martes, 12 de setembro de 2017

A Plataforma exixe ao goberno municipal que inicie o proceso de rescate da xestión do servizo da auga, denuncie o Convenio con Augas de Galicia e entregue a xestión da depuradora á Xunta de Galicia, ata que se cre un sistema supramunicipal de xestión, devolva a taxa indebidamente cobrada e comece cun proceso transparente e participado.

Estación depuradora de aguas residuais -EDAR- de Cabo Prioriño - Ferrol

Ante a situación actual do servizo público de saneamento de Ferrol e logo da decisión do goberno municipal de formar unha comisión de control e seguimento de gastos de obras e traballos levados a cabo por EMAFESA, esta plataforma veciñal comunica aos medios e cidadanía de Ferrol o seguinte:


1) A Acta da XUNTA DE GOBERNO do día 21 de agosto de 2017[1], inclúe, no seu punto 3, un informe da Intervención sobre o servizo de saneamento, no cal dá por feito a lexitimidade de EMAFESA para executar a xestión deste servizo. Rexeitamos de plano esta postura por non cumprir coa lexislación ao respecto e porque se soporta nunha cadea de encomendas de xestión irregulares (Confederación Hidrográfica do Miño-Sil - Augas de Galicia - Concello de Ferrol)[2][3] cuxo único obxectivo foi poñer en mans de EMAFESA este servizo. Unha estratexia montada, que resultará moi prexudicial para os abonados de Ferrol e Narón e que denunciaremos aos órganos institucionais que correspondan. (Ver lexislación sobre encomendas de xestión na Lei 30/1992- Réxime xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común e na Lei 3/2011 sobre os Contratos do Sector Público)[4].

2) Aparentemente nesta ACTA a Intervención municipal xustifica o dereito de EMAFESA a realizar de forma DIRECTA (sen concurso público) os traballos de ultimación e/ou reformas do sistema de saneamento, así como a explotación da EDAR en base á Cláusula Vixésimo Primeira do Contrato de Abastecemento e Sumidoiros[5] na que se inclúe a posibilidade de modificacións indeterminadas no futuro, como a mencionada “planta EDAR de Ferrol”. Neste sentido, denunciamos esta estratexia en base ao seguinte:
a) A citada cláusula considerámola apócrifa ao non axustarse nin ao ordenamento xurídico español nin ao da UE. (Ver Circular N° 1/2011 “Réxime de Modificación dos Contratos do Sector Público” da Avogacía Xeral do Estado - Ministerio de Xustiza[6] e Real Decreto Lexislativo 3/2011, artigos 105 e 107, Texto Refundido da Lei de Contratos do Sector Público)[7].

b) A planta EDAR de Cabo Prioriño é propiedade da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente)[8] e a súa xestión foi delegada á Xunta de Galicia a través do seu ente Augas de Galicia, polo que non pertence ao Concello de Ferrol. Tampouco esta planta é de uso exclusivo deste Concello, pois as augas residuais de Narón están xa sendo enviadas, e as de Neda serán enviadas no futuro próximo a depurar a esta EDAR. Polo tanto, a “asignación” directa de EMAFESA, para xestionar a súa explotación, carece de soporte legal e contractual.
3) Polo anterior, o Protocolo de Execución Concertada entre o Concello de Ferrol e a empresa mixta EMAFESA,[9] realizado polo anterior Goberno Municipal de Ferrol, en xuño de 2014, (xa expirado) carece de validez algunha, pois este servizo público debería ser xestionado segundo a Lei 3/2011 sobre os Contratos do Sector Público, tal como se anuncia agora que se vai facer (mediante licitación pública), cun alcance SUPRAMUNICIPAL que abarcará toda a Ría de Ferrol.

4) O contido das “encomendas de xestión encadeadas” e citadas en 1), non só inclúen a explotación da EDAR senón que tamén inclúen a obriga do Concello de Ferrol, de realizar e soportar o custo, de unha serie de traballos e obras indeterminadas que deberían ter sido executadas polos diferentes subcontratistas, ou por quen se comprometeu na primeira encomenda de xestión, e dicir, Augas de Galicia. Ata a data, o valor total das facturas emitidas por EMAFESA por este concepto, alcanza un total superior aos 5 millóns de euros.

