sábado, 30 de novembro de 2019

A Plataforma pola remunicipalización comeza unha nova campaña de información respecto ao recibo da taxa depuración de Ferrol, facendo asembleas veciñais en diferentes barrios do Concello, comezando por Canido, Caranza e Ultramar



A 'Plataforma na Defensa dos Servizos Públicos, pola Remunicipalización, comeza unha nova campaña de información respecto dos recibos dos supostos atrasos da taxa de "depuración de augas residuais" de Ferrol. Uns recibos por un período de 31 meses onde non se prestaba o servizo, e polo que se reclama o pago de máis de 7,1 millóns de euros máis que á veciñanza de Narón, tendo a mesma depuradora, estación impulsora, emisarios submarinos e terrestres, e sistema de intercepción (tanques de tormenta, aliviadeiros, interceptores e colectores xerais).

Está campaña comezará, polos barrios de Canido, Caranza e Ultramar, onde se realizarán diferentes Asembleas Veciñais, para informar da situación actual despois da Sentenza do TSXG; da posición dos diferentes grupos municipais no pasado Pleno do 28 de novembro; dos vindeiros recibos que se van pasar a cobro nos meses de xaneiro e febreiro de 2020; da posición da Plataforma e o porqué.

En Canido, o martes 3 de decembro, no Centro Cívico, na Rúa Poeta Pérez Parallé S/N.

En Caranza, o mércores 4 de decembro, na SCDR Galicia de Caranza, na Avenida de Castelao, S/N.

En Ultramar, o xoves 5 de decembro, no local da Asociación Veciñal, na Rúa Sartaña, 20.

Todos os actos terán lugar ás 6 da tarde.

A Plataforma segue considerando que non se debe pasar a cobro os recibos da Depuración por un período no que non se prestaba o servizo. Os recibos que Emafesa está pasando a cobro en concepto de atrasos de "Depuración de augas residuais" e que pensa seguir pasando até febreiro de 2021, por un período que vai desde o 1 de setembro de 2014 até o 31 de marzo de 2017. Un período de 31 meses, onde aínda non se comezara a depurar, pois a grande maioría do caudal, previsto depurar, seguía vertendo-se á Ría, dado que os interceptores non estaban conectados, nin rematadas as obras dos colectores e interceptores xerais. Conexión que se comezou a producir progresivamente desde o 3 de abril de 2017, até o 14 de xuño do mesmo ano, onde a Comisión de Seguimento das obras "Interceptores xenerais da marxe dereita da Ría de Ferrol", en reunión ordinaria, analizaba o avance da posta en marcha do novo sistema de saneamento, certificando, nesa data, que o 97% das augas residuais xa eran bombeadas á Depuradora de cabo Prioriño. Quedando unicamente pendente a conexión do último tramo do rio Inxerto que sería enganchado meses máis tarde.

Así está escrito nun detalle da información faciltada por ACUAES:

"Gracias a ello, desde el pasado mes de abril se han comenzado a conectar a las nuevas infraestructuras las redes de alcantarillado municipal que recogen las aguas residuales urbanas de los barrios ferrolanos de Esteiro, Caranza, Ensanche-A, Ultramar, Recimil, San Xoán, Sta Cecilia y una parte importante de San Pablo y Sta Mariña, y los barrios naroneses de Alto do Castaño, O Couto, A Solaina, A Gándara y Freixeiro, Piñeiros y Xubia, junto con la parte de la zona rural correspondiente a las parroquias de Castro, San Mateo, O Val y San Xiao".[*]

Ferrol, a 30 de novembro, de 2019

Nota.-

[*] A posta en funcionamento dos "Interceptores xerais da marxe dereita da Ría de Ferrol", que executa o Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente a través da sociedade estatal Acuaes, permitiu que o 97% do caudal das augas residuais que se xeran en Ferrol e Narón sexa enviado cara á Estación de Bombeo da Malata - 14 de xuño de 2017.
[ https://www.acuaes.com/sala-de-prensa/notas-de-prensa/el-97-por-ciento-del-caudal-de-aguas-residuales-de-ferrol-y-naron-ya ]

Cartaces para difundir:

➤ Para difundir nas redes sociais (Formato png.) | Canido | Caranza | Ultramar.

➤ Para imprimir e colar nos barrios
(Formato pdf.) | Canido | Caranza | Ultramar.
________________