martes, 17 de decembro de 2019

A Plataforma presenta no rexistro do concello de Ferrol, un escrito de petición ao goberno municipal, para que presente recurso de casación ante o Tribunal Supremo, no asunto da suspensión da taxa de depuración



A Plataforma presentou este luns 16 de novembro de 2019, no rexistro do Concello de Ferrol un escrito de petición ao goberno municipal para que presente recurso de casación ante o Tribunal Supremo, no asunto da suspensión da taxa de depuración.

... por tratar-se dun asunto normativo local, como consecuencia do desenvolvemento dos recursos das facendas locais e de como se obteñen e aplican,...

...
por ser de utilidade social xeral, a decisión que o Tribunal Supremo puidese ter para crear pautas interpretativas do ordenamento xurídico aplicables noutros supostos similares...

...
porque segundo os tribunais que trataron o recurso en primeira e segunda instancia, sinalaron a falta de normativa e xurisprudencia no referente á suspensión da aplicación da ordenanza, polo que equiparan esta figura á da derogación ou modificación...

... porque
no asunto de falta de lapso temporal, como se o tempo só se puidera medir en días, meses ou anos concretos, negando o lapso temporal que pode significar até que se dea o feito impoñíbel, é dicir cando estean conectados os interceptores, comece a depuración, en definitiva se preste o servizo...

...
porque a falta de motivación da suspensión, non é tal si se ten en conta a inspección e o informe elaborado polos técnicos municipais, na que se basea a suspensión da aplicación da Ordenanza, onde conclúe en que Emafesa non está prestando o servizo...

... porque
Acuaes non rematara as obras dos interceptores e colectores xerais e por conseguinte estes non estaban entregados, nin na súa maioría conectados, nin contratado o seu mantemento...

... porque ao
noso entender, o asunto ten unha relevancia casacional obxectiva, aos efectos de crear xurisprudencia e de interpretar asuntos de importancia como son a prestación dun servizo público e cando e como se entende que se realiza o feito impoñíbel...

... porque a súa aplicación causa discriminación entre veciñas e veciños que supoñen o pago de máis de 7,1 millóns de euros, uns máis que outros cando toda a veciñanza son beneficiarias do sistema de saneamento e depuración...

... porque as decisión inxustas e discriminatorias dun mal goberno teñen que ser rectificadas e intentar soluciona-las, non aplicar-las...

... porque a non prestación efectiva do servizo nos 31 meses que durou a longa posta en marcha, supuxo un custe moi inferior unha vez iniciado o mesmo, pois son moitas menos augas residuais a bombear e depurar (9 millóns de m3 reais bombeados, cando nos cobran como se bombearan máis de 67 millóns); moita menos enerxía eléctrica a gastar (7,3 millóns de kW/hora consumidos, cando nos cobran como se consumiramos máis de 37,2 millóns); moitas menos toneladas de residuos solidos e lodos a tratar (Varios miles de toneladas); moitos menos gastos de persoal; moito menos mantemento a facer; ningún mantemento do sistema de intercepción a facer, pois aínda non estaba contratado este; ningún investimento no saneamento rural;...



Á atención do Sr. Alcalde Presidente do Concello de Ferrol

Servizo: Gabinete da Alcaldía.
Asunto: Petición ao goberno municipal para que acorde presentar recurso de casación ante o Tribunal Supremo, á sentenza do TSXG que fallou contra o recurso de apelación do Concello de Ferrrol e a favor da parte privada de Emafesa (Socamex SAU), contra o acordo Plenario que suspendeu a aplicación da Ordenanza Fiscal que regula a Taxa de Depuración.

