mércores, 9 de xuño de 2021
O socio privado de Emafesa cambia de propietario, Socamex pasa a mans do fondo de investimento estadounidense Platinum Equity - Espérase que a venda se complete durante o terceiro trimestre de 2021, suxeita ás aprobacións dos accionistas de China Tianying e ás regulacións habituais
O 18 de setembro de 1998, sendo alcalde de Ferrol, Juán Blanco Rouco (1995-1999), por acordo do Pleno do Concello de Ferrol, decide-se modificar a xestión do servizos de abastecemento de auga e o saneamento, ate o daquela fora pública e agora vai ser privada a través dunha empresa mixta, acordando-se nese mesmo Pleno o Priego de Condicións, que rexería o concurso público, para a selección do socio privado que asumiría a dirección da compañía ao 100%. O 11 de novembro acorda-se o Priego definitivo. O 28 de abril de 1999, sendo alcalde Juán Blanco Rouco, a menos de dous meses das eleccións municipais (13 de xuño), o Pleno acorda a adxudicación definitiva á Urbaser, SA. E o 3 de abril do 2000, sendo alcalde Xaime Bello Costa (1999-2003), asina-se a escritura pública de constitución da Empresa Mixta de Augas de Ferrol. Nun proceso de especialización da compañía, a sección da auga de Urbaser, pasa a chamar-se Socamex.
En xuño de 2014, Socamex fai-se tamén coa xestión do sistema de depuración, sen que este saíra a concurso público. Foi por acordo do Pleno do 29 de maio de 2014, mediante un Protocolo de execución concertado entre o Concello de Ferrol e Emafesa para a xestión, explotación, mantemento e conservación do sistema de saneamento e depuración, resultado dun encadeamento de encomendas. Aumentando o volume de negocio en máis do 50%.
Urbaser, tamén controla en Ferrol o servizo de recollida de residuos sólidos urbanos e a limpeza viaria, desde principios dos noventa que foi privatizado, sendo alcalde Manuel Couce Pereiro (1989-1995), mais na actualidade sen contrato desde o 31 de decembro de 2014, prorrogado legalmente ate o 31 de decembro de 2015, mais desde aquela, a compañía, tira negocio do Concello sen contrato legal, cobrando os servizos realizados a través de pagos extraxudiciais, aprobando-se este por partidas nos diferentes plenos, non sen antes ser advertidos polos diferentes interventores municipais, da irregularidade da situación. Meses ante do final do seu mandato, o que foi alcalde de Ferrol, Jorge Juan Suárez Fernández (2015-2019) manifestou publicamente a súa intención de remunicipalizar o servizo de limpeza. Mais todo quedou nun simple anuncio.
Urbaser comezou a súa actividade no ano 1990 coa constitución de Técnicas Medioambientales Tecmed, S.A., compañía creada para facer negocio coa xestión dos servizos de recollida de residuos e limpeza viaria que están obrigados a prestar os concellos. Tecmed absorbe á división de servizos do Grupo Dragados, esta operación foi un dos momentos crave da compañía, o que supuxo o nacemento dun grupo empresarial líder no negocio da xestión do servizos chamados medioambientais, ampliando a súa presenza internacional en países como México, Arxentina, chile, Colombia, Venezuela, Francia, Marrocos ou Portugal. Crea-se unha grande multinacional co nome definitivo de Urbaser, S.A. Esta comezou a constituír filiais especializadas para ampliar o negocio a outros servizos e aí é onde entra Socamex dedicada á xestión integral da auga. Nos seguintes anos Urbaser vai ampliar os seus servizos, fundamentalmente arrebatando a xestión do público para o privado. A grande corporación expande-se polos cinco continentes constituíndo sociedades en diferentes países. A corporación multinacional de Florentino Pérez (ACS), fai-se co control da compañía e en decembro de 2016 vende-a, por 1.300 millóns de euros, a Firion Investments S.L. do grupo transnacional chinesa CNTY (China Tianying). Urbaser controla o negocio dos servizos públicos en máis de 25 estados, entre eles o español onde ten presencia en máis de 50 cidades, entre elas as máis grandes (Madrid e Barcelona), e con máis de 50.000 persoas traballando para a corporación transnacional.
O fondo de investimento estadounidense Platinum Equity anunciou "que chegou a un acordo definitivo para adquirir a compañía española de servizos medioambientais Urbaser a China Tianying por un total de 3.500 millóns de euros. Espérase que a venda se complete durante o terceiro trimestre de 2021, suxeita ás aprobacións dos accionistas de China Tianying e ás regulacións habituais".
Con sede central en Madrid, como non ía ser menos, a actividade principal de Urbaser comprende tres segmentos: Servizos Urbanos (recollida de residuos, limpeza viaria e xestión da auga), Tratamento de Residuos Municipais e Tratamento de Residuos Industriais, concentrados principalmente en España, Chile, Arxentina, Francia e o norte de Europa. A empresa xerou uns ingresos de 2.300 millóns de euros no ano 2020.
Fonte: Plataforma, novas de axencias e de Residuos Profesional.
---