luns, 2 de abril de 2018
O saneamento da Ría de Ferrol, a auga como dereito básico , ... Por Iolanda Teixeiro Rey - Se algo caracterizou á Plataforma de Remunicipalización foi o traballo constante para abrir o proceso de voltar os servizos básicos á xestión pública, xa non pola falla de control e a opacidade da xestión privada no tocante á Saúde Públic
Por Iolanda Teijeiro Rey [*]
02.04.2018
Foi poñer a Plataforma na Defensa dos Servizos Básicos e pola Remunicipalización no xulgado de Ferrol unha denuncia por estafa e prevaricación contra Emafesa, o alcalde e os correspondentes concelleiros cando, ás poucas horas, o governo local (tan vagariño, opaco e inactivo até ese intre) co alcalde á cabeza, anunciaba a súa denuncia da Plataforma acusándoa, con nomes e apelidos, cunha sarta de adxectivos indignos dun representante público. Denuncia que teima en desbotar o labor de anos dunhas persoas que levan defendendo os intereses da cidadanía de Ferrol, contra todos os poderes fácticos e, o máis preocupante, contra esta e anteriores corporacións.
Cando lemos o Artigo 4 do Regulamento de Participación Cidadá do propio Concello de Ferrol que nos ilustra sobre os Dereitos da veciñanza e entidades cidadáns, do Dereito a servizos públicos de competencia municipal, do Dereito á información..., de que estamos a falar?. Da xestión pública dos servizos básicos como o ciclo integral da auga ou do lucro privado de dúas empresas que, como Urbaser (filial da empresa madrileña ACS, agora en mans dun fondo de capital especulativo chinés) e Viaqua (lembremos que hai quen asegura que o escándalo Pokémon fixo que Aquagest mudara en Viaqua, a dos anuncios de páxina enteira a toda cor nos xornais o Día Internacional da Auga), se reparten os miles de euros de todos os grandes concellos de Galiza agás o de Coruña?.
Se algo caracterizou á Plataforma de Remunicipalización foi o traballo constante para abrir o proceso de voltar os servizos básicos á xestión pública, xa non pola falla de control e a opacidade da xestión privada no tocante á Saúde Pública (como se evidenciou coa chamada crise da auga do governo popular de Rey Varela) senón tamén polos sobrecustes da privatización que van do 22 a máis do 90 por cento. Cantidades nada despreciabeis que se tiran dos cartos públicos para o peto de empresas que como Socamex, a parte privada de Emafesa, ousan ameazar aos alcaldes co xulgado ou con disolver a empresa mixta alegando falla de ingresos por unha taxa que non cumpre os requisitos legais.
Perante esta situación agardariamos que un governo de cambio non só non se enfrontara ás plataformas cidadáns, senón que, cun mutuo apoio, sumando esforzos, fora quen de librar os intereses da cidadanía do oligopolio dos servizos básicos. Ou, canda menos, non coutara o asesoramento profesional de persoas que como Babiano ou Urruticoechea, se prestaron, dun xeito altruista a apoiar o proceso remunicipalizador na nosa cidade. Sobre todo non tendo maioría absoluta, o goberno municipal tería de ter asumido a situación de febleza e procurar apoios, tanto dentro como fóra do consistorio. Apoiarse na cidadanía, iso si sería de recibo, se tivera intención de desurdir a trama da auga.
Mais, lembro que o propio Urruticoechea alertábanos de que en todos os concellos que teñen contratos de servizos importantes, como auga, lixo ou xardinería, atopariamonos seguramente perante unha trama mafiosa. E tamén avisaba que a revolución pendente era que os cidadáns que tiveran o afouto de denunciar estiveran blindados. E estamos a falar da opinión informada dun economista e interventor municipal, experto nestas cuestións.
Así as cousas, en Ferrol, na cidade máis empobrecida e avellentada, coas taxas máis altas de emigración da mocidade, imos pagar as taxas máis elevadas de saneamento e depuración das sete cidades galegas. E imos pagalas igual cun goberno que se di de esquerdas que co anterior de dereitas. Certo que, caendo xa na brincadeira, nós temos unha rede obsoleta non separativa pola que gozamos -grazas ao ministerio de Fomento- do dubidoso privilexio de pagar por depurar a auga de chuvia e por bombear -grazas a Augas de Galicia- á EDAR librando un desnivel que non foron quen de calcular cando decidiron a ubicación de Prioriño. Parece que os ferroláns non merecemos sistemas urbanos de drenaxe sostibel (SUDS) para poder ter un saneamento integral da ría no canto dun simulacro.
En canto a Jorge Suárez, como alcalde ten que asumir como normal as críticas, e mesmo as denuncias ao seu traballo e xestión, como fan todos os cárregos políticos. E se a concepción da súa honra lle impide aceitar a crítica como parte sustancial dunha democracia, debería plantexarse seriamente abandonar a política e todo cárrego público para non secuestrar a democracia e a participación cidadá. Amais que, se da súa honra se tratar, sería de ben que a defendese co seu patrimonio e non co de toda a veciñanza ferrolá.
Ningunha denuncia ou comunicación de feitos que poidan ser constitutivos de delito poden ser considerados unha falla á honra de ninguén. En todo caso, existiría unha falla á honra se se fixeran acusacións falsas sen ir ao xulgado.
Por riba diso, está o dereito de toda persoa a facer política, mesmo política partidaria, como fai o propio alcalde cando defende, a capa e espada, a FeC.
Ou isto ou eliminar o Regulamento de Participación Cidadá e deixar de cantar o mantra da democracia paticipativa.
Suscriben isto Iolanda Teixeiro e Miguel A. Abraira, secretaria e portavoce da organización política LiGanDo-LGD.
Publicado no Diario de Ferrol e Sermos Galiza, o 27 de marzo de 2018.
[*] Iolanda Teixeiro Rey -Ferrol, activista ecoloxista e decrecentista, articulista e licenciada en Pedagoxía Social pola USC. e profesora de Tai Chi e Chi Kung en Ferrol. No facebook e no twitter.
---