Foto de José Pardo - Pleno Extraordinario do Concello de Ferrol - 10.11.2017 |
DECLARACIÓN PÚBLICA
Ante as declaracións realizadas aos medios polo Alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, o pasado luns 22 de xaneiro, en referencia ao inminente cobro da Taxa de saneamento e depuración, a Plataforma na Defensa dos Servizos Públicos pola Remunicipalización, quere facer a seguinte
Declaración Pública
Vivimos nunha cidade en crise, social e economicamente deprimida, principalmente por mor das políticas aplicadas polas diferentes administracións (Central, Autonómica e Local), dos partidos políticos con responsabilidade de goberno e coa apatía e complicidade das elites que controlan a cidade.
Ferrol ten o menor porcentaxe de ocupación das sete grandes cidades da Galiza e o maior porcentaxe de desemprego, moitos puntos por encima d'A Coruña e de Santiago de Compostela. Do conxunto da poboación activa maior de 16 anos, a ocupada, apenas chega aos dous terzos. O resto está desempregada, sendo a poboación inactiva (xubilada, pensionista, ...), moi superior, en miles de persoas, á activa.
As cifras oficiais amosan-nos unha realidade de emerxencia social. Miles das persoas en paro son de longa duración, moitas con cargas familiares e sen subsidio, nin prestación algunha. En Ferrol sobre o 70% das persoas en paro non teñen prestacións por desemprego. Moitos mozos e mozas están aínda sen acceder ao primeiro emprego, case unha década en paro ou camiño da emigración.
Segundo os datos da ficha estatística do IGE sobre Ferrol, en 2017 houbo bastante máis do dobre de mortes (872), que de nacementos (393), un saldo negativo de 479 persoas nun só ano. Segundo o INE, Ferrol rematou o ano con só 67.569 habitantes. O centro histórico e comercial da cidade de 21 hectáreas, ten máis de 800 locais pechados. O saldo migratorio (2016) é negativo, marcharon 280 persoas máis das que viñeron. Ferrol é unha cidade que esmorece económica e socialmente. A depresión demográfica e os índices de envellecemento da súa poboación e desemprego, son unha consecuencia, no fundamental, do declive industrial, social e económico que vive Ferrol e a comarca no seu conxunto.
Tamén sofremos a parasitación do Ministerio de Defensa, cunha débeda histórica con Ferrol, por non tributar polos seus bens inmóbeis, que ocupan centos de hectáreas, até que llo ordenou unha sentenza, e agora pretenden cobra-nos polos ben desafectados.
Por riba, a pouca plusvalía que se xera e os poucos salarios e prestacións económicas que percibimos, saen da comarca pola vía dos beneficios empresariais das grandes superficies comerciais, da industria auxiliar de Navantia e dos servizos públicos privatizados dos Concellos e doutras administracións, maiormente en mans de grandes corporacións trasnacionais.
Non son os gobernos coas súas políticas, os que están a garantir a subsistencia destes sectores de poboación, nen solucionan o problema de falta de recursos económicos das persoas en paro, senón que son, en maior parte, as familias as que cargan coa responsabilidade e fan o traballo paliativo destes, a través das axudas e o acollemento. Moitas persoas, xubiladas e pensionistas ven-se na obriga de renunciar a gozar da súa pensión, para situar-se na precariedade ao ter que axudar aos súas fillas e fillos en paro ou con traballo pobre. Ou mesmo as hipotecas pendentes. Estas mesmas persoas son as que teñen que soportar a soberbia e as malas políticas dun Alcalde e un Goberno Municipal, desleal cos seus votantes, e cos grupos municipais que o puxeron no poder local para realizar un programa determinado. En concreto respecto á remunicipalización dos servizos públicos, mais sobre todo ao compromiso dunha Taxa de Saneamento e Depuración xusta, xustificada e participada. Pola contra, volven recuperar a Taxa do PP que mesmo todos os grupos municipais e o propio Alcalde, Jorge Suárez, recoñecen que está avultada, por encima do custe real do servizo. Pasando Ferrol a ter o servizo de Saneamento e Depuración, por moito, máis caro de todas as cidades da Galiza.
