mércores, 4 de marzo de 2020
No mes de marzo a Plataforma intensifica a actividade contra a taxa de depuración das augas residuais, do período cando non se prestaba o servizo, para rematar nunha mobilización a finais de mes - - Modelo Recurso e Queixa - Cartaz para difusión dos actos veciñais
A Plataforma segue coa denuncia pública e na promoción de presentación de recursos e queixas, contra o Concello de Ferrol e a Empresa Mixta de Aguas de Ferrol, S.A. -EMAFESA, por presentar facturas por un importe de 7.129.145,59 euros (Incluído IVA) que se lle pasan a cobro a mais de 30.000 fogares, por parte de Emafesa, por resolución do Concello de Ferrol, en concepto de taxa de depuración de augas residuais, por un período de 31 meses (setembro/2014 a marzo/2017) onde non se prestou o servizo. Cargando deste xeito os custes da reparación, arranque, posta en marcha e período de probas do sistema de saneamento, depuración e interceptación, só a unha parte da veciñanza de Ferrol. Unhas infraestruturas que son de carácter supramunicipal que benefician por igual tanto a toda a veciñanza de Ferrol, como á de Narón, como nun futuro á de Neda. Ademais considera este, un acto administrativo de discriminación, ao tratar de xeito diferente a persoas en situacións similares sen que exista unha xustificación obxectiva e razoábel. Vulnerando co mesmo, o principio de igualdade recollido no artigo 14 da Constitución Española e no artigo 21 da Carta dos Dereitos Fundamentais da Unión Europea e de toda a normativa que deles emana.
Que en todo caso deberían ser os concellos de Ferrol e Narón, a Xunta de Galicia e a administración central quen, con recursos propios, fixeran fronte á cobertura do custe real dese período de reparación, posta en marcha e probas, nunca a veciñanza á que non se lle prestou o servizo.
A coordinadora da Plataforma elaborou un calendario para Marzo, na campaña informativa, de concienciación e de presentación de recursos ao Concello e queixas á Valedora do Pobo:
💧 Xoves 5, de 10:30 a 12:30 horas, mesa-info na Praza Amada García, diante do Edificio da Xunta de Galicia ( no caso de que o tempo a acompañe).
💧 Venres 6, de 10:30 a 12:30 horas, mesa-info na rúa María pola parte traseira do Pazo Municipal ( no caso de que o tempo a acompañe).
💧 Mércores 11, ás 7 da tarde Asemblea Veciñal no Centro Cívico de Canido.
💧 Xoves 12, ás 7 da tarde, Asemblea Veciñal, no salón de actos do CIFP Ferrolterra (Escola de formación profesional), na Rúa Ramón y Cajal, s/n, no barrio de Recimil.
💧 Luns 16, ás 7 da tarde, Asemblea Veciñal no Centro Cívico de Caranza.
💧 Xoves 26 de marzo, ás 18:30 horas, CONCENTRACIÓN, na rúa María pola parte traseira do Pazo Municipal.
___
Documentos e material de descarga:
➤ Modelo de Recurso. | Acceder/Baixar.
➤ Modelo de Queixa á Valedora. | Acceder/Baixar.
➤ Cartaz de difusión dos Actos Veciñais que van ter lugar en Canido, Recimil-Esteiro-Ultramar e Caranza. | En formato pdf DIN-A3. | Acceder/Baixar.
---