5) Consideramos que a taxa de saneamento proposta en varios plenos, elaborada por EMAFESA, está moi sobredimensionada en conceptos como: caudais de augas residuais e pluviais, potencia eléctrica contratada e enerxía consumida. E así o denunciamos repetidamente ao propio Concello e medios de comunicación. A pasividade do actual goberno municipal neste tema e a insistente proposta de aprobación da taxa, reflicte, implicitamente, unha aceptación da estratexia de EMAFESA, tan común nas empresas mixtas, para asentarse como “xestor interno” das infraestruturas, sen control nin dirección por parte dos Concellos.

6) Esta apreciación nosa sobre as empresas mixtas evidenciase no citado Protocolo de Execución Concertada entre o Concello e EMAFESA, ao nomear a esta última (Cláusula Quinta), como representante formal no futuro órgano SUPRAMUNICIPAL, para “asumir as obrigacións e dereitos do Concello de Ferrol” para a xestión da explotación do sistema de saneamento de augas residuais de toda a Ría de Ferrol.

7) Denunciamos tamén que EMAFESA emitira, a principios de 2015, unha factura polo servizo de saneamento que cubría os catro últimos meses do 2014, sen que o servizo fose realizado (Entre outras irregularidades). Este “descoido” de EMAFESA e do anterior goberno municipal de Rey Varela, xerou unha protesta da cidadanía e máis de 2.500 recursos contra o cobro deste recibo, que obrigou ao novo goberno municipal a propoñer a suspensión e máis tarde a derrogación da taxa, acordadas en Pleno (en total EMAFESA ingresou indebidamente uns 800.000 euros e que non devolveu). Si EMAFESA seguise facturando este servizo houbese embolsado ata a data uns 7 millóns de euros (sen contar a suma aportada polas abonadas de Narón).

8) A xestión de EMAFESA así como o seu cumprimento contractual, valorámola como moi negativa e cuestionamos que cumpran os requisitos establecidos nos pliegos de condicións da licitación.

Ademais EMAFESA mantén unha actitude de prepotencia e actúa como un “xestor interno” do Concello de Ferrol, o cal “déixalle facer”, sen control nin participación directa na xestión malia ser socio maioritario da empresa mixta. En concreto sinalamos:

- Actas do Consello de Administración sen aceptar e asinar.
- Balances económicos dos tres últimos anos sen aceptar e asinar.
- Medicións ficticias (chámanlles “estimativas”) abusivas dos contadores as cales xeran multitudes de queixas.
- Emisión de facturas moi irregulares e ilóxicas (de ata 4.000 euros) segundo noticias dos medios de comunicación.
- Asignación de tipos de tarifas en base a documentos e criterios “internos” non aceptados en plenos municipais nin na Ordenanza.
- Connivencia ou inacción de altos funcionarios e concelleiros.
- Anuncio público de concurso de acredores por parte de EMAFESA.
- Impagos á Xunta e Concello de Ferrol dos canons correspondentes.
- Crise dos trihalometanos.

A Plataforma reitera as súas demandas e reivindicacións e exixe ao goberno municipal que ante os continuos incumprimentos por parte da empresa mixta EMAFESA, e ante as irregularidades no corpo contractual, inicie o proceso de recuperación da xestión do servizo, cumprindo cos acordos do pleno municipal de xullo de 2015; denuncie o Convenio con Augas de Galicia e entregue a xestión do sistema de saneamento e depuración a quen é o seu único responsable  -a Xunta de Galicia, ata que se cre un sistema supramunicipal de xestión, como así está establecido; devolva a taxa indebidamente cobrada e comece cun proceso transparente e participado .

