venres, 9 de agosto de 2019

A Plataforma mantivo o primeiro contacto con membros do goberno municipal de Ferrol, onde manifestou a súa oposición a que sexa a veciñanza a que pague o mal goberno no asunto do saneamento e depuración e propuxo unha Mesa de Diálogo, para tratar o asunto da facturación polo Servizo de Depuración



Declaración despois de manter a xuntanza con membros do goberno municipal do Concello de Ferrol


- A Plataforma reiterou a súa oposición a que sexa a veciñanza a que pague o mal goberno no asunto do saneamento e depuración, polo que considera que ten que haber outra alternativa que non pase por saquear á veciñanza pasando uns recibos por un servizo que non se prestou.

- A Plataforma propuxo unha Mesa de Diálogo, para tratar o asunto da facturación polo Servizo de Depuración, con presencia das asociacións veciñais e a elaboración dun calendario de reunións.

Despois de pasados 48 días desde a entrada en rexistro da petición de reunión, este xoves 8 de agosto, ás 10 da mañá, tivo lugar en dependencias municipais, unha reunión de representantes do goberno municipal con membros da Plataforma. O obxectivo principal para a Plataforma era o de abordar a situación, en referencia aos recibos de Emafesa que pasou a cobro, durante os meses de xuño e xullo, en concepto de "Facturación  Servizo Depuración" polo período xaneiro-xuño de 2015 e que pensa seguir pasando até febreiro de 2021. Como temos informado, estes recibos corresponden ao período que vai desde o 1 de xaneiro de 2015 até o 31 de marzo de 2017, un período onde aínda non se comezara a depurar, dado que o 98,5% do caudal previsto seguía vertendo-se á Ría, así como os interceptores non estaban conectados, nin rematadas as obras. A conexión ao Sistema comezou-se a producir progresivamente desde o 4 de abril de 2017, até o 14 de xuño do mesmo ano, onde a Comisión de Seguimento das obras "Interceptores xenerais da marxe dereita da Ría de Ferrol", en reunión ordinaria, analizaba o avance da posta en marcha do novo sistema de saneamento, certificando, nesa data, que o 97% das augas residuais xa eran bombeadas á Depuradora de Cabo Prioriño. Quedando unicamente pendente a conexión do último tramo do rio Inxerto que sería enganchado meses máis tarde....

A esta reunión, por parte do goberno municipal asistiron Ana Lamas Villar, Concelleira Delegada da Área de Servizos, Obras, Medio Ambiente, Zona Rural e Participación Cidadá, e Germán Costoya Casas, Concelleiro Delegado da Área de Seguridade e Tráfico, Mercados, Consumo, Sanidade e Benestar Animal, que foi durante pouco máis dun ano do anterior mandato, Concelleiro Delegado de Servizos.

A concelleira de Servizos desde o primeiro momento, aclarou que o obxectivo da reunión era escoitar o que tiña que dicir a Plataforma. Pola súa banda a representación da Plataforma aproveitou para centrar a atención da concelleira na problemática derivada do paso a cobro dos recibos da Depuración, polo período onde non se prestaba o Servizo.

A Plataforma explicou aos representantes do goberno municipal que está a suceder co que consideran un cobro inxusto e fraudulento porque o servizo non se prestaba, e un cobro discriminatorio a respecto dos veciños e veciñas de Narón, que comezan a pagar a partires do 4 de abril de 2017, data do comezo do funcionamento e conexión do sistema.

Tamén expuxeron a súa análise a respecto da situación do recurso presentado polo concello, diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, en relación á demanda de SOCAMEX contra a suspensión da taxa. Desde a Plataforma consideran que independentemente de como se resolva a nivel xurídico a suspensión da taxa, ten que abrirse un proceso de negociación coa parte privada, de cara a paralizar os pagos e devolver o cobrado.

A Plataforma manifestou que o feito de que o mal goberno de dous alcaldes nos levaran a esta situación, non xustifica o cobro por un servizo que non se prestou. Se neses 31 meses que Emafesa estivo na depuradora e na estación impulsora, xerou un gasto determinado, terá que ser o Concello a través dos seus orzamentos anuais o que equilibre as contas de Emafesa, como así está previsto no Pliego de Condicións, mais sempre que se xustifique os custes por parte da empresa mixta.

A Plataforma enumerou algunha das irregularidades que a empresa leva practicando na cidade (lecturas estimadas abusivas, consumos avultados, aplicación de consumos lineais a barrios enteiros...), ou mesmo duplicidade no cobro de certos servizos como o de saneamento. Hai que lembrar que a empresa leva cando menos dous anos sen pagar ao concello o canon concesionario, e que non ten aprobadas as contas dos últimos anos e existen actas do Consello de Administración sen asinar. Mesmo sinalaron os problemas que están acontecendo ao respecto do atraso en conceder as bonificacións, precisamente cando as persoas que o solicitan son as que non teñen recursos económicos.

A Plataforma propúxolle á concelleira e concelleiro una Mesa de Diálogo, a xeito de reunións de traballo para abordar en profundidade todos os temas relacionados cos servizos públicos na cidade, que leva traballando nestes anos de funcionamento, pero no caso de EMAFESA, e sobre todo en relación ao servizo de depuración, mostraron a urxencia que demanda a situación.

Do mesmo xeito, a representación da Plataforma, preguntou-se-lles ao concelleiro e á concelleira, se había resposta á carta asinada o 17 de agosto do pasado ano 2018, pola Alcaldesa de Narón, Maríán Ferreiro, e o anterior Alcalde Ferrol, Jorge Suárez, solicitando ao Director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez Martínez, para que en colaboración cos dous concellos, realicen as xestións necesarias coa Secretaría de Estado de Medio Ambiente, do Ministerio de Transición Ecolóxica, para que a administración do estado, recupere a xestión das infraestruturas que forman parte do Sistema Xeral de Saneamento e posteriormente as encomendas a partires do 19 de agosto deste ano 2019 a ACUAES, mentres non se constitúa un ente supramunicipal que o xestione. Mesmo ACUAES a petición dos dous concellos chegou a facer un estudo de explotación do conxunto do sistema, cunha importante mellora das condicións económicas. Deron a entender que non sabían nada do asunto e que ía a indagar.

A Plataforma fixo-lle entrega aos representantes do goberno municipal dun dossier coas súas análises e propostas e documentación que as apoian.

A reunión finalizou sen concretar unha nova data, pois a representación do grupo de goberno expresou a necesidade de ter tempo para estudar o tema que consideran de moita importancia e transcendencia.

A Plataforma pola súa banda non cesará no seu traballo de informar á veciñanza e organizar a súa defensa diante do que considera abuso e practicas irregulares da empresa EMFESA coa veciñanza de Ferrol

Foto de Cesar Toimil | Asemblea da Plataforma na Praza de Armas | 8 de febreiro de 2018.
---