mércores, 6 de xaneiro de 2021
A Plataforma denuncia que o goberno municipal de Ángel Mato segue sen responder aos requirimentos da Valedora do pobo, nin aos da veciñanza e segue chamando a non pagar os supostos atrasos por un servizo que non se prestou
O pasado 22 de decembro, recibimos comunicación da Valedora do pobo (que achegamos en ficheiro anexo), informando-nos que o goberno municipal non atende aos seus reiterados requirimentos, feitos por terceira vez, en poucos meses. Esta institución ven de comunicar ao Concello, a obriga de atender os seus deberes legais, para coa institución, dando-lle un prazo de cinco días para contestar aos seus requirimentos. De non face-lo, o Concello de Ferrol sería considerado como hostil e entorpecedor das súas funcións, facendo-o público de inmediato e destacando tal cualificación no seu informe anual ou especial, se é o caso, ao Parlamento.
Como vedes este goberno municipal, segue nas súas trece de non atender, os requirimentos desta institución, nin os da veciñanza que lle presenta recursos que non responden, nin aos da veciñanza que lle pide reunións, información, documentación, ... peticións que non son atendidas... pasando da participación e a transparencia debidas coa cidadanía, establecidas no Regulamento Municipal de Participación Cidadán e na Ordenanza de Transparencia.
Non nos estraña deste goberno municipal que entre atender os interese da veciñanza fronte aos de Socamex, escolleu e escolla, defender os de Socamex (xestora privada de Emafesa) no conflito da Taxa de Depuración, lecturas estimadas irregulares, abusos no cobro en Recimil, ...
Na última xuntanza de coordinación da Plataforma, celebrada o pasado 23 de decembro, acordamos dar-lle publicidade a esta carta da Valedora do Pobo, criticar ao goberno municipal pola súa actitude e seguir chamando á veciñanza a non pagar os supostos atrasos por un servizo que non se prestou.
Os escritos ao Alcalde rexistrados no concello de Ferrol pola Plataforma son 201, (logo hai máis de 100 entregados que non controlamos, así como os que se baixaron da web e das redes). Nestes escritos pedimos unha certificación fundada da data de inicio da prestación efectiva do servizo, que contesten os recursos presentados en febreiro e que atendan os requirimentos da Valedora do Pobo. Escrito do que achegamos modelo para que sigades difundindo.
Acordamos seguir informando e difundindo o citado escrito nas redes e a través dos medios. Realizaremos unha xuntanza de coordinación, o martes 12 de xaneiro. Onde está previsto tratar a continuidade coa campaña de non pagar, a convocatoria duna mobilización se o desenvolvemento da pandemia (Covid-19) o permite. estamos pendentes da análise xurídica que faga o bufete de Avogados, do que informaremos no seu momento.
Por outra banda acordamos de promover entre a xente mais ligada á Plataforma e a quen quixera, que formalicen o procedemento para pagar os recibos descontando a parte correspondente ao concepto de "Cobro Fraccionado Taxa Depuración (Atrasos)", utilizando o método proposto pola Plataforma. Método que explicamos no enlace que acompañamos. Para facilitar o asunto, faremos unha quedada onde axudaremos a quen o desexe a cubrir o procedemento.
Para calquera aclaración estamos a vosa disposición en:
remunicipalizacion.plataforma@gmail.com
---
✔ Comunicación da Valedora do Pobo sobre a non atención, por parte do Concello de Ferrol, aos requirimentos feitos pola institución en relación á Queixa interposta pola Plataforma. | Acceder/Baixar.
✔ Método proposto pola Plataforma, para pagar os recibos descontando a parte correspondente ao concepto de "Cobro Fraccionado Taxa Depuración (Atrasos)". | Ir á Web.
_______