mércores, 18 de setembro de 2019

Angel Mato e as contas de EMAFESA, rolda de prensa da Plataforma - Vídeo



Este mércores 18 de setembro, ás 12 do mediodía, a Plataforma na Defensa dos Servizos Públicos, pola Remunicipalización, realizou unha rolda de prensa, no rexistro xeral do Concello de Ferrol. Os temas tratados foron: análise das declaracións do alcalde, Angel Mato, e a posíbel aprobación das contas de EMAFESA.

Aos poucos días de conformar-se este novo goberno municipal, presidido por Angel Mato, esta Plataforma solicitou unha entrevista co Alcalde de Ferrol, solicitude que tivemos que reiterar, ante a falta de resposta. O goberno municipal tardou 48 días en contestar. Na xuntanza que nos concederon, a Plataforma reiterou a súa oposición a que sexa a veciñanza a que pague o mal goberno no asunto do saneamento e depuración (7.129.145,59 de euros, 31 meses máis que a veciñanza de Narón), polo que conminou a que se buscara outra alternativa que non pase por saquear á veciñanza pasando uns recibos por un servizo que non se prestou. A Plataforma propuxo unha Mesa de Diálogo, para tratar o asunto da facturación polo Servizo de Depuración, con presencia das asociacións veciñais e a elaboración dun calendario de reunións. Até agora non houbo resposta algunha por parte do Concello, agás o que subxace ante as declaracións públicas do Alcalde en diferentes actos e entrevistas, das que se fixeron eco algúns medios e o acordado en Comisión de Facenda o pasado 10 de setembro de levar a Pleno a aprobación das contas de Emafesa dos anos 2016, 2017 e 2018.

A Plataforma convocou esta Rolda de Prensa para dar conta da situación, compartir análise e fixar a posición da mesma.


ROLDA DE PRENSA DA PLATAFORMA

Ante as declaracións nos medios de comunicación, destes últimos días por parte do Alcalde de Ferrol, e ante os acordos tomados en Comisión de Economía e Facenda que serán levados a pleno a finais deste mes de setembro, a Plataforma na Defensa dos Servizos Públicos, pola Remuniciplización, quere MANIFESTAR

1º CONTAS DE EMAFESA
Que na Comisión de Economía e Facenda celebrada no 10 de setembro, levouse a aprobación as contas de Emafesa correspondentes aos exercicios 2016, 2017, 2018. Dita aprobación vai contar cos votos afirmativos de PSOE e FeC, (o PP reservou o seu voto para o Pleno) e os votos en contra do BNG. Unha aprobación que pretende dar carpetazo á xestión de EMAFESA en relación, entre outras, á depuración de augas residuais. Unha xestión que ten xa tres alcaldes como protagonistas: Rey Varela, o alcalde que recepcionou a depuradora que non depuraba e que instaurou a taxa cobrando por un servizo que non se prestou até 31 meses máis tarde, que dixo que a veciñanza de Ferrol non ía pagar nin un só euro máis que a de Narón e imos pagar 7,1 millóns de euros máis; Jorge Suárez, o alcalde que denunciou que non se depuraba, que non había persoal contratado, que non había electricidade contratada, que fora recepcionada a depuradora en moi malas condicións, que ía devolver a depuradora a Augas de Galicia, que ía derogar a taxa, que ía denunciar á fiscalía e que suspendeu a taxa e logo asinou as liquidacións polo período onde non se daba o servizo; Angel Mato, o alcalde que continua coa estafa intentando aprobar unhas contas onde se inclúen cobros por un servizo que non se daba.

2º INFORMACIÓN E TRANSPARENCIA
Seguimos agardando que se nos informe, como así solicitamos na reunión mantida coa concelleira de servizos, Ana Lamas, e como así reiteramos no día de hoxe, mediante escrito ao alcalde, da contestación que Augas de Galiza, deu ao escrito que os concellos de Ferrol e Narón, enviaron a este organismo para mostrar a vontade de entregar a depuradora ao seu propietario, que non é outro que Augas de Galicia, para que se puidera facer cargo da mesma ACUAES, mentres non se constitúa un ente supramunicipal. Acuaes xa elaborou uns informes de explotación por un prezo moito mais económico. O documento a Augas de Galicia, asinado pola alcaldesa de Narón e o Alcalde de Ferrol, no verán do pasado ano, ven a corroborar o que esta Plataforma ven denunciando, que EMAFESA non ten cobertura legal para operar na EDAR de Prioriño, cun Proxecto de Execución Concertada, xa caducado en xuño de 2016. EMAFESA, como empresa mixta que é, non é medio propio do Concello de Ferrol, e non poder alegar o disposto no Pliego de Condicións, ao aumentar nun 50% o volume de negocio (informe de xestión do exercicio 2018), o que implica segundo a Lei de Contratos do Sector Público (artigo 204) a necesidade dunha nova licitación, para a nova infraestrutura.

