luns, 24 de outubro de 2016

Xuntanza da Plataforma co Alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, para expoñerlle as preocupacións, reivindicacións e obxectivos da mesma


A Plataforma en Defensa dos Servizos Públicos, pola Remunicipalización, mantivo hoxe unha xuntanza co Alcalde de Ferrol, Jorge Suárez para expoñerlle as preocupacións, reivindicacións e obxectivos da mesma.

Entre os puntos a abordar de xeito máis inmediato estiveron enriba da mesa o Contrato Eléctrico e a Taxa de Saneamento, asuntos nos que houbo importantes coincidencias. Mais o Alcalde aclarou que por cuestións técnicas, non se vai poder levar a renuncia ao contrato eléctrico, ao pleno deste mes, adiando-se para o de Novembro.

O Alcalde manifestou a coincidencia cos obxectivos de remunicipalización que aborda esta Plataforma, mostrando vontade de que a este encontro lle sigan outros que propicien liñas de colaboración entre o concello e a Plataforma para favorecer a recuperación dos servizos privatizados.

A continuación achegamos o documento no que desde a Plataforma baseamos a nosa exposición.


Documento da Plataforma en Defensa dos Servizos Públicos, pola Remunicipalización.

Á atención de Jorge Suárez, Alcalde de Ferrol:

A Plataforma en Defensa dos Servizos Públicos, pola Remunicipalización, representa a vontade, dunha parte da cidadanía desta comarca, de recuperar para a xestión pública aqueles servizos básicos, privatizados. Esa vontade ficou reflectida, nas miles de sinaturas presentadas o pasado ano no rexistro do concello; no apoio maioritario da cidadanía ao optar nas eleccións locais de maio de 2015 polas alternativas políticas que levaban no seu programa esta recuperación, e mesmo na enquisa de Sondaxe, publicada en xullo de 2015, onde aseguraba que o 67% da veciñanza deste concello apoiaba a remunicipalización dos servizos públicos. [1]

Esta Plataforma considerase herdeira do movemento popular que encheu as rúas no ano 2015, ao sentirse indignada polo cobro por parte deste concello dunha taxa ilegal, por unha depuración que non se realizaba, sen o preceptivo padrón municipal, dunha xestión da auga ao servizo dos intereses privados, e contra un sistema de saneamento imposto desde a irracionalidade e a insustentabilidade.

As últimas eleccións municipais, coa formación dunha nova maioría, abriu un novo tempo, onde os obxectivos de remunicipalización parecían ter unha oportunidade. As vicisitudes que envolveron o contrato eléctrico, e a non realización das Xornadas pola Remunicipalización, decidiu a constitución desta Plataforma.

Vivimos con preocupación a ruptura do goberno municipal. Esta Plataforma quere mediante este escrito, trasladarlle as seguintes peticións e consideracións:

VEMOS NECESARIO, CON CARÁCTER INMEDIATO

1º Incluír no próximo pleno, a renuncia ao contrato eléctrico, para aprobar definitivamente, o que se anunciaba en rolda de prensa este verán.

2º Dar solución inmediata á situación creada polo cobro da taxa de depuración, coa devolución á veciñanza afectada do importe indebidamente cobrado. Para elo, o concello debe dispor dunha relación das persoas afectadas, ás que se dirixirá por escrito, informando en que condicións e termos farase esa devolución (compensación, transferencia, ...).

PARA SEGUIR CONSTRUÍNDO OS CAMIÑOS DA REMUNICIPALIZACIÓN

Esta Plataforma está a traballar coa axuda de asesores técnicos implicados nos procesos de remunicipalización, na elaboración de plans de traballo para dotarse das ferramentas necesarias para acadar os seus obxectivos, para o que pretende contar cunha liña de diálogo e colaboración co goberno municipal e a oposición que claramente se ten pronunciado a prol da remunicipalización.

Estas liñas pódense acoutar nos seguintes campos de actuación:

1º Rescate do servizo de recollida de residuos sólidos urbanos (RSU) e limpeza viaria.
  • Seguimento e control do servizo de recollida de lixo e limpeza viaria, a cargo, con contrato extinguido,  por parte da empresa Urbaser, na actualidade en proceso de compra por parte de capital chinés. [2]
  • Denuncia dos incumprimentos e deficiencias do servizo.
  • Sabendo da “existencia” dunha Comisión técnica de persoal propio dos concellos de Narón, Fene e Ferrol, para elaborar un proxecto para a recollida común do lixo (ou mesmo da súa xestión), vemos necesario abrir á participación cidadá esta comisión, reformulándoa, facéndoa transparente e marcando claramente o obxectivo da xestión pública. [3]
  • Criar as bases dunha empresa municipal para a recollida de lixo , que aborde este servizo no prazo dun ano, independentemente da súa posible incorporación posterior no proxecto mancomunado.
2º Rescate do servizo de auga e saneamento.
  • Revisión dos convenios que afectan ao saneamento e depuración (Acuaes e Augas de Galicia).
  • Conseguir que a maioría da corporación se manifeste insubmisa ao pago da obra do servizo de saneamento.
  • Fiscalización das contas de Emafesa.
  • Elaboración dun dossier de incumprimentos.
  • Revisión do acordo que permite que a parte privada xestione a Empresa Mixta.
  • Revisión da situación irregular que supón que a parte privada e a parte pública compartan os mesmos servizos xurídicos (Lama & Asociados) .
  • Elaboración participada da nova taxa de saneamento.
 3º Rescate dos servizos de subministro eléctrico e mantemento.
  • Xestión municipal directa do subministro eléctrico.
  • Contratos ponte dun ano para o servizo de mantemento e subministro, mentres non se prepara a súa xestión pública.
Ferrol, 24 de outubro de 2016

[1] Nova en La Voz de Galicia [http://www.lavozdegalicia.es/noticia/ferrol/ferrol/2015/07/19/67-ferrolanos-apoya-remunicipalizacion-servicios/00031437258744152216606.htm].

[2] ACS Actividades de Construción y Servicios S.A. (ACS), a través da súa filial ACS Servicios y Concesiones S.L., chegou a un acordo con Firion Investments, sociedade controlada por un grupo chinés, para a venda da súa participación total en URBASER S.A. (26 de Setembro de 2016) [https://drive.google.com/file/d/0By24jKds2T1PT0phRV8xTE1Gcmc/view?usp=sharing].

[3] Nova en La Voz de Galicia. [http://www.lavozdegalicia.es/noticia/ferrol/naron/2016/05/10/naron-propone-ferrol-neda-fene-mancomunar-recogida-basura/0003_201605F10C7992.htm].
___