luns, 26 de marzo de 2018
Pleno Municipal onde a Alcaldía propon desestimar os recursos contra o rescate da Taxa do PP e folla informativa da Plataforma - Documentos: Recursos e informes de facenda e intervención
O martes 27 de marzo, vai-se celebrar o Pleno ordinario do Concello de Ferrol, onde un dos seus puntos vai ser para abordar a proposta da Alcaldía de rexeitar os recursos contra o levantamento da suspensión da Taxa do PP, acordada no Pleno de 15 de novembro do pasado ano. Os recursos foron interpostos polo BNG, o PSdeG-PSOE e 163 da Plataforma. A Plataforma ten solicitado para que un dos seus membros poda intervir no Pleno, ao amparo do disposto no Regulamento de Participación Cidadán.
A Plataforma sigue poñendo mesas informativa para contactar coia veciñanza e repartindo a seguinte Folla Informativa.
Á VECIÑANZA DE FERROL
SOBRE SANEAMENTO, TAXA , RECURSOS, DENUNCIAS E POLÍTICA MUNICIPAL
Desde hai 25 anos, estamos pagando un canon co recibo da Auga. Un imposto destinado por lei á construción e mantemento das infraestruturas da Auga. Desde hai tempo que vimos pagando por un saneamento do que faltaba a parte principal: a depuración das augas residuais.
Xosé Manuel Rey Varela, intentou-nos enganar coa complicidade de Emafesa, vendéndonos, con fines electorais, unha depuradora que non depuraba e cobrando un recibo sen dar-se o feito impoñíbel, pagando-lle a Socamex, ampliando o seu negocio, sen concurso público. Agora o actual goberno municipal, non só non denunciou esta situación ante os xulgados, como si fixo a Plataforma, senón que orientou e orienta as súas políticas para sanearlle as contas, permitir que siga recadando e intentar tapar toda a mala xestión que vimos pagando ao longo destes anos toda a veciñanza deste Concello. Non podemos consent-lo. É por iso que denunciamos tamén ante o xulgado esta situación.
A Plataforma como movemento voluntario de activistas organizados e conscientes, cuxo único interese é o benestar do pobo e do medio ambiente, non nos podemos someter aos intereses de ningún partido político e se equivoca quen pense que o noso obxectivo é tumbar un partido para poñer outro.
Para esta Plataforma o principal sigue sendo o que aconteceu en Abril do pasado ano, onde por fin comezou a funcionar a depuradora. O principal é que as augas residuais non se vertan na Ría e se depuren, afirmación que comparte o 99% da veciñanza. O principal é a defensa da Ría e o medio ambiente, cun saneamento e depuración, reais e efectivos.
Mais como Plataforma non podemos pasar por alto que se cobre unha Taxa inxusta, non só porque loitamos contra esa Taxa con antelación cando estaba gobernando o PP, senón porque é inxusta e eles saben-no, e aínda así pasan a cobro os recibos. Falan de que teñen contratado un informe para axustar a taxa ao custe real, mais ese informe xa o tiñan que ter contratado en agosto de 2015. Só un mal goberno fai as cousas así. É por iso que presentamos un recurso contra o levantamento da taxa e o cobro dos recibos.
E por outra banda, non podemos deixar de denunciar o sistema de Saneamento imposto, non porque o digamos nós, senón por que así se dí nos dous documentos fundamentais da planificación urbanística de Ferrol o novo Plan Xeral de Ordenación Municipal que na páxina 119 di: “O novo sistema de saneamento e depuración centralizado contén eivas no seu deseño, xa que non conta cun sistema separativo e, non se tratan as augas pluviais de forma individualizada, captándose no sistema os regatos que discorren baixo as tramas urbanas. Estas carencias obrigaron a sobredimensionar as infraestruturas, co conseguinte incremento no custe das obras. Deste xeito, a explotación por parte dos concellos das novas infraestruturas implicará un grande consumo enerxético e un alto custo de recursos económicos”. Este mesmo paragrafo está textualmente na páxina 19 do “EDUSI Ferrol-Naron - Ría de Ferrol Cidade 2020 - Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostíbel Integrado”.
Polo que o propio texto, dos chamados a ser os documentos de Planificación máis importantes da cidade, tamén claman por un sistema separativo de saneamento e depuración e critican explicitamente ao sistema imposto, no seu día polo Ministerio de Medio Ambiente e a Xunta de Galicia. Por iso recorremos o Proxecto d’ A Malata, porque se está a tempo non só de incluír A Graña, Os Currais e o río Sardiña, senón dun sistema de saneamento separativo.
Ferrol, a 26 de marzo de 2018
PLATAFORMA NA DEFENSA DOS SERVIZOS PÚBLICOS,
POLA REMUNICIPALIZACIÓN
remunicipalizacion.plataforma@gmail.com | https://plataformaferrol.blogspot.com.es
Doc de interese para o Pleno:
- Recurso do PSdeG-PSOE e escrito con proposta de desestimación. | 9 páxinas en formato pdf. | Acceder/Baixar.
- Recurso do BNG, escrito de desestimación, informe do bufete Pieltain - Fuertes e desestimación da Alcaldía | 39 páxinas en formato pdf. | Acceder Baixar.
- 164 recursos da Plataforma | 2 páxinas formato pdf. | Acceder/baixar.
- Informe da Intervención sobre cada un dos recursos. | 30 páxinas en formato pdf. | Acceder/Baixar.
__________________