua.
💧 Acouga.

A vindeira Asemblea Veciñal e acto informativo terá lugar en Esteiro, no local da súa asociación veciñal, na rúa Fernando VI, Bloque 1, Baixo, o mércores 11 de decembro, ás 6 das tarde.

[1] Informe do Enxeñeiro Municipal despois da inspección ao Edar de Cabo Prioriño do 25 de agosto de 2015. | Carencia de Depuración das Augas Residuais que saen da estación depuradora - | Ir ao Documento.

[2] Web do Concello de Ferrol - venres, 28 de agosto de 2015. | O Goberno local de Ferrol destapa unha fraude a veciñanza na EDAR de Prioriño, onde non se depurou integramente nin un metro de agua desde 2014. | Ir á Web. | Web do Concello de Ferrol - luns, 31 de agosto de 2015. | O Goberno de Ferrol chegará ata o final na exixencia de responsabilidades a Urbaser polo engano na EDAR. | Ir á Web.

Documento de interese:

⏩ Detalle da acta do pleno ordinario celebrado o 28 de agosto de 2014, punto: 6.Proposta de aprobación definitiva da “Ordenanza fiscal reguladora da taxa de depuración de augas residuais para o ano 2014" | Acceder/Baixar.

---