xoves, 9 de abril de 2020
A Plataforma difunde a información do Concello de Ferrol sobre o decreto da Alcaldía que recopila as medidas acordadas en conxunto cos grupos municipais para facer fronte á crise provocada polo novo coronavirus Covid'19 - Suspéndese con carácter xeral, para toda a cidadanía, o cobro dos atrasos da taxa de depuración mentres se prolongue a situación
O alcalde decreta que durante o estado de alarma os negocios sen actividade paguen o mínimo polo recibo da auga e o lixo: 28 euros.
Tanto un local hostaleiro que aboase 400 euros de media coma un comercio que afrontase 150 terán esa tarifa reducida este bimestre.
Os establecementos obrigados a pechar a causa da crise do COVID-19 quedan exentos de satisfacer o canon de Sogama e o da Xunta
Os beneficiarios débenlle pedir a Emafesa (info@emafesa.com ou 981 369 012 / 015) a baixa na taxa de abastecemento e depuración
Suspéndese con carácter xeral, para toda a cidadanía, o cobro dos atrasos da taxa de depuración mentres se prolongue a situación
O alcalde, Ángel Mato, acaba de pór en marcha unha nova medida económica que o goberno local viña estudando dende a declaración do estado de alarma para paliar os efectos da epidemia de COVID-19 entre o tecido económico da cidade. Onte á tarde quedou listo un decreto polo que os negocios que non poidan desenvolver a súa actividade pagarán polo recibo da auga e do lixo o importe mínimo que permite a normativa vixente. Así, tanto un establecemento hostaleiro que aboe unha media de 400 euros por este concepto cada dous meses coma, por exemplo, un comercio que teña que afrontar 150 polo mesmo período pasarán a pagar un fixo de 28,19 euros mentres se prolongue a actual situación. En principio, a medida afectará a marzo e abril, aínda que podería estenderse no tempo se o Goberno non levanta as restricións antes de que remate este mes.
O decreto firmado polo rexedor recolle que, dado que o peche de numerosos locais ten lugar forzosamente, estes deben pasar a considerarse en situación de “sen actividade”, o que implica a súa baixa na taxa de abastecemento de auga potable e depuración de augas residuais, tal e como contemplan as ordenanzas municipais. Isto leva aparellados cambios de tarifas na taxa de saneamento e na de recollida de residuos, ademais da exención tanto da taxa de tratamento de residuos (canon de Sogama) coma do canon da auga da Xunta de Galicia. E dicir, unicamente aboarán os mínimos de 5,79 euros polo saneamento sen actividade e o importe reducido de 22,40 pola recollida de residuos sólidos urbanos.
A factura non incluirá os consumos de auga ante a imposibilidade de realizar as lecturas dos contadores debido á epidemia, e entendendo que para os negocios pechados deben ser gastos practicamente inexistentes, polo que facturar un importe estimado sería sempre prexudicial para o usuario. No caso de que se rexistrase un mínimo consumo, compensarase en futuros recibos.
Prazo de solicitude
A mencionada baixa na taxa de abastecemento debe ser solicitada de forma telemática polo interesado. O prazo do que dispón para facelo rematará o próximo 30 de abril (inclusive). Terá que acreditar ante Emafesa, mediante o epígrafe do IAE, entre outra documentación esixible, o peche efectivo do local debido ao estado de alarma. Para facelo, é necesario que se dirixa á dirección de correo electrónico info@emafesa.com, aos números de teléfono 981 369 012 e 981 369 015 ou ao fax 981 300 148.
O número de locais dados de alta neste servizo supera a día de hoxe os 3.200, que pagan unha media de 142,30 euros. Das nove tarifas industriais e comerciais nas que se encadran, na que constan máis aboados, case 1.200, é a 3A, que corresponde a comercios e bancos, entre outros establecementos. O importe medio dos pagos supera os 113 euros. Na 2F, na que están encadrados tabernas ou bares, esa media achégase aos 180, e vai elevándose segundo o tipo de actividade empresarial ata os máis de 400 euros da 2C ou ata os máis de 800 da 2A. Trátase sempre de cifras medias, que varían moito dentro dun mesmo epígrafe dependendo das características do local e do tipo de traballos que se leven a cabo nel.
Aprazamento dos cobros correspondentes aos atrasos
O decreto firmado onte polo alcalde contempla tamén a suspensión temporal do cobro dos atrasos da taxa de depuración. Neste caso é con carácter xeral para todos os usuarios, tamén os particulares.
Esta decisión adóitase debido ás “excepcionais circunstancias” e para non agravar máis a situación económica dos cidadáns.
Onte pola tarde, o alcalde trasladoulles aos voceiros dos grupos municipais o contido do documento e reiteroulles o seu agradecemento polo apoio que prestan ás medidas que o goberno local vai adoitando para paliar as consecuencias da crise epidémica, polas súas achegas e pola vontade de consenso que están demostrando. Este decreto únese ao aprazamento da práctica totalidade das obrigas fiscais, á suspensión de taxas coma a de terrazas e á elaboración dun plan de apoio a pemes e autónomos que se financiará con dous millóns de euros procedentes do remanente de tesourería. Mato lembrou que decretar a situación de non actividade dos establecementos que tiveron que pechar as últimas semanas é de xustiza, posto que desa maneira redúcese todo o posible un dos seus gastos fixos. O rexedor explicou tamén que a posta en marcha desta medida analizouse detidamente para acadar unha total seguridade xurídica, xa que se dispoñía de tempo suficiente antes de que se comezase a pasar ao cobro o recibo de Emafesa.
Ferrol, 9 de abril, de 2020
GABINETE DE COMUNICACIÓN DO CONCELLO DE FERROL | Casa do Concello · Praza de Armas, s/n. 15402 Ferrol | Tlf. 981 944 013 | prensa@ferrol.es | https://www.ferrol.gal/
---