Guadalupe Ces Riobóo con DNI XXXXXXXXX, veciña de Ferrol, en representación da Plataforma na Defensa dos Servizos Públicos, pola Remunicipalización, plataforma constituída ao amparo do Regulamento de Participación Cidadá, con enderezo a efectos de notificación en Ferrol (15406), na Rúa Armada Española número 32 baixo, correo-e remunicipalización.plataforma@gmail.com e teléfono de contacto no XXXXXXXXX, EXPÓN:

Que a Plataforma en Defensa dos Servizos Públicos, pola Remunicipalización, representa a vontade, dunha parte da cidadanía desta comarca, de recuperar para a xestión pública aqueles servizos básicos, privatizados. Esa vontade ficou reflectida, nas miles de peticións e recursos presentadas no transcurso dos últimos cinco anos no rexistro do concello.

Que desde a Plataforma partimos da convicción de que os Servizos Públicos non deben ser un negocio, mais desde hai tempo as grandes corporacións multinacionais dedican grandes esforzos para facer-se cos servizos públicos. Para estas corporacións todo é privatizábel e actúan en consecuencia para mercantilizar as nosas vidas aínda máis do que xa están. A nosa Plataforma pertence a ese movemento internacional que loita para impedir que se privaticen máis servizos públicos, e para rescatar para a xestión pública aqueles que foron privatizados. A municipalización da xestión e o mantemento destes servizos é o noso principal obxectivo.

Cando falamos de servizos como o abastecemento da auga, saneamento e depuración de augas residuais; transporte, recollida e tratamento dos residuos sólidos; ... e estamos a falar de servizos básicos. O abastecemento da auga e o saneamento xa foron recoñecidos, como dereitos humanos pola Organización de Nacións Unidas en 2010. Esta, polo tanto, é unha das tarefas principais que a veciñanza encomenda ao seu goberno local, que lle garanta estes dereitos e que eses dereitos sexan cubertos por servizos de calidade e a prezos xustos. Baixo o noso criterio, estas dúas condicións, de calidade e prezos xustos, só se poden cumprir cando servizos básicos destas características son de xestión 100% pública.

Que nun Concello en declive socioeconómico crónico, cabeceira dunha Comarca de iguais características, non nos podemos permitir que as plusvalías xeradas, na xestión dos servizos públicos por corporacións privadas, fuxan da contorna en forma de beneficios empresariais, subcontratacións ou compra de subministros, subtraendo o pouco diñeiro que temos, para circular nesta zona.
 
Que esta Plataforma, se considera herdeira do movemento popular que encheu as rúas no ano 2015, ao sentirse indignada polo cobro por parte deste Concello dunha taxa ilegal, por un servizo que non se prestaba, por unha depuración que non se realizaba, sen o preceptivo padrón municipal, dunha xestión da auga ao servizo dos intereses privados, e contra un sistema de saneamento imposto desde a irracionalidade e a insustentabilidade.

Que os recibos correspondentes aos catro últimos meses de 2014, e os recibos correspondentes aos seis primeiros meses de 2015, pasados a cobro en xuño e xullo deste ano 2019, como atrasos por “Facturación Depuración Augas Residuais”, así como os supostos atrasos de depuración das augas residuais que pretenden cobrar a principios de 2020, polo período que vai de 1 de xullo a 17 de setembro de 2015 (79 días). Son anteriores ao acordo plenario de suspensión da taxa, pois se acordou no Pleno celebrado o 18 de setembro de 2015. Polo que nin se queira están afectados pola Sentenza do TSXG. Polo que o conflito é anterior a esta suspensión.

Que foi unha inspección do goberno municipal acompañado de técnicos, realizada o 25 de agosto de 2015, a que constatou que non se depuraba,  non había persoal contratado, a enerxía eléctrica tampouco fora contratada, onde balsas e tanques estaban con fisuras e filtracións en muros e canles, e a maioría deles sen utilizar, o laboratorio sen estrear, e un baipás  desviaba as augas residuais sen depurar deitándoas directamente ao mar. Estes feitos demostran que se estaba cometendo unha fraude no servizo de saneamento e depuración, pois non se prestaba o servizo. Un relatorio do Enxeñeiro Municipal deu conta da Inspección e tamén unha comparecencia pública do goberno municipal os días 28 e 31 do mesmo mes de agosto de 2015. Mesmo as dúas consultoras de enxeñería (PwC e Applus Norcontrol), nos seus informes, inspección e conclusións constataron que en xaneiro de 2016, non se procedera á reparación das fisuras e defectos construtivos na Edar..

