xoves, 25 de marzo de 2021

Despois dun longo ano, a Queixa ante a Valedora do Pobo chega ate o final do seu percorrido, ao menos na súa primeira fase, sen que se conseguiran as nosas peticións de diálogo, ante un goberno municipal, o do Sr. Ángel Mato, "hostil e entorpecedor"


Un goberno municipal, o do Sr. Ángel Mato, "hostil e entorpecedor"

O 4 de febreiro do pasado ano 2020, a Plataforma e 12 dos seus membros da comisión coordinadora, faciamos entrega no rexistro xeral da Xunta de Galicia en Ferrol, do escrito de Queixa á Valedora do Pobo de Galicia contra o Concello de Ferrol, Queixa á que se foron unindo progresivamente, mediante escritos á Valedora, sobre unhas 200 persoas máis, veciñas de Ferrol, ás cales tamén lles foron chegando, mes tras mes, os diferentes relatorios da institución. Mantivemos unha xuntanza en Compostela e nove foron os escritos remitidos pola Valedora, dando-nos conta dos pasos que ía tomando, mesmo manifestando as dificultades que tiñan, pois o Concello non atendía aos seus requirimentos, tendo que reitera-los ate en varias ocasións. Mesmo no penúltimo escrito, recibido pola Plataforma o 22 de decembro do pasado ano 2020, a Valedora manifestaba que "o goberno municipal non atende aos seus reiterados requirimentos, feitos por terceira vez, en poucos meses. Que esta institución ven de comunicar ao Concello, a obriga de atender os seus deberes legais para coa institución, dando-lle un prazo de cinco días para contestar aos seus requirimentos. De non face-lo, o Concello de Ferrol sería considerado como hostil e entorpecedor das súas funcións, facendo-o público de inmediato e destacando tal cualificación no seu informe anual ou especial, se é o caso, ao Parlamento". O Goberno municipal non tardou cinco días, nin seis, tardou máis dun mes en contestar desde a data na que se nos queixou a Valedora, contestou o 22 de xaneiro de 2021, confirmando o seu perfil dun goberno municipal, o do Sr. Ángel Mato, "hostil e entorpecedor".


Soberbios e prepotentes

Despois dun longo ano a Queixa ante a Valedora do Pobo chega ate o final do seu percorrido, ao menos na súa primeira fase. Non porque se atendera a nosa Queixa, senón porque a xudicialización do asunto e as sentenzas negativas, segundo a Valedora, impiden-lle ir máis aló. E o Concello nega-se a manter un diálogo, porque segundo o Alcalde non hai nada que tratar que temos outras canles de participación, así lle contesta á Valedora: "...a veciñanza ten os seus mecanismos legais previstos para as súas consideracións, incluídos o portal de participación cidadá na actividade municipal ademais do marco participativo previsto na lexislación local e de procedemento administrativo". A veciñanza que lle presenta recursos que non responden, a veciñanza que lle pide reunións, información, documentación, ... peticións que non son atendidas... pasando da participación e a transparencia debidas coa cidadanía, establecidas no Regulamento Municipal de Participación Cidadán e na Ordenanza de Transparencia,  non entra nos seus singulares parámetros de participación cidadá. Neste Ferrol non temos sorte cos alcaldes, ou xa o eran así, ou se transforman unha vez que chegan á alcaldía: soberbios e prepotentes.


O final dun percorrido. A consecuencia de non entrar no fondo do asunto: o cobro por un servizo non prestado e a discriminación entre iguais.

A Queixa chegou ao final do seu percorrido. Foi perante un pouco mais dun ano completo. A Valedora nom responde ao asunto do trato desigual ante situacións iguais. Desviase e só fala do sabido e que nós mesmas lle explicamos na Queixa e na reunión que con ela mantivemos na sede institucional en Santiago de Compostela.

A Valedora resposta reproducindo na sua totalidade unha anterior información co Informe do Concello de xuño. Agora emite un novo informe, sen cuestionar-se o feito de nin sequera contestar ás nosas peticións. Podemos imaxinar-nos quen redactou os informes do Concello. No fundamental, foi o Director Xerente de Emafesa, Alejandro Pisa, pois coincide coa carta que está enviando Emafesa ás persoas que solicitan a emisión dun novo recibo sen o concepto de "Cobro Fraccionado Atrasos Depuración".  O último "Oficio da Valedora do Pobo" que nos chegou, e está chegando aos fogares das persoas que apoiaron a Queixa, dá por rematada a mediación da Valedora, sen suceso, ao negar-se o Concello a manter diálogo coa Plataforma, repetindo que o Concello se veu obrigado por sentenza xudicial a aprobar as liquidacións pola depuración de augas residuais de antes de abril de 2017 e os padróns municipais de abonados ao servizo. Sentenza do TSXG que o Concello decide non recorrer, sen facer público o ditame da asesoría xurídica e sen que haxa petición de responsabilidades aos diferentes políticos responsábeis da desfeita que nos fan pagar á veciñanza. Esta Plataforma solicitou no seu momento, que se recorrera a sentenza ante o Tribunal Supremo.

