martes, 25 de maio de 2021

Emafesa nega-se a emitir facturas que xa pagamos, quere que paguemos tamén polo concepto: Cobro Fraccionado Taxa Depuración (Atrasos) - Modelo para contestar a Emafesa e Instancia coa Queixa ao Concello



O 20 de agosto de 2018, o entón Alcalde, Jorge Suárez, asinaba as liquidacións polo concepto de "Depuración de Augas Residuais", polo período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2015 e o 31 de marzo de 2017. (BOP Nº172 do 10.09.2018). Creando-se un concepto de "Atrasos" polo citado período, subdividindo-se este en varios períodos diferentes, polo que se elaborou un calendario de cobro en 8 recibos, que comezaría unha vez celebradas as Eleccións Locais de Maio de 2019:

💧 Dous períodos semestrais, en dous recibos únicos, sen outros conceptos diferentes ao de "Depuración de Augas Residuais (Atrasos)". Recibos que a Plataforma chamou a "Non Pagar", dentro dunha campaña de mobilización veciñal contra o cobro por un servizo que non se prestou. Ademais de discriminatorio con respecto a outra parte da veciñanza de Ferrol (Conca d'A Malata e o Rural) que, como é lóxico, aínda ao día de hoxe non pagan, pois non reciben o servizo, e coa veciñanza de Narón que non comezaron a pagar ate despois de marzo de 2017 que foi cando comezaron a recibir o servizo. A esa parte maioritaria da veciñanza de Ferrol se lles está cobrando a maiores por 31 meses, sobre uns 7,21 millóns de euros, por un servizo que non se prestou.

💧 E os outros seis períodos restantes de dous meses cada un, están incluíndo-os, dentro do recibo ordinario, co concepto "Cobro Fraccionado Taxa Depuración (Atrasos)", xunto aos outros conceptos e facturas que xestiona o seu cobro Emafesa, mais que non lle son propios (Augas de Galicia, Urbaser e Sogama).

Desta vez, para eses seis recibos que na actualidade aínda se seguen pasando, a Plataforma acordou de non facer un chamamento a "non pagar", dado que o non pagar, creaba unha situación que de non ser secundada por un número significativo de persoas, non sería efectiva e sería maior o prexuízo que o beneficio, para poder xestionar este conflito. E despois que requiriría unha serie de pasos e un seguimento administrativamente complicado.

Aínda así, algunhas persoas pediron á Plataforma que elaborara un método para continuar a non pagar eses supostos "atrasos", por un servizo que non se prestou. A Plataforma elaborou ese método que é un proceso en varios pasos que require un seguimento e realizar o proceso en seis ocasións, cada dous meses. Como mencionamos con antelación, neste momento quedan aínda dous recibos, pois o Concello concedeu unha carencia de catro meses, por mor da crise polo Covid-19, polo que aínda quedan por pasar en dous recibos o citado "Cobro Fraccionado ...".

Algunhas veciñas e veciños acordaron pagar eses seis recibos, mais descontando as cantidades polo concepto de "Cobro Fraccionado Taxa Depuración (Atrasos)" e logo pediron ao Concello e a Emafesa a emisión dun novo recibo, coas facturas correspondentes ao pago do tratamento dos residuos sólidos urbanos que corresponde a Sogama; da factura recollida e transporte de residuos (RSU) que corresponde a Urbaser; da factura da taxa do Canon da Auga que corresponde a Augas de Galicia; e polo conxunto de conceptos da factura da auga bimensual ordinaria, por todos os conceptos excepto o de xa mencionado "Cobro Fraccionado ..." que corresponde a Emafesa; e esta, en vez de emitir un novo recibo con esas facturas, responde que é legal que poña o do "Cobro Fraccionado...". Emafesa claro que pode redactar o recibo como queira, e segundo din, hai instrucións do goberno municipal que llo permiten, mais nós tamén temos o dereito a pagar aquilo que pensamos que nos corresponde, nen un céntimo máis. E a recibir a factura do que pagamos. O que se lle pide a Emafesa é que emita factura do que se pagou, todo menos o dos supostos atrasos, por considerar que non se prestou ese servizo ate pasado o 3 de abril de 2017 e que é discriminatorio -no caso de que tivera que ser así- cargar os custes da reparación, probas e mantemento, só sobre unha parte da veciñanza de Ferrol, deixando libre de pago, como xa mencionamos, a outra parte que polo de agora non están pagando nada ate que se poña en funcionamento o sistema de interceptación d'A Malata (como é lóxico) e o do saneamento da zona rural (polo de agora no mundo do esquecemento);  e á veciñanza de Narón que non se lles comezou a cobrar ate despois do citado 3 de abril de 2017 (como tamén é lóxico). Quen realmente se tiñan que facer cargo deses custes eran os concellos de Ferrol e Narón, Augas de Galicia e a Confederación Hidrográfica del Miño-Sil que encomendou a xestión a Xunta e Augas de Galicia mediante Convenio, entidade que daquela era a titular da depuradora, emisario submarino (EDAR) e o cruce e impulsora d'A Malata (EBAR).

Diante da carta de Emafesa negando-se a emitir factura do que se pagou, a Plataforma elaborou un modelo de contestación que a continuación achegamos.

Escrito de Emafesa onde xustifica a inclusión na factura do "Cobro Fraccionado...". | Acceder/Baixar.

Modelo de escrito da Plataforma, para contestar á citada carta de Emafesa. | Acceder/Baixar.

Con posterioridade presentar no Rexistro Xeral do Concello unha Queixa contra Emafesa, por negar-se a emitir novo recibo coas facturas xa pagadas.

Modelo de instancia xeral coa Queixa dirixida ao Concello de Ferrol contra Emafesa. | Acceder/Baixar.

Foto: Depuradora de augas residuais de Ferrol-Narón en Cabo Prioriño.
---