Que mesmo nos informes de xestión que presenta Emafesa xunto ás contas anuais, veñen reflectidas as augas residuais impulsadas desde a EBAR da Cabana nos anos 2014, 2015, 2016, 2017 e 2018, polo que é fácil constatar a inmensa diferencia de volumes de augas residuais bombeadas até a EDAR de Cabo Prioriño, mesmo sen control do concello até o 3 de abril de 2017 que xa foron controladas polos medidores de fluxo de ACUAES, coas previsión que se fixeron para o cálculo da taxa, máis de 25 millóns de metros cúbicos que prevía o Protocolo de Execución Concertada entre o Concello de Ferrol e Emafesa e o de Audigal e 25.771.211 m3 o estimado no último informe de Emafesa de novembro de 2016. Mesmo poderíamos sinalar o consumo eléctrico; os custes da xestión e manutención do sistema de intercepción, os do tratamento de lodos; a falta de investimentos no sistema do rural ou mesmo a previsión de fondos para o mesmo... Mais agora non é o asunto de esta petición.

Que á veciñanza de Ferrol queren-nos cobrar 31 meses máis que á de Narón (Máis de 7,1 millóns de euros, incluido o IVA), cando temos o mesmo sistema (Depuradora, emisarios, impulsora, interceptores, tanques de tormenta, ...) e a conexión real, da maioría dos fogares, foi o mesmo día, o 3 de abril de 2017. Son máis de 7,1 millóns máis os que nos queren cobrar, por un servizo que non se prestaba, por unha depuración que non tivo lugar e por unha conexión que na súa maioría, estaba sen establecer. Mesma discriminación hai entre a veciñanza de Ferrol, sobre uns 4.500 abonadas que non se lles pasou factura, sendo o sistema de saneamento e depuración igual para todas. Unha depuradora que beneficia a todas, vai ser pagada só por unha parte. A discriminación é patente.

Que ademais estes cobros están baseados nunha taxa inxusta, moi avultada, constatado por esta Plataforma e recoñecido polos propios concellos de Narón e Ferrol e dous estudos independentes (OTIMA e EUDITA). Polo estudo que fixo ACUAES, para os concellos de Narón e Ferrol, presentado en marzo deste ano. Así como o ven constatar, os datos reais dun ano completo de funcionamento do sistema de saneamento e depuración, como foi 2018, no Informe de Xestión que presenta coas contas de Emafesa, onde os datos de consumo enerxético e caudal depurado en ano chuvioso (Segundo o Informe climatolóxico de MeteoGalicia ano 2018, foi un ano húmido cun 11% por riba da media), veñen ser un 20% menos que o estimado en 2014, para o cálculo do prezo da taxa. E este goberno pretende non revisala até 2021!

Que a Sección 4 da Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG, ditou Sentenza 00541/2019, o pasado 15 de novembro, contra o recurso de apelación interposto, polo Concello de Ferrol, contra a Sentenza 62/2018 de data 25 de maio de 2018, interposto pola parte privada de Emafesa (Socamex SAU), contra a suspensión da aplicación da Ordenanza Fiscal que regula a Taxa de Depuración. Sentenza que é susceptíbel de recurso de casación ante o Tribunal Supremo.

Que a Plataforma vai iniciar accións, directa ou indirectamente, ante diferentes organismos de control das administracións (Valedora do Pobo; Comisión Nacional dos Mercados y da Competencia; Consello de Contas de Galicia; Oficina Independente de Regulación e Supervisión da Contratación; ...)  e organizacións de consumidoras e consumidores (Facua e Acouga).

Que aínda que a solución é política e a Plataforma segue reivindicando unha mesa de diálogo entre o goberno municipal, onde tamén participen as asociacións veciñais, consideran exixíbel aos responsábeis municipais que recorran mencionada sentenza do TSXG ante o Tribunal Supremo, en interese de toda a veciñanza.

