xoves, 12 de decembro de 2019

A Plataforma segue coa súa campaña informando á veciñanza sobre a fraude dos recibos que está pasando a cobro Emafesa polo período onde non se prestaba o servizo de depuración - Desta vez foi a veciñanza de Esteiro, os seguintes lugares serán Santa Mariña, San Xoán e Recimil



A Plataforma segue coa súa campaña informando á veciñanza sobre a fraude dos recibos que está pasando a cobro Emafesa, polo período onde non se prestaba o servizo de depuración das augas residuais. Desta vez foi a veciñanza de Esteiro, os seguintes lugares serán Santa Mariña, San Xoán e Recimil.

En Esteiro celebrou-se a Asemblea no local da Asociación Veciñal. Despois de expoñer os argumentos, a Plataforma chamou a non pagar este recibo que van pasar a cobro en xaneiro e febreiro do vindeiro ano 2020, con un único concepto de "Facturación Servizo Depuración", que corresponde ao período xullo-Setembro 2015, por supostos atrasos por un período no que non se prestaba o servizo.

Os supostos atrasos de depuración das augas residuais que pretenden cobrar a principios de 2020, son polo período que vai de 1 de xullo a 17 de setembro de 2015. Son 79 días, anteriores ao acordo plenario de suspensión da taxa, pois se acordou no Pleno celebrado o 18 de setembro de 2015.

Foi unha inspección do goberno municipal acompañado de técnicos, realizada o 25 de agosto de 2015, a que constatou que non se depuraba, non había persoal contratado, a enerxía eléctrica tampouco fora contratada, onde balsas e tanques estaban con fisuras e a maioría deles sen utilizar, o laboratorio sen estrear, e un baipás  desviaba as augas residuais sen depurar deitándoas directamente ao mar. Estes feitos demostran que se estaba cometendo unha fraude no servizo de saneamento e depuración. Un relatorio do Enxeñeiro Municipal deu conta da Inspección e tamén unha comparecencia pública do goberno municipal os días 28 e 31 do mesmo mes de agosto de 2015.

A Plataforma difundirá en xaneiro e febreiro de 2020 un modelo de recurso polos barrios e nos locais das asociacións veciñais que queiran combater esta inxustiza e discriminación.

Aínda que a solución é política e a Plataforma segue reivindicando unha mesa de diálogo entre o goberno municipal, onde tamén participen as asociacións veciñais, exixe-lle aos responsábeis municipais que recorran a sentenza do TSXG ante o Tribunal Supremo, pois os intereses da veciñanza defenden-se até o final.

Despois da exposición, foron numerosas e importantes as preguntas e o debate que unha vez máis constatou que estamos ante unha situación inxusta e unha empresa mixta que abusa da súa situación dominante na prestación dun servizo fundamental, ademais de ser un dereito humano fundamental desde o ano 2010 que foi declarado pola Asemblea Xeral das Nación Unidas, como dereito á Auga e ao Saneamento.

A Plataforma vai iniciar accións, directa ou indirectamente, ante diferentes organismos de control das administracións e organizacións de consumidores, como son:

💧 Valedora do Pobo.
💧 Comisión Nacional dos Mercados da Competencia.
💧 Consello de Contas de Galicia.
💧 Oficina Independente de Regulación e Supervisión da Contratación.
💧 Facua.
💧 Acouga.


---