venres, 2 de marzo de 2018

A Plataforma, fiel á súa orixe na loita polo saneamento integral da Ría e na defensa dos servizos públicos, presenta no rexistro do Concello de Ferrol, un escrito de Alegacións e consideracións ao Proxecto de Saneamento na Malata - Un proxecto que se expón a información pública conforme ao disposto no Convenio de Colaboración entre Augas de Galicia e o Concello de Ferrol - O proxecto non é integral descolgando varias zonas da actuación e adopta o sistema unitario de saneamento das augas residuais



A Plataforma, fiel á súa orixe na loita polo saneamento integral da Ría e na defensa dos servizos públicos, presenta no rexistro do Concello de Ferrol, un escrito de Alegacións e consideracións ao Proxecto de Saneamento na Malata,  un vello proxecto que comezou en 2008 e que se rematou en 2014. Un proxecto que se expón a información pública conforme ao disposto no Convenio de Colaboración entre Augas de Galicia e o Concello de Ferrol, asinado o 18 de setembro do pasado ano 2017, por Beatriz Mato Otero, Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, en nome e representación da entidade pública empresarial Augas de Galicia e Jorge Suárez Fernández, Alcalde do Concello de Ferrol.

Achegamos a continuación, o texto das Alegacións presentadas:

Á atención do Sr. Alcalde Presidente do Concello de Ferrol

Referencia: Alegacións ao proxecto de Saneamento na Malata, Ferrol (A Coruña). OH 315.1077.

Alexandre Carrodeguas Martínez, Bernardo Rego Gárate, Fernando Ramos Armesto, Pablo Portero Arnaiz e Lupe Ces Riobóo, veciños e veciña de Ferrol, en nome propio e en representación da Plataforma na Defensa dos Servizos Públicos pola Remunicipalización, con enderezo a efectos de notificación en Ferrol (15406), na Rúa Armada Española, Nº32 Baixo e correo-e: remunicipalizacion.plataforma@gmail.com,

EXPOÑEMOS:

Que o pasado 18 de xaneiro de 2018, o BOP d’A Coruña, Nº13, publicaba un anuncio sobre Planeamento e Xestión, asinado pola Concelleira delegada titular da área de Urbanismo e Mobilidade, María Fernández Lemos, en referencia ao “Sometemento a información pública do proxecto de saneamento na Malata, conforme ao convenio de colaboración entre Augas de Galicia e o Concello de Ferrol”. O mencionado convenio foi asinado o 18.09.2017 entre, Beatriz Mato Otero, Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, en nome e representación da entidade pública empresarial Augas de Galicia e Jorge Suárez Fernández, Alcalde do Concello de Ferrol,  denominado “Convenio de colaboración entre a entidade pública empresarial Augas de Galicia e o Concello de Ferrol para a execución de saneamento na Malata”, actuación cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) nun 80%, no marco do programa operativo FEDER GALICIA 2014-2020.

Que o obxecto do citado Convenio é establecer as condicións básicas para a colaboración entre Augas de Galicia e o Concello de Ferrol para acometer e incorporar ao patrimonio público municipal as obras consistentes no “Saneamento na Malata, Ferrol (A Coruña). OH 315.1077”, a súa posta en servizo, a súa explotación e a súa conservación e mantemento.

Que o proxecto consiste na formulación dunha serie de actuacións e construción dunha rede de colectores e estruturas de regulación de caudal na zona da Malata, en Ferrol. Para completar, en parte, o saneamento xa executado por Acuaes na marxe norte da Ría. Dicimos só unha parte, pois queda fóra do proxecto planeado a conexión das redes de sumidoiros da subconca do río Sardiña e d’Os Corrais (Serantes) e a d’A Graña.

Que na cláusula “Terceira.- Obrigas xerais do Concello” do devandito Convenio, no seu apartado 1, indica a obriga de someter o proxecto das obras de referencia (remitido por Augas de Galicia ao Concello) a información pública, mediante publicación no Boletín Oficial da Provincia, por un prazo non inferior a 30 días hábiles, a computar dende o seguinte día hábil ao da publicación do citado anuncio no BOP e emitir unha certificación acreditativa de telo sometido a este trámite, á que se xuntará, no seu caso, un informe onde se dea contestación ás alegacións presentadas.

