xoves, 19 de xaneiro de 2017

Ferrol e o calote da auga..., Por Iolanda Teixeiro Rey - O actual alcalde, que naqueles tempos apoiava a Remunicipalización dos Servizos Básicos, semella habitar agora nun lameiro onde cada día afunde un pouco máis. No canto de aproveitar o traballo voluntario dos cidadáns agrupados na Plataforma...



O anterior alcalde de Ferrol, o popular Rey Varela (en cuxo governo tivo lugar a crise da auga con incumprimento da legalidade vixente no que ten a ver coa Saúde Pública), prometera que a estación depuradora de cabo Prioriño funcionaría en agosto daquel eufórico verao de promesas e visitas. Onde vai que foi?

O actual alcalde, que naqueles tempos apoiava a Remunicipalización dos Servizos Básicos, semella habitar agora nun lameiro onde cada día afunde un pouco máis. No canto de aproveitar o traballo voluntario dos cidadáns agrupados na Plataforma na Defensa dos Servizos Básicos e pola Remunicipalización para iniciar un proceso transparente cara á Remunicipalización, adícase a adiar, divagar, e fazer oídos xordos. Asistimos a un pleno municipal onde ficou clara a súa falla de vontade política.
Non sei de onde saíu unha esquerda que vive de costas ás evidencias de governos incluso neoliberais que vén na Remunicipalización destes servizos a única vía de sostenibilidade e eficiencia.

O caso Pokemon, esa trama de "auga corrupta" para a que ainda non deseñaron nengunha aplicación móvil, espella nidiamente por que as grandes Corporación, con diversos disfraces e nomes, cobizan e monopolizan estes servizos externalizados (lede privatizados) por concellos dunha e outra cor. Xa se sabe que a auga é incolora!
Non sei de onde saíu unha esquerda que vive de costas ás evidencias de governos incluso neoliberais
Por outra parte, a asociación política LiGanDo, presentava unha Iniciativa no Concello en xullo deste verao pasado. Preocupados pola Saúde e o Medio Ambiente (non somentes polo custe e o calote aos cidadáns, pois a día de hoxe aínda non sabemos de analíticas transparentes e auditorías externas e fiáveis, estando expostos a que bacterias perigosas ou sustancias canceríxenas como o glifosato estean presentes cando abrimos a billa nas casas), LGD solicitaba do governo municipal a criación dunha OficinaTécnica Municipal que iniciase os estudos lexislativos e técnicos acaídos e unha canle de información clara á cidadanía. Asimesmo instava a iniciar canto antes o proceso de remunicipalizacion para evitar, entre outras cousas, o deterioro e encarecemento do saneamento. É dizer, a suba da tarifa polo bombeo á EDAR de Prioriño e mailo cobro desa obsoleta (para a propria Unión Europea) Rede Separativa de saneamento que mestura as augas pluviais coas fecais e que non cumpre co PXOM actual de Ferrol-Narón.

As tarifas da auga de Ferrol deben ser das máis altas de España, incluída a España seca. A pésima prestación do servizo é un mal conxénito dende a xestión de Emafesa. Cobros abusivos, lecturas estimadas, suba constante das tarifas fixas para sabrear aos recibos de consumo cero ou mínimo...e unha pésima atención en oficina que foi solventada co contrato dun guarda de seguridade para evitar protestas e información veraz aos usuarios polo calote dun saneamento inexistente.
As tarifas da auga de Ferrol deben ser das máis altas de España, incluída a España seca
Pois ben, ao que parece este governo segue deixando en mans de Emafesa todo. E sen reclamar os custes a quen é responsavel desta chapuza de sistema non-separativo de saneamento cun elevado custe enerxético e medioambiental, con máis tanques de tormentas que a cidade de Barcelona e sen que saibamos quen auditará uns verquidos moi baratos se se verquen sen sanear...

Perante este panorama vén o alcalde a nos dizer que ten un compromiso económico con Acuaes (organismo do Ministerio de Pesca, Alimentación e Medio Ambiente ) para comezar co saneamento do que o único que transparenta é que ao final imos pagar os ferroláns 6 € máis ao mes de media por un calote de saneamento.
Ao que parece este governo segue deixando en mans de Emafesa todo
Calote: sustantivo masculino. Débeda que non se pagou ou que se contraiu con intención de a non pagar. Dise tambén da estafa en toda regra. Que é que se falou nesa xuntanza do venres 13 entre os concellos de Ferrol e Narón con Augas de Galicia, dependente da Consellaría de Medio Ambiente e Territorio, é un misterio, polo de agora, inescrutavel!.

O único que se sabe é que a Plataforma na Defensa dos Servizos  Públicos e pola Remunicipalización convocou unha rolda de prensa este mércores 18 de xaneiro, ás 17h na sala de prensa do Concello, para informar a cidadanía das últimas novas a respeto do saneamento na Ría de Ferrol. E pola velocidade, muda e trasacordo dos acontecementos nesta cidade deveriamos erguerlle unha estatua ao recén finado Zymunt Bauman, o sociólogo da modernidade líquida, anque só sexa pola "liquidez" de tantas escuras políticas!

---
Publicado en Sermos Galicia baixo unha licenza Creative Commons, por Iolanda Teixeiro Rey - Pedagoga Social. Profesora de Tai Chi e Chi Kung en Ferrol . Integrante da Plataforma na Defensa dos Servizos Públicos, pola Remunicipalización.

Foto da xuntanza celebrada en Santiago, o 13 de xaneiro de 2017 e na que participaron Roberto Rodríguez Martínez, director de Augas de Galicia e os alcaldes de Ferrol e Narón, Jorge Suárez e José Manuel Blanco.
---