mércores, 3 de xuño de 2020
A Plataforma na Defensa dos Servizos Públicos pola Remunicipalización, celebrou onte a súa primeira reunión desde a declaración do estado de alarma no pasado mes de marzo
A Plataforma na Defensa dos Servizos Públicos pola Remunicipalización, celebrou onte a súa primeira reunión desde a declaración do estado de alarma no pasado mes de marzo. Nesta primeira xuntanza, organizada respectando as normas de convivencia para esta fase de desescalada, analizouse a situación actual do cobro de recibos de atrasos da depuración, do período onde non se prestaba o servizo, e as distintas casuísticas en canto ao pagamento de recibos dos últimos 6 pagos pendentes polos supostos atrasos que esta Plataforma non recoñece.
Outro punto abordado foi a situación dos distintos informes a presentar en organismos competentes, para denunciar a situación da xestión do servizo de depuración, e as implicacións de ter este servizo un carácter supramunicipal e sen contrato público que o sustente.
En canto ás xestións ante a Valedora do Pobo, deuse conta da interlocución mantida con esta institución durante o confinamento, onde se informou do segundo requirimento de documentación feito ao Concello de Ferrol en relación á queixa presentada por esta Plataforma.
Dous son os acordos tomados nesta primeira xuntanza, en primeiro lugar solicitar ao Concello que atenda ao segundo requirimento da Valedora do Pobo e envíe a documentación solicitada para poder dirimir sobre a queixa presentada. En segundo lugar, solicitar mais unha vez, unha entrevista (que até agora