mércores, 11 de marzo de 2020

Esta semana dous Actos Públicos da Plataforma polo asunto dos recibos de Emafesa, o mércores 11 en Canido e o xoves 12 en Recimil



A Plataforma no último mes do pasado ano, comezaba unha campaña, con actos públicos, mesas informativas, intervencións nos plenos, recursos e queixas que pretende catalizar nunha concentración veciñal, o último xoves deste mes, o 26 de marzo, coincidindo co Pleno Ordinario. Será na parte traseira do Pazo Municipal do Concello de Ferrol, na rúa María, desde as 18:30hs, pois a Praza de Armas aínda non será inaugurada até principios de abril.

Mañá e pasado mañá, están convocados dous actos públicos, dos que queremos a dar conta:

🌀 Mércores 11 de marzo, ás 7 da tarde Asemblea Veciñal no Centro Cívico de Canido.

🌀 Xoves 12, ás 7 da tarde, Asemblea Veciñal, no salón de actos do CIFP Ferrolterra (Escola de formación profesional, tamén chamada "Maestría do Pilar"), na Rúa Ramón y Cajal, s/n, no barrio de Recimil, para os barrios de Esteiro, Ultramar e Recimil.

Son 7.129.145,59 euros (Incluído IVA) que se lle pasan a cobro a máis de 30.000 fogares, por parte de Emafesa, por resolución do Concello de Ferrol, en concepto de taxa de depuración de augas residuais, por un período de 31 meses (setembro/2014 a marzo/2017) onde non se prestou o servizo.

Con estas facturas estanse cargando os custes da reparación, arranque, posta en marcha e período de probas do sistema de saneamento, depuración e interceptación, só a unha parte da veciñanza de Ferrol.

Unhas infraestruturas que son de carácter supramunicipal que benefician por igual tanto a toda a veciñanza de Ferrol, como á de Narón, como nun futuro á de Neda.

A Plataforma considera este, un acto administrativo de discriminación, ao tratar de xeito diferente a persoas en situacións similares sen que exista unha xustificación obxectiva e razoábel. Vulnerando co mesmo, o principio de igualdade recollido no artigo 14 da Constitución Española e no artigo 21 da Carta dos Dereitos Fundamentais da Unión Europea e de toda a normativa que deles emana.

Que en todo caso deberían ser os concellos de Ferrol e Narón, a Xunta de Galicia e a administración central quen, con recursos propios, fixeran fronte á cobertura do custe real dese período de reparación, posta en marcha e probas, nunca a veciñanza á que non se lle prestou o servizo.

➤ Cartaz de difusión dos Actos Veciñais que van ter lugar en Canido, Recimil-Esteiro-Ultramar e Caranza. | En formato pdf DIN-A3. | Acceder/Baixar.

#Remunicipalización
#Emafesa

PLATAFORMA NA DEFENSA DOS SERVIZOS PÚBLICOS,
POLA REMUNICIPALIZACIÓN
Abonda de saqueo! Hai outras alternativas!
Pódese, débese e precísase!
Correo-e: remunicipalizacion.plataforma@gmail.com
Web: https://plataformaferrol.blogspot.com.es/
Facebook: @RemunicipalizarFerrol   |  Twitter: @municipalizarFT

---