Despois do engano do Partido Popular, no mandato de José Manuel Rey Varela, recepcionando e inaugurando una depuradora que non depuraba, e cobrando un recibo por un servizo que non se prestaba, tiñamos as esperanzas postas no novo Alcalde, antigo compañeiro, e a súa equipa de goberno que viñan para cambiar as cousas. Fixo todo o contrario, en vez de devolver os 800 mil euros cobrados indebidamente á veciñanza, abrir expediente informativo a Emafesa e entregar a depuradora a Augas de Galicia, como tiña anunciado no verán de 2015, en tres meses pegou unha viraxe de 180 grados, xerando, xunto con Socamex (Xestora e parte privada de Emafesa) unha débeda millonaria no servizo de augas, unha depuradora con cesión ilegal que debería estar xestionando Augas de Galicia até ser mancomunada e endosando-lle á veciñanza e ao pequeno comercio e hostalaría, o servizo de saneamento e depuración, máis caro de toda Galiza.
Polo EXPOSTO queremos DENUNCIAR PUBLICAMENTE:
PRIMEIRO.- Que o alcalde manifestou en repetidas ocasións que a taxa aprobada recentemente en Pleno e que van a pasar ao cobro, era avultada e que non reflectía o custo real. Ségueo dicindo estes días ao anunciar a inminente emisión das facturas deste servizo por parte de Emafesa. Unha Taxa que todos os grupos municipais recoñecen que é inxusta, por estar avultada e conter conceptos que non poden ser obxecto de cobro nunha taxa, como o do financiamento do saneamento do rural. Ademais de estar comprobado, non só polos propios estudos da Plataforma, senón que polos propios informes da mesma Emafesa (Novembro 2016), de Audigal, de Augas de Galicia e do Enxeñeiro Municipal. Por estar baseada nun Convenio (Encomenda) recorrido polo Concello de Narón. Os mesmos informes técnicos da Plataforma sitúan a Taxa do PP (agora ao cobro), o dobre de cara por estar baseada nun contrato eléctrico onde a potencia contratada é moi superior á necesaria (Ver Anexo 1), por avultar as estimacións de consumos eléctricos e por avultar desproporcionadamente os caudais a depurar. Por outra banda está a diferencia (un 30% menos) nos custes de explotación a maiores do que se lle chama saneamento en alta (interceptores, colectores, tanques de tempestade, impulsores e alivios), que lle foi adxudicado a Viaqua. E por último, sen o informe económico de custes preceptivo que a xustifique. De levar-se a cabo o Alcalde está incumprindo a Lei sobre taxas e prezos públicos polo cal faremos as accións que legalmente nos correspondan.
SEGUNDO.- Que están sen contestar os 200 recursos de reposición que se interpuxeron contra o acordo do Pleno do Concello de Ferrol, que se celebrou o día 15 de novembro de 2017, onde se aprobou a “proposta para declarar finalizada a suspensión da aplicación da Ordenanza Fiscal reguladora da taxa pola depuración de augas residuais, publicada no BOP con data 3 de setembro de 2014”. Mesmo nin foron levados á Comisión Municipal Informativa de Economía e Facenda.
TERCEIRO.- Que segundo a mencionada Lei sobre taxas e prezos públicos, é obrigado devolver as taxas cobradas "cando non se realizase o seu feito impoñíbel por causas non imputábeis ao suxeito pasivo". O Concello ten sen devolver os 800.000 euros, dos cobros indebidos efectuados en xaneiro e febreiro de 2015.
QUARTO.- Que o prezo total do servizo de sumidoiros e depuración de augas residuais é o máis alto das oito principais cidades de Galiza (Ver Anexo 2).
QUINTO.- A falta de comunicación á veciñanza de Ferrol, pois se non lle chega a preguntar un xornalista pola Taxa, non nos enteraríamos até que chegaran os recibos ás nosas casas. Polo que reiteramos a nosa denuncia de falta de comunicación debida, pois non se informa de cando vai Emafesa a proceder ao cobro, número de meses que se van a facturar, como, e desde que data; e como e cando se van devolver os 800.000 euros, dos cobros indebidos efectuados en xaneiro e febreiro de 2015.
CHAMAMENTO Á MOBILIZACIÓN
En vista da situación chamamos á veciñanza de Ferrol a mobilizar-se contra a continuación da estafa, polo que convocamos unha CONCENTRACIÓN a celebrar o mércores 7 de febreiro ás 6 da tarde na Praza do Concello de Ferrol.
Clicar encima da imaxe para ampliar |
---