xoves, 1 de decembro de 2016
Unha vez conseguida a renuncia ao lesivo contrato eléctrico, comeza o camiño para conseguir a municipalización do servizo de mantemento e da xestión do subministro
... Non temos mais que aledar-nos da renuncia á adxudicación do “Contrato do subministro, servizos enerxéticos e mantemento ...
Mais, isto só é o principio que nos pon no punto cero do proceso de municipalización do servizo e da xestión do subministro...
Ante isto, manifestamos que imos demandar do grupo de goberno que inicie o proceso de municipalización, comenzando por xustificar o interese público, o carácter prioritario e a declaración de dito servizo como público e esencial...
A Plataforma na defensa dos servizos públicos, pola remunicipalización, foi constituída como iniciativa cidadán o mes de maio deste ano, a raíz da alarma que causou a oposición do Acalde de Ferrol a disentir ou renunciar ao contrato eléctrico, a todas luces lesivo para os intereses do pobo ferrolán. Esta situación creou disensión no seo do grupo de goberno, onde Ferrol en Común, amosaba-se disposto a asinar o lesivo contrato eléctrico. Unha decisión asemblearia da organización política así o aprobaba, baseándose nun informe da asesoría privada Lama&Asociados, que segundo fixo público esta Plataforma, un dos seus socios e directivos, Borja Silveira Rey, era unha das partes na UTE (SEFCON e a multinacional Fomento de Construciones y Contratas -FCC) que ía ser beneficiada pola concesión. O PSdeG PSOE, era favorábel ao disentimento, que contaba co informe do interventor municipal que argumentaba en contra da duración excesiva do contrato, formulando a súa desestimación, que permitiría a maiores a apertura dun novo proceso de contratación que hipotecase menos ao Concello. E o BNG, propuña a renuncia, ao mesmo tempo que iniciar o proceso de remunicipalización do servizo, instando ao goberno municipal a que asumira a importancia deste servizo e encarara decididamente o obxectivo da xestión pública do subministro e do mantemento eléctrico. Por outra banda, Ciudadanos amosou a súa disposición a que se aprobara a concesión do contrato eléctrico, non sen amosar as súas dúbidas se sería o mellor. Tamén manifestou o seu apoio á adxudicación do contrato, o Partido Popular, que foi quen o xestionou, mais este partido foi o que mantivo en “stand by” por catro anos a firma deste contrato, nos tempos que gobernou como alcalde J.M. Rey Varela.
A finais de agosto, o goberno municipal presentaba-se unido en rolda de prensa, a raíz da elaboración dun informe da fundación Instituto Tecnolóxico de Galicia que fulmina os argumentos técnicos e económicos esgrimidos até o de agora, para avalar a concesión á UTE antes nomeada, anunciado o Alcalde que propoñerán a renuncia.
No pasado mes de maio, a Plataforma en rolda de prensa diciamos: “Constituída unha iniciativa cidadá que pretende parar o Contrato Eléctrico que tramita o Concello de Ferrol”, polo que, non temos mais que aledar-nos da renuncia á adxudicación do “Contrato do subministro, servizos enerxéticos e mantemento con garantía total das instalacións de alumeado público exterior e dependencias municipais do Concello de Ferrol” (Expte.: AVH 03109 14/34).
Mais, isto só é o principio que nos pon no punto cero do proceso de municipalización do servizo e da xestión do subministro.
Ante isto, manifestamos que imos demandar do grupo de goberno, que inicie o proceso de municipalización, comenzando por xustificar o interese público, o carácter prioritario e a declaración de dito servizo como público e esencial. E simultaneamente aprobe a constitución dunha comisión municipal participada que elabore e execute un calendario e unha guía de traballo que permita a xestión do subministro e uns servizos enerxéticos e de mantemento integrados na administración local, para o ano 2018. Para o cal os orzamentos municipais para os anos 2017 e 2018, deben contemplar partidas económicas conformes a este acordo.
Cando falamos da constitución dunha Comisión Municipal Participada, estamos afirmando que esta comisión ten que estar constituída con participación cidadán e sindical. Adiantando a nosa intención de participar na mesma. A isto obrígalle o feito de que o Concello é asinante da Carta de Aalborg (Carta das Cidades Europeas cara á Sustentabilidade) e ten elaborado a Axenda 21 Local, onde a participación cidadán no deseño da cidade e da súa administración, é un dos seus principais eixos.
Dicir que hoxe mesmo presentamos no rexistro municipal unha solicitude de xuntanza co Alcalde e concelleiros implicados, para presentar-lle as nosas demandas e peticións.
Ferrol, 1 de Decembro de 2016
PLATAFORMA NA DEFENSA DOS SERVIZOS PÚBLICOS, POLA REMUNICIPALIZACIÓN
Abonda de saqueo! Hai outras alternativas! Si se pode! Pódese, débese e precísase!
---