Consideramos lamentábel o citado "Oficio da Valedora", pois non reproba a actitude do Concello de non responder aos nosos requirimentos de diálogo, ás miles de sinaturas reclamando o mesmo, e aos diferentes recursos presentados. O Concello só resposta á Plataforma, a través de terceiros (A Valedora), logo dun ano de continuos requirimentos desta, e aos requirimentos desta Plataforma desde que foi elixido Alcalde en 15 de xuño de 2019. Pensamos que despois de tanto tempo, a Valedora non quere entrar no fondo da Queixa, ante un goberno municipal que se comportou de xeito "hostil e entorpecedor". Para nós o asunto é grave. Como dicimos na Queixa , é grave que só se nos pase factura de 31 meses (7,21 millóns de euros) a unha parte da veciñanza de Ferrol, que na súa grande maioría aínda non estabamos conectados á rede. E á veciñanza de Narón se lles exime de pagar este período de reparación, probas e manutención:

"Consideran este un acto administrativo de discriminación ao tratar de xeito diferente a persoas en situacións similares sen que exista unha xustificación obxectiva e razoábel, vulnerando, co mesmo, o principio de igualdade recollido no artigo 14 da Constitución Española e no artigo 21 da Carta dos Dereitos Fundamentais da Unión Europea e de toda a normativa que deles emanan".

"Polo que, ao non se prestar o servizo, prestación á que está suxeita o pago dunha taxa (artigo 2 da Lei xeral Tributaria), o feito impoñíbel non se produce, segundo o disposto no artigo 13 da Lei 8/1989, de 13 de abril, de Taxas e Prezos Públicos. A prestación do servizo de recepción obrigatoria que especifica a ordenanza, non se produce, o feito impoñíbel non está a ter lugar, polo tanto non se devenga, artigo 15 da citada Lei 8/1989".

E non é algo que non o esteamos repetindo... Penso que temos tratado case todo o que se pode tratar... Mais o problema principal foi que se aprobou unha ordenanza fiscal en 2014 que non foi impugnada polos partidos políticos que daquela votaran encontra (EU, PSOE e BNG), ordenanza que so éra para un ano e aínda seguimos coa mesma en 2021. Logo accedeu á alcaldía un membro da plataforma contra a taxa, Jorge Suárez Fernández, e saíu como saíu, o tema da suspensión acordada en último momento antes do Pleno (que non existe na lexislación), na vez de derogación (que era a proposta inicial) ou modificación, e todo o que xa sabemos: fraude, mentiras, desidia e políticas a favor dos intereses da parte privada de Emafesa (Urbaser-Socamex). Un Alcalde que menosprezou a opinión e contribución, da plataforma veciñal e dos partidos que o puxeron na alcaldía (PSOE e BNG). Polo que a loita contra esta inxustiza continua: Non Pagar.


Obxectivo: Remunicipalizar


Desde a Plataforma partimos da convicción de que os Servizos Públicos non deben ser un negocio, mais desde hai tempo as grandes corporacións multinacionais dedican grandes esforzos para facer-se cos servizos públicos. Para estas corporacións todo é privatizábel e actúan en consecuencia para mercantilizar as nosas vidas aínda máis do que xa están.

A nosa Plataforma pertence a ese movemento internacional que loita para impedir que se privaticen máis servizos públicos, e para rescatar para a xestión pública aqueles que foron privatizados. A municipalización destes servizos é o noso principal obxectivo.

Cando falamos de servizos como o abastecemento da auga, recollida e tratamento dos residuos sólidos e saneamento e depuración de augas residuais, estamos a falar de servizos básicos. O abastecemento da auga e o saneamento xa foron recoñecidos, como dereitos humanos pola Organización de Nacións Unidas en 2010. Esta, polo tanto, é unha das tarefas principais que a veciñanza encomenda ao seu goberno local, que lle garanta estes dereitos e que eses dereitos sexan cubertos por servizos de calidade e a prezos xustos. Baixo o noso criterio, estas dúas condicións, de calidade e prezos xustos, só se poden cumprir cando servizos básicos destas características son de xestión 100% pública.

Ademais nun Concello en declive socioeconómico crónico, cabeceira dunha Comarca de iguais características, non nos podemos permitir que as plusvalías xeradas, na xestión dos servizos públicos por corporacións privadas, fuxan da contorna en forma de beneficios, subtraendo o pouco diñeiro que temos que debera ser reinvestido nesta zona.
---