Ferrol, a 7 de setembro, de 2017

Notas.-

[1] Acta da Xunta Local de Goberno do día 21 de agosto de 2017 (Punto 3 desde a páxina do 9 á 15, en formato pdf) - | Acceder/Baixar.

[2] Resolución de 7 de maio de 2014, pola que se publica o Convenio de Colaboración entre a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e Augas de Galicia, para a formalización da encomenda de xestión da explotación, mantemento e conservación das obras consistentes na condución das augas, depuración e vertido de Ferrol, asinado uns meses antes, en Ferrol, o 27 de decembro de 2013 e publicada no BOE o 19 de maio de 2014. | Acceder/Baixar.

[3] Convenio de Colaboración entre Augas de Galicia e o Concello de Ferrol para a formalización da encomenda de xestión da explotación, mantemento e conservación do sistema de saneamento e depuración do Concello de Ferrol, aprobado no Pleno Extraordinario e Urxente, celebrado o 4 de Abril de 2017 (12 páxinas en formato pdf). | Acceder/Baixar.

[4] Lexislación sobre Convenios de Colaboración e Encomendas de Xestión na Lei 30/1992- Réxime xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común (Encomendas de Xestión: Punto 1 do Artigo 12, Artigo 15 e Convenios de Colaboración: Punto 6 da Exposición de Motivos, Artigo 6, Artigo 8 e punto 4 apartado e) do Artigo 38) | Acceder/Baixar. | e na Lei 3/2011 sobre os Contratos do Sector Público. (Sobre Convenios de Colaboración: Punto 1 apartado c) do Artigo 4, Punto 5 da Disposición Adicional Segunda e sobre Encomendas de Xestión: Punto 6 do Artigo 24 e punto dous da Disposición Adicional vixésima quinta, sobre TRAGSA e as súas filiais.) | Acceder/Baixar.

[5] Cláusula Vixésimo Primeira (Da retribución da empresa mixta, páxinas 25, 26, 27 e 28 do Pliego de Condicións anexado no documento, desde a páxina 48). | Escritura de constitución de EMAFESA (Empresa Mixta de Augas de Ferrol, S.A.) | 3 de Abril do 2000 | 88 páxinas escaneadas como imaxe en doc formato pdf. | Acordo Plenario do 18 de Setembro de 1998 en orde á modificación da xestión dos servizos de abastecemento de auga e saneamento do termino municipal de Ferrol, a través da xestión indirecta mediante empresa mixta, con aprobación do Prego de Condicións Xerais que habería de rexer o concurso para a selección do socio privado co que constituír dita empresa mixta. Ratificado todo no Acordo Plenario do 11 de Novembro de 1998. Adxudicación do concurso de selección de referencia, no Acordo Plenario do 28 de Abril de 1999. E Acordo Plenario do 24 de Febreiro do 2000, onde se aproban os Estatutos de EMAFESA entre outros acordos. | O arquivo, pesa 32,3MB. | Acceder/Baixar.

[6] Circular N° 1/2011 “Réxime de Modificación dos Contratos do Sector Público” da Avogacía Xeral do Estado - Direción do Servizo Xurídico do Estado - Ministerio de Xustiza (16 páxinas en formato pdf) | Acceder/Baixar.

[7] Real Decreto Lexislativo 3/2011, de 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de Contratos do Sector Público, Artigos 105 e 107, do Título V Modificación dos Contratos). | Acceder/Baixar.

[8] Estación depuradora de aguas residuais -EDAR- de Cabo Prioriño. Proxéctase para tratar a auga residual dos municipios de Ferrol, Narón e Neda, un total de 200.000 h-e (habitantes equivalentes), acorde ao establecido na Directiva 91/271/CEE, de 21 de maio de 1991, sobre o tratamento das augas residuales urbanas. O proceso biolóxico considerado é o de biofiltración. | Acceder/Baixar. | Emisario submarino de cabo Prioriño. | Acceder/Baixar. |

[9] Protocolo de Execución Concertada entre o Concello de Ferrol e a empresa mixta EMAFESA. | Acceder/Baixar.

---