martes, 24 de xaneiro de 2017

Entre hoxe e mañá, 24 e 25 de xaneiro de 2017, a actividade na defensa dos servizos públicos e pola remunicipalización, fai-se intensa - Acto do BNG sobre Saneamento este martes 24 de xaneiro, e o mércores 25 pola mañá, temos xuntanza co Alcalde, Jorge Suárez e Asemblea da Plataforma, pola tarde



Entre hoxe e mañá, 24 e 25 de xaneiro de 2017, a actividade na defensa dos servizos públicos e pola remunicipalización, fai-se intensa.

Despois dos acordos previos sobre o saneamento da marxe norte da Ría de Ferrol, pactados na xuntanza celebrada en Santiago, este pasado venres 13 de xaneiro e na que participaron Roberto Rodríguez Martínez, director de Augas de Galicia e os alcaldes de Ferrol e Narón, Jorge Suárez e José Manuel Blanco; tivo lugar, o pasado mércores 18, unha Rolda de Prensa, na Casa do Concello de Ferrol, organizada por esta Plataforma, da que dimos conta no seu momento, sobre o Sistema de Saneamento e Depuración, coas nosas análises, denuncias, preguntas, propostas... Mesmo o BNG, despois de analizados os acordos previos da citada reunión de Compostela, fai hoxe martes 24, ás 8 da tarde, un acto público na Casa do Antigo Hospicio de Ferrol, nas inmediacións da Praza de Amboaxe. Acto onde pretenden respostar ás seguintes preguntas Quen vai pagar as obras? Quen vai xestionar a rede? É un modelo sustentábel? Que vai pasar coa Taxa? E ao día seguinte o Alcade de Ferrol, convoca-nos a unha xuntanza que tiñamos solicitado desde o pasado 1 de decembro, día no que se aprobou en Pleno a Renuncia ao Contrato Eléctrico, petición que reiteraramos o pasado 16 de xaneiro. Pola tarde, do mesmo mércores, a Plataforma, ten convocado a súa Asemblea, ás 19:30hs, en Caranza, no local social de Fuco Buxán, onde está previsto abordar todos estes asuntos de interese.

Foto de Daniel Alexandre: A primeira reunión da plataforma tivo lugar no local da entidade vecinal de Recimil, o 24 de maio de 2016.
---