Polo que mediante este escrito exercemos o noso dereito a facer consideracións e alegacións a este proxecto que agora se expón a información pública e dentro do prazo considerado mínimo polo propio Convenio antes mencionado.

ALEGACIÓNS E CONSIDERACIÓNS:

Primeira.- Propoñemos a reforma do Proxecto, por non ser un planeamento urbanístico integral que abranga o saneamento de toda a vertente da enseada d’A Malata, permitindo a vertedura na Ría de augas residuais, como diciamos no apartado de exposicións, só abrangue unha parte, pois queda fóra do proxecto planeado a conexión das redes de sumidoiros da subconca do río Sardiña e da zona d’Os Corrais (Serantes), ademais a maior parte d’A Graña, transgredindo o lexislado na Lei 9/2010, do 4 de novembro, de Augas de Galicia e nas normativas que a desenvolven (Decreto 59/2013, do 14 de marzo, polo que se desenvolve en materia de execución e explotación de infraestruturas hidráulicas; Decreto 141/2012, do 21 de xuño, polo que se aproba o Regulamento marco do Servizo Público de Saneamento e Depuración de Augas Residuais de Galicia...); no artigo 100 do Real Decreto Lexislativo 1/2001, de 20 de xullo polo que se aproba o Texto Refundido da Lei de Augas, normativa hidrolóxica estatal que establece que queda prohibido o vertido directo ou indirecto de augas e produtos residuais susceptíbeis de contaminar..., e pola Directiva 91/271/CEE do Consello, de 21 de maio de 1991, sobre o tratamento das augas residuais urbanas, revisión vixente desde 11 de Decembro de 2008 que regulan sobre o tratamento das augas residuais urbanas, e establecen unha serie  de medidas coa finalidade de garantir que ditas augas sexan tratadas correctamente antes da súa vertedura e que prohiben expresamente o vertido, e máis despois dun planeamento urbanístico específico aínda pendente de executar como é o d’A Malata contrario ao disposto no PXOM en vigor, a pesar do certificado polo Secretario Xeral do Concello, no seu escrito do 13 de abril de 2015 (Presente no Proxecto), aínda que este fai unha serie de consideracións e advertencias de moita importancia que compartimos. E sobre todo tendo en conta que o 80% do financiamento procede de fondos europeos e o resto foi contribuído pola veciñanza de Ferrol, no recibo da auga cada dous meses desde o 1 de Xullo de 1993 co Canón de Saneamento e logo desde o 1 de xullo de 2012, momento no que entrou en vigor o Decreto 136/2012, do 31 de maio, polo que se aproba o Regulamento do Canon da Auga e do Coeficiente de Vertedura a sistemas públicos de depuración de augas residuais, modificado no referente á cuantificación, pola Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014 – DOG 31.12.2013[1].

