Como estaba previsto a Plataforma realizou asembleas veciñais, en Caranza e no Inferniño, para responder diante da vía executiva iniciada polo Concello de Ferrol para o cobro dos recibos da taxa de depuración, dunha parte do período onde aínda non estaba funcionando o sistema de saneamento e depuración.
No seu momento a Plataforma informou en todas as asemblea realizadas, que íamos intentar facer forza, non pagando os recibos, para conseguir unha saída negociada coa constitución dunha mesa de diálogo. Diálogo que intentamos solicitándoo reiteradamente en numerosas ocasións, mais só recibimos o silencio dun alcalde (Ángel Mato) que non quere escoitar, ni falar, nin ver.
Non conseguimos os nosos obxectivos, polos motivos e circunstancias que fumos explicando nas notas informativas e nas propias asembleas:
"Confiabamos na mobilización veciñal e na negociación para resolver este conflito, pero nin o Goberno de Jorge Suárez, nin agora o de Angel Mato, tiveron interese na defensa dos dereitos da veciñanza. Só defenderon a Emafesa e a súa parte privada que a xestiona (Socamex). Tampouco conseguimos mobilizar ás asociacións veciñais, que deixaron na indefensión aos seus veciños e veciñas fronte os abusos da empresa Emafesa coa complicidade dos gobernos municipais, porque non entenderon, non puideron ou non quixeron. Sumamos-lle a todo isto os anos de pandemia que paralizaron e limitaron as nosas posibilidades de mobilización".
Antes da pandemia estabamos inmersos en asembleas veciñais por barrios e tiñamos convocada unha mobilización que tivemos que suspender por mor da maldita pandemia.
Sempre informamos que ao que nos arriscabamos era a ter que pagar o recibo cun 10% de recargo. Pasaron case catro anos e estamos nese momento. A veciñanza a quen lles chegaron estas cartas, a veciñanza que nos acompañou ate aquí nesta loita, debe saber que aínda que a lexislación marca un prazo máis curto, o Concello nas súas cartas dá de prazo ate o 20 de xullo, para facer o pago con ese 10% de recargo de forma voluntaria. No caso de non ingresar de xeito voluntario dentro do prazo sinalado, o recargo sería do 20% con custos de xuros e xestión do procedemento e xa cobrarían directamente das nosas contas, pola vía de prema, sen ter que pasar por ningunha orde xudicial. Os recursos, se houbera lugar, non paralizarían o cobro. Segundo o disposto no Artigo 14.2 i) do Real Decreto Lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais.
"i) Suspensión do acto impugnado.- A interposición do recurso de reposición non suspenderá a execución do acto impugnado, coas consecuencias legais consecuentes, mesmo a recadación de cotas ou dereitos liquidados, intereses e recargas. Os actos de imposición de sancións tributarias quedarán automaticamente suspendidos conforme ao previsto na Lei Xeral Tributaria. ..." (Sigue).
Nas asembleas non só informamos da situación, senón que se fixeron preguntas, tamén propostas e manifestouse a indignación que produce esta situación inxusta e de mal goberno de tres alcaldes, que aínda continúan facendo parte da corporación municipal (Rey Varela, Jorge Suárez e Ángel Mato) que realizaron unha pésima xestión do servizo de saneamento e depuración.
Nas asembleas acordou-se o pago de forma voluntaria os inxustos recibos por un servizo que non se prestou, para evitar custes maiores que implicaría non pagar en período voluntario, máis agora nun período onde o custe da vida se está disparando, cunha inflación que galopa ata cumes moi elevadas.
Tamén se acordou de facilitar un recurso, independentemente de que se pague en forma voluntaria, que recolla a queixa do inxusto dun pago por un servizo que non se prestou e dunha xestión nefasta por parte dos diferentes gobernos municipais.
Por outra banda informouse de que algunhas persoas da Plataforma teñen a intención de seguir co procedemento para diante ate onde se poida chegar a nivel xudicial.
A Plataforma, ademais de informar e render contas á veciñanza, manifestou nestas asembleas o seu compromiso de continuar na loita contra os abusos de Emafesa, por uns servizos públicos de calidade e a remunicipalización dos servizos públicos básicos do Concello.
---
Documentación:
- Artigo 62.5 Artigo 65. Adiamento e fraccionamento do pago, da Lei Xeral Tributaria. | Acceder/Baixar. | Xurisprudencia relacionada. | Acceder/Baixar.
- Artigo 14.2. Revisión de actos en vía administrativa, do Real Decreto Lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais. | Acceder/Baixar.
---