venres, 12 de xaneiro de 2018

O Xulgado Contencioso-Administrativo número 4 da Coruña fallou contra Aqualia que terá que pagar 12,8 millóns ao Concello de Arteixo en concepto de indemnización pola mala xestión do servizo da auga que xestionaba ao 100% como parte privada dentro dunha empresa mixta (Aurgasa) - En 2013 o Concello acordara rescatar o servizo municipal de augas para a xestión e titularidade pública, ao detectar esa mala xestión por parte da empresa privada, agora condenada, por segunda vez - Texto da Sentenza



Polo que nos toca en Ferrol, ante a mala xestión de Socamex, socio privado de Emafesa co 49% da empresa mixta, mais xestor ao 100% da mesma, transcribimos a reportaxe publicada no Noticiero de Arteixo e un detalle e enlace do publicado por Antón S. Rodríguez, en La Voz, no día 11 de xaneiro de 2018, sobre a segunda sentenza que lle ven dar a razón ao Concello de Arteixo no seu litixio con Aqualia (Fomento de Construciones y Contratas) a antiga concesionaria privada do servizo municipal de augas que xestionaba ao 100% a empresa mixta de augas (Augarsa), agora remunicipalizado e de xestión pública, proceso de rescate moi interesante e de importantes ensinanzas. Mesmo este Concello aprobou uns orzamentos para 2018, onde contempla a municipalización do servizo de recollida de residuos urbanos. Polo seu interese para a nosa loita en defensa dos Servizos Públicos e pola súa (re)municipalización.


Un xulgado condena a Aqualia a pagar 12,8 millóns de euros ao concello de Arteixo polos prexuízos derivados da súa xestión da rede de auga no concello.

O concello de Arteixo ve xuridicamente avaladas así por segunda vez as súas teses sobre a responsabilidade da filial de Fomento de Construciones y Contratas no calamitoso estado na que deixou o sistema de abastecemento municipal antes de que o concello interviñese o servizo e o municipalizara...

O xulgado contencioso-administrativo número catro decretou que Aqualia terá que pagar ao Concello de Arteixo un total de 12,8 millóns de euros en concepto de indemnización pola xestión do servizo de abastecemento e saneamento que levou a cabo entre os anos 2005 e 2013, ano no que o goberno de Carlos Calvelo municipalizou o servizo ao detectar graves incumprimentos por parte da empresa privada dependente de Fomento de Construcións e Contratas.

O equipo de avogados de Aqualia perseguía conseguir unha sentenza xudicial que rexeitase as teses do concello de Arteixo, que constatara por medio de varias auditorías técnicas e financeiras as responsabilidades que tiña Aqualia no mal estado do servizo de auga. A sentenza, fechada o 28 de decembro e notificada onte, explica que Aqualia debe pagar 2,6 millóns polo incumprimento do plan de investimentos durante os oito anos que prestou o servizo; 8,7 millóns de euros pola redución do valor patrimonial da rede, é dicir, a falta de mantemento na rede de tuberías e depósitos de Arteixo; 2,8 millóns polo impago da compra de auga que Aqualia deixou de abonar a Emalcsa durante anos; 542.000 euros polos gastos de reencho de auga no depósito de Pastoriza nos anos 2012 e 2013; e 111.000 euros polos gastos que asumiu o Concello ao intervir e municipalizar a xestión de auga no 2013.

Estas cifras sumarían preto de 14,9 millóns de euros, aos que habería que descontar os 2,1 millóns que o Concello cobrou en concepto de canon cando Aqualia se adxudicou o contrato no 2005. O resultado serían 12,8 millóns de euros que o xulgado estima que debe cobrar o Concello en concepto de indemnización. Os xulgados xa habían decretado un aval de 14 millóns de euros de forma cautelar para que a empresa puidese facer fronte a posíbeis indemnizacións como a que agora lle esixe o xulgado número 4.