Segunda.- No proxecto xustifica-se a adopción dun sistema de saneamento unitario, di que por estar condicionado polo acordado para a totalidade do sistema de saneamento e depuración de augas residuais da marxe norte da Ría, tomando como punto de partida o modelo desenvolvido no ano 2008, un modelo de hai máis de 10 anos, enfocado na dirección oposta ao disposto pola normativa comunitaria, estatal e autonómica que establecen “prever unha rede separativa das augas pluviais” e a súa “evacuación e tratamento”, o mesmo  coas recomendacións de organismos como a FEMP. [2]  O proxecto di que os “criterios de deseño aplicábeis ao saneamento da Malata están en primeira instancia condicionados polos xa empregados nas fases de deseño e execución de actuacións de saneamento anteriores... En todos os casos, concibiuse un esquema de saneamento unitario para a totalidade da marxe dereita da Ría de Ferrol; esta consideración implica unhas estratexias de deseño e xestión baseadas en TDUS (técnicas de drenaxe urbano sostíbel) impoñendo o cumprimento dos parámetros de calidade do medio mariño da ría de Ferrol”. Vemos fundamental a implantación de TDUS, na zona da actuación, ao ser máis doado a drenaxe por ser un medio semi-rural, con importantes espazos libres de cemento, a implantación dos TDUS debería estenderse a todo o territorio do Concello. Mais non podemos estar de acordo, coa renuncia a aplicar un sistema separativo, onde as augas pluviais discorran por medios separados e reciban un tratamento diferente. O proxecto non fala da imposibilidade dun sistema separativo, senón de condicionamento do sistema, daquela adoptado, agora xa construído. Polo que é necesario un esforzo para realizar un deseño e construción de redes de saneamento separativas de augas residuais, como fan outros concellos. Este proxecto require unha reforma que permita esta separación, pois o futuro demanda camiñar cara a unha maior substentabilidade do sistema de saneamento e depuración, e este pasa por non ter que depurar caudais innecesarios de augas procedentes da chuvia (Sobre un 55% do total) e xa non digamos os avultados consumos eléctricos desa depuración, dos numerosos tanques de tempestades e do bombeo a máis de 45 metros de altura, polo deficiente deseño do sistema. A existencia dun sistema de saneamento e depuración xa de por si é unha mellora indiscutíbel, mais cando hai a oportunidade, de mellorar e ir transformando desde xa o sistema, facendo-o máis sostíbel, tanto medio ambiental como economicamente, temos a obriga de non deixar pasar esa oportunidade. Non hai unha normativa “tallante” que obrigue á implantación dun sistema separativo, mais si posibilidades, recomendacións e tendencias, como dentro da propia normativa especifica e mesmo na planificación urbanística moderna, onde a recuperación das augas para a súa reutilización, é fundamental por ser un ben escaso. Cumpre logo, neste momento, ter vontade política, para aplicar o positivo e mellorábel que facilita a normativa existente, para demandar un sistema separativo e a extensión dos TDUS, e a paulatina transformación de todo o sistema, cunha planificación de mellora urbanística e de infraestruturas, como foi por exemplo, no seu momento, a recuperación e saneamento dos ríos Inxerto e Tronco.[3]

Terceira.- Que afondando na reivindicación da reforma do proxecto, queremos traer este texto do disposto no planeamento urbanístico en vigor, en concreto o redactado no actual PXOM do 2000,[4] no apartado Condicións de Saneamento, no seu artigo 178.1 sobre Rede de saneamento: “O saneamento realizarase normalmente polo sistema separativo, ben puro ou admitindo, coas augas residuais, unha proporción limitada das de chuvia, de maneira que o resto destas vertan directamente nos arroios naturais, que deberán ter asegurada a súa continuidade ata unha canle pública”.

Cuarta.- O Concello de Ferrol, está revisando e adaptando o Plan Xeral de Ordenación Municipal, do cal xa está publicado o Anteproxecto, con data de Decembro 2015 e no verán do pasado ano, estivo a exposición pública, para o trámite de avaliación ambiental. Consideramos de importancia, transcribir un detalle do citado documento de planificación urbanística, pola importancia do mesmo no desenvolvemento e deseño da cidade e do conxunto do concello. Este documento xa pasou o período de consultas. E está a disposición na web oficial do concello e no da Xunta.[5] O detalle está na páxina 119 do texto que di: “O novo sistema de saneamento e depuración centralizado contén eivas no seu deseño, xa que non conta cun sistema separativo e, non se tratan as augas pluviais de forma individualizada, captándose no sistema os regatos que discorren baixo as tramas urbanas. Estas carencias obrigaron a sobredimensionar as infraestruturas, co conseguinte incremento no custe das obras. Deste xeito, a explotación por parte dos concellos das novas infraestruturas implicará un grande consumo enerxético e un alto custo de recursos económicos”. Este mesmo paragrafo está textualmente na páxina 19 do “EDUSI Ferrol-Naron - Ría de Ferrol Cidade 2020 - Estratéxia de Desenvolvemento Urbano Sostíbel Integrado”, onde tamén fai outras mencións de interese ao saneamento e depuración na marxe norte da Ría de Ferrol que apoian as nosa propostas. Polo que o propio texto proposto, do chamado a ser o documento de Planificación máis importante da cidade, tamén clama por un sistema separativo de saneamento e depuración.

