martes, 17 de marzo de 2020
Aínda que a crise de saúde pública, provocada polo novo coronavirus (Covid-19) eclipsa case toda a info, desde a Plataforma queremos deixar constancia da situación da batalla contra a fraude dos recibos da depuración, do período onde non se prestaba o servizo - A Valedora do Pobo de Galicia
Aínda que a crise de saúde pública, provocada polo novo coronavirus (Covid-19) eclipsa case toda a info, desde a Plataforma queremos deixar constancia da situación da batalla contra a fraude dos recibos da depuración, do período onde non se prestaba o servizo.
En primeiro lugar, seguimos sinalado como máximos responsábeis da fraude aos diferentes alcaldes e ao seus gobernos municipais, ao que está neste momento (Ángel Mato) e aos outros dous que pasaron, cuxos máximos responsábeis, na actualidade, forman parte aínda da corporación municipal (J. M. Rey Varela e Jorge Suárez), como portavoces dos seus respectivos grupos. En segundo lugar dicir que seguimos demandando unha mesa de diálogo para abordar as consecuencias desta fraude e as medidas a adoptar para a súa reparación. E en terceiro e último lugar que non nos rendemos na loita contra esta estafa, provocada polo mal goberno dos alcaldes nomeados.
Na actual fase estamos rematando a campaña de presentación de recursos e devolución dos recibos. A partires de agora (úns 15.000 recibos domésticos xa están chegando e en abril remitiran outros 15.000), o concepto de "Fracción Taxa Depuración (Atrasos)" vai vir integrado no recibo xeral (en 6 recibos durante un ano), xunto ao resto dos conceptos de Emafesa, como aos da Xunta de Galicia, Sogama e Urbaser, polo que a súa devolución torna-se máis difícil e require uns pasos que non se poden xeneralizar para toda a veciñanza, mais que desde a Plataforma imos promover e realizar. As veciñas e veciños teñen que saber, no caso de domiciliación, que hai 8 semanas para realizar a súa devolución unha vez cargados nas contas. [1] Mais o mellor é unha campaña para dar de baixa a domiciliación do recibo e pasar a efectuar o pagamento en persoa a través de internet, dun caixeiro automático ou no mostrador dunha oficina da nosa entidade bancaria. Unha vez que remate o confinamento e o distanciamento social, obrigado polo "estado de alarma" e o autonómico de "emerxencia", continuaremos a mobilización na rúa e en contacto coa veciñanza, mentres o faremos por vía telemática.
Valedora do Pobo
Como xa fixemos público con antelación, a Plataforma iniciou accións de Denuncia e Queixa ante diferentes organismos de control das actuacións das administracións e das empresas nas que participa, á Valedora do Pobo, á Comisión Nacional dos Mercados da Competencia, ao Consello de Contas de Galicia, á Oficina Independente de Regulación e Supervisión da Contratación. e outras entidades sociais como Facua e Acouga. Nalgúns casos, as actuacións, en fase de preparación e noutros máis avanzados, como é o caso da Queixa [2] presentada, o pasado 4 de febreiro, ante a Valedora do Povo,, da cal xa recibimos notificación, de que unha vez xa analizada, se admitia a trámite e comezaba o período de investigación e consultas, dando-lle de prazo ao Concello de Ferrol, 15 días para presentar a requirida documentación. Este mércores, 18 de marzo, ás 11 da mañá, a Plataforma ía ter unha xuntanza na sede da Valedora na cidade de Santiago de Compostela, para expoñer de primeira man o conflito da fraude, mais esta reunión, foi adiada sine die por mor do "estado de alarma". Polo que as iniciativas van avanzando e a xente da Plataforma, poñendo moito de si, para que as acción emprendidas non paren neste preocupante momento, de confinamento e distanciamento social.
#Emafesacenporcenpublica
#Remunicipalizar
#Coronavirus
#Covid-19
---
[1] Para a devolución dos recibos domiciliados, a Lei prevé que hai 8 semanas de prazo, para notificar á entidade bancaria esa vontade de devolución desde o día que foi cargado (Artigos 48 e 49 do Real Decreto-lei 19/2018, de servizos de pago e outras medidas urxentes en materia financeira).
[2] Queixa da Plataforma á Valedora. Admitida a trámite. 110 páxinas en formato pdf. | Acceder/baixar.
---