Esta sentenza pode ser recorrida no prazo de quince días ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que xa ditara outra sentenza referida ao mesmo caso en febreiro de 2016, na que sinalaba á filial de Fomento de Construcións e Contratas como responsábel de levar a un estado calamitoso a rede de abastecemento e saneamento de Arteixo utilizando unhas deficientes prácticas empresariais nas que, como sinalaron no proceso as auditorías técnicas do concello de Arteixo, e o propio Tribunal Superior de Xustiza de Galicia "consta acreditado o deficiente estado de mantemento e conservación das diferentes instalacións inherentes tanto ao abastecemento de auga como ao saneamento municipal, inclusive con patentes evidencias gráficas que non foron desmentidas, a máis diso apreciarse patentes pautas de contratación empresarial con prezos inclusive sensiblemente superiores aos do mercado con terceiras entidades empresariais ligadas ao mesmo grupo empresarial".

A sentenza continúa sinalando que Aqualia "tampouco cumprimentou as súas iniciais pautas de investimento". A demoledora sentenza continúa sinalando a Aqualia como unha empresa que non "consta que fixese honor aos compromisos de eficacia técnica e investimento financeiro inicialmente proclamados".

Despois de que os tribunais sinalen de forma contundente a culpa de Aqualia na situación que provocou que o alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, tomase a decisión, apoiado por diversos informes xurídicos e auditorías técnicas, de disolver a empresa no 2013, agora fíxase a contía da indemnización coa que o concello de Arteixo debe ser compensado por Aqualia, un total de 12,8 millóns de euros. A empresa xa depositou no 2016, obrigada polo xulgado, un aval de catorce millóns de euros como garantía inicial para facer fronte a esta indemnización derivada polas consecuencias negativas que tivo a súa xestión do auga para o municipio de Arteixo.

Fonte: Noticiero de Arteixo.


2018.01.11 - Auga . | Remunicipalización. | O xulgado fixa en 12,8 millóns a indemnización de Aqualia a Arteixo | O Concello celebra un fallo que a concesionaria do auga poderá recorrer no TSXG. | Antón S. Rodríguez Arteixo / La Voz 11/01/2018 05:00 h. | O Xulgado Contencioso-Administrativo número 4 da Coruña acaba de decretar que a empresa concesionaria da auga Aqualia terá que pagar 12,8 millóns ao Concello de Arteixo en concepto de indemnización pola xestión do servizo de abastecemento e saneamento que desenvolveu neste municipio entre o 2005 e o 2013. Ese ano, o alcalde Carlos Calvelo optou por municipalizar o servizo de auga ao detectar "graves incumprimentos" por parte de Aqualia, asina propiedade de Fomento de Construcións e Contratas. | Empresa e Concello levan preiteando desde entón, e esta sentenza, asinada o pasado 28 de decembro e feita pública onte, non será o punto e final ao litixio, xa que Aqualia ten opcións de recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). | Ir á Web.

Documentación:

Sentenza 185/2017 do 28 de decembro de 2017 | Aqualia contra Concello de Arteixo. | XDO. CONTENCIOSO/ADMTVO. N. 4 A CORUÑA | SENTENCIA: 00185/2017 -   Modelo: N11600 C/ CAPITAN JUAN VARELA, (ANTIGUA SEDE AUDIENCIA PROVINCIAL), 3ª PLANTA, A CORUÑA. | Equipo/usuario: MP | N.I.G: 15030 45 3 2013 0000698. | Procedimiento: PO PROCEDIMIENTO ORDINARIO 0000180 /2013 / | Sobre: ADMON. LOCAL | De AQUALIA GESTION INTEGRAL DEL AGUA - Abogado: JOSE MARIA BAÑO LEON - Procurador Dª MARIA DOLORES NEIRA LOPEZ | Contra CONCELLO DE ARTEIXO Abogado: ELOY GONZALEZ GONZALEZ. | Texto de 81 páxinas en formato pdf. | Acceder/Baixar.

---