Quinta.- No Regulamento Marco do Servizo Público de Saneamento e Depuración de Augas Residuais de Galicia,[6] que é un regulamento que desenvolve a Lei de Augas de Galicia, no seu artigo 5.1 das redes de saneamento e os seus elementos, di: “As administracións desenvolverán accións para a paulatina substitución de redes unitarias por redes separativas sempre que sexa posíbel, garantindo a calidade da auga pluvial na vertedura ao medio receptor ou na súa reutilización, ben mediante a aplicación de técnicas de drenaxe urbana sustentable en orixe ou ben estruturais”. Polo que a mesma lexislación galega prevee a paulatina transformación dos sistemas unitarios por sistemas separativos.

Polo exposto,

SOLICITAMOS que teña a ben admitir este escrito de Alegacións e as tome en consideración, promovendo a reforma do proxecto, que contemple a construción dun sistema separativo de saneamento e depuración de augas residuais, ademais un sistema onde se inclúa as zonas, excluídas, de: A Graña, Os Corrais e a subconca do río Sardiña, así como a recuperación e saneamento deste, coas modificacións necesarias para evitar as inundacións que se producen con marea chea e fortes chuvias.

Asinado atentamente, agardando que dea satisfacción a estas alegacións e consideracións.

Ferrol, a 28 de febreiro, de 2018

En representación propia e da
Plataforma na Defensa dos Servizos Públicos, pola Remunicipalización.
remunicipalización.plataforma@gmail.com | https://plataformaferrol.blogspot.com.es/

Notas.-

[1] O Canon de Saneamento creouse por Lei 8/1993, de 23 de xuño, reguladora de a Administración Hidráulica de Galicia - DOG núm. 125, de 2 de xullo de 1993, polo que levamos pagado este imposto desde aquela. Mais tendo en conta só desde 1 de xullo de 2012, momento no que entrou en vigor o Decreto 136/2012, do 31 de maio, cada vivenda ou establecemento paga no correspondente recibo bimensual que pasa a cobro Emafesa en concepto de Canón da Auga unha cota fixa de 1,54 euros por un consumo maior de 6 m3 por mes e unha cota variábel de 0,29 euros por cada m3 consumido (Media). Somos 38.000 usuarias, por 10m3 de media, son máis de 10.554.000 euros o que leva pagado a veciñanza de Ferrol por ese imposto que segundo a Lei de Augas de Galicia, sen ter en conta o que xa se levaba pagado polo citado canon de saneamento desde 1993.

[2] Recomendacións Técnicas para a Regulación do Servizo de Saneamento de Auga Urbana. Xaneiro, 2014. FEMP.

[3] Proxecto de saneamento e recuperación ambiental do río Inxerto e saneamento do río Tronco (T. M. Ferrol). Clave: 01.490.198/2111 (segundo o contemplado na Lei 11/2005, de 22 de xuño, pola que se modifica a Lei 10/2001, de 5 de xullo, do Plan Hidrolóxico Nacional).

[4] Plan Xeral de Ordenación Municipal | https://www.ferrol.es/pxom/normativa.pdf

[5] revisión e adaptación do plan xeral de ordenación municipal do concello de ferrol. | Anteproxecto de plan - Decembro 2015. | http://cmaot.xunta.gal/ | Código: 1821/2016 - Expediente: 2016AAE1914 | Data de remate do período de consulta: 29/08/2016.

[6] DECRETO 141/2012, do 21 de xuño, polo que se aproba o Regulamento marco do Servizo Público de Saneamento e Depuración de Augas Residuais de Galicia.


PLATAFORMA NA DEFENSA DOS SERVIZOS PÚBLICOS, POLA REMUNICIPALIZACIÓN
Abonda de saqueo! Hai outras alternativas!
Pódese, débese e precísase!
Alexandre Carrodeguas | Fernando Ramos | Pablo Portero | Bernardo Rego | Lupe Ces |
remunicipalizacion.plataforma@gmail.com
https://plataformaferrol.blogspot.com.es/
_____________