Que se debe intentar, por parte do Concello, a presentación de recurso de casación por tratar-se dun asunto normativo local, como consecuencia do desenvolvemento dos recursos das facendas locais e de como se obteñen e aplican, disposto no  RDL 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o TR da Lei Reguladora das Facendas Locais; por ser de utilidade social xeral, a decisión que o Tribunal Supremo puidese ter para crear pautas interpretativas do ordenamento xurídico aplicables noutros supostos similares, sobre todo porque segundo os tribunais que trataron o recurso en primeira e segunda instancia, sinalaron a falta de normativa e xurisprudencia no referente á suspensión da aplicación da ordenanza, polo que equiparan esta figura á da derogación ou modificación. Mesmo no asunto de falta de lapso temporal, como se o tempo só se puidera medir en días, meses ou anos concretos, negando o lapso temporal que pode significar até que se dea o feito impoñíbel, é dicir cando estean conectados os interceptores, comece a depuración, en definitiva se preste o servizo. E se imos máis lonxe: que a auga depurada estea dentro dos parámetros establecidos pola normativa vixente. Por outra banda a falta de motivación da suspensión, non é tal si se ten en conta a inspección e o informe elaborado polos técnicos municipais, na que se basea a suspensión da aplicación da Ordenanza, onde conclúe en que Emafesa non está prestando o servizo. E xa non digamos o feito de que Acuaes non rematara as obras dos interceptores e colectores xerais e por conseguinte estes non estaban entregados. Onde Emafesa, a través dunha comparecencia do seu xerente, Alejandro Pisa, no xulgado, que a súa vez é un executivo de Socamex, alega que a falta de reparación das fisuras e defectos de construción, así como a non conexión do sistema de intercepción que impedía a depuración das augas residuais, non era a súa responsabilidade, senón da empresa construtora, das administracións que recepcionaron as infraestruturas e de Acuaes que non deu rematado as obras. Falta de depuración e prestación do servizo, logo constatado por auditorías técnicas externas xa mencionadas. Polo que, ao noso entender, o asunto ten unha relevancia casacional obxectiva, aos efectos de crear xurisprudencia e de interpretar asuntos de importancia como son a prestación dun servizo público e cando e como se entende que se realiza o feito impoñíbel. Independentemente que non o sabemos se é procedente que o Tribunal, sinale que mentres non se poda prestar o servizo, os custes orixinados pola reparación, posta en marcha e mantemento do sistema, podería ser sufragado polas asignacións orzamentarias do Concello de Ferrol por ser o único responsábel da permanencia de Emafesa na xestión do sistema de saneamento e depuración, ao amparo dunha base legal moi feble. E o que corresponda ás administracións central e autonómica, ou aos correspondentes entes empresariais públicos.

Por todo o exposto,

SOLICITA: que teña a ben aceptar este escrito na defensa dos intereses da veciñanza de Ferrol e acceda á petición da Plataforma, acordando presentar recurso de casación ante o Tribunal Supremo, á sentenza do TSXG que ditou contra o recurso  de apelación do Concello e a favor da parte privada de Emafesa (Socamex SAU), contra a suspensión da aplicación da Ordenanza Fiscal que regula a Taxa de Depuración aprobada polo Pleno no seu día. Agardando que dea satisfacción a esta solicitude, despide-se en Ferrol, a 13 de decembro, de 2019.

Asinado.-

PLATAFORMA NA DEFENSA DOS SERVIZOS PÚBLICOS,
POLA REMUNICIPALIZACIÓN
Abonda de saqueo! Hai outras alternativas!
Pódese, débese e precísase!

Correo-e: remunicipalizacion.plataforma@gmail.com
Web: https://plataformaferrol.blogspot.com.es/
Facebook: @RemunicipalizarFerrol | Twitter: @municipalizarFT
---

Documentación.-

Procedemento: Recurso de apelación.
Sentenza do TSXG 00541/2019 do 15 de novembro de 2019.
Sección 4, da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia- TSXG. (Sede d'A Coruña) | Acceder/Baixar.

---