3º DECLARACIÓNS DO ALCALDE

O alcalde Angel Mato decide contestar ás solicitudes de reunión da Plataforma, e ao comunicado na reunión á concelleira delegada Ana Lamas, con declaracións públicas que indican un aliñamento claro coas posicións da parte privada, SOCAMEX.

➤ O Alcalde di que EMAFESA é unha empresa municipal, ocultando que é mixta cunha xestión 100% privada, e que o concello ten a obriga de fiscalizar esa xestión, cousa que ningún dos tres alcaldes, actualmente sentados na corporación, fixeron nin fai.

➤ O Alcalde di que por estatutos a EMAFESA lle corresponde a xestión da depuración, cando, como explicamos anteriormente, no prego de condicións aparece como unha parte da actividade a desenvolver, e non unha condición. En todo caso, EMAFESA ao ampliar en mais do 20% o seu volume de negocio ao facerse cargo da depuración, a Lei de Contratos Públicos, no seu artigo 204, obriga a licitar a xestión da nova infraestrutura.

➤ O Alcalde di que EMAFESA atravesa por problemas financeiros por mor da suspensión da ordenanza que regula a taxa, cando o problema é unha mala xestión (en mans privadas), e facerse cargo dunha infraestrutura defectuosa e que non lle competía xestionar, e de costas aos intereses da veciñanza de Ferrol e do concello de Narón, polo que seguimos demandando unha auditoría integral.

4º ALTERNATIVAS

Na reunión coa concelleira Ana Lamas, expuxemos unha serie de alternativas para que a veciñanza de Ferrol afectada por estes cobros, non se vexa gravada na súa economía por un mal goberno e unha mala xestión. Estas alternativas son:

- Paralizar o cobro dos recibos pendentes. Lembrar que hai un acordo plenario para recorrer a sentenza contra a suspensión do cobro da taxa, e Jorge Suárez, sen mandato do pleno asinou as liquidacións de xaneiro de 2015 a marzo de 2017.

- Formar unha mesa de diálogo, para enfrontar este tema incluíndo ás asociacións veciñais, pedindo tamén o asesoramento de AEOPAS.

- Negociar coa empresa os pagos pendentes, con facturas presentadas de gastos nese período (que non se deran presentado cando se formou unha comisión para este tema na anterior lexislatura), e no seu caso enfrontalos como subvención a través dos orzamentos xerais do concello.

- Realizar unha auditoría xeral de xestión e económica que faga luz sobre a realidade da empresa e permita o rescate do servizo por parte do Concello.

Pola nosa parte, seguiremos co non pago dos recibos que EMAFESA presenta a cobro co concepto de “Facturación Servizo Depuración” do período onde aínda non se prestaba o servizo; solicitaremos a palabra no pleno onde se pretende aprobar as contas; iniciaremos todas as  accións ao noso alcance para defendermo-nos deste atropelo con estafa, que a empresa Emafesa-Socamex impón á cidadanía de Ferrol, e seguiremos coa acción cidadá para informar e presionar ao goberno municipal, nomeadamente ao alcalde Presidente de Emafesa, para que abandone os intereses da parte privada e nos represente no Consello de Administración fronte aos intereses de lucro privados.

Ferrol, 18 de setembro de 2019


https://youtu.be/9bie-0F1td0


DATOS ESTIMADOS QUE SE UTILIZARON PARA O CÁLCULO DA TAXA HOXE AÍNDA EN VIGOR DESDE SETEMBRO DE 2014
DATOS REAIS DUN ANO COMPLETO DE FUNCIONAMENTO DO SISTEMA DE SANEAMENTO E DEPURACIÓN 2018
CONSUMO ENERXÉTICO PREVISTO

14.402.472 KW/h
CONSUMO ENERXÉTICO REAL 2018
(EBAR+EDAR)

11.554.202 KW/h
(Un 20% menos)
PREVISIÓN DE CAUDAIS A TRATAR

25.771.211 m3
CAUDAIS TRATADOS EN 2018

20.772.740 m3
(Un 20% menos)
CÁLCULO DOS CUSTES DO MANTEMENTO DOS INTERCEPTORES, TANQUES, ...

593.790 €
CUSTE REAL DO MANTEMENTO DOS INTERCEPTORES, TANQUES, ...
ACORDO ADXUDICACIÓN ÚLTIMA LICITACIÓN DO 15.05.2019

386.149 €, menos que a adxudicación anterior que levaba contratado desde abril de 2017 por 416.300 (2018)
Un 30% menos

VOLUME DE NEGOCIO 2013
VOLUME DE NEGOCIO 2018

5.333.830 €

+ 2.537.669

7.871.499 €(un 48% máis)

PLATAFORMA NA DEFENSA
DOS SERVIZOS PÚBLICOS,
POLA REMUNICIPALIZACIÓN
Abonda de saqueo! Hai outras alternativas!
Pódese, débese e precísase!
Correo-e: remunicipalizacion.plataforma@gmail.com
Web: https://plataformaferrol.blogspot.com.es/
Facebook: @RemunicipalizarFerrol   |  Twitter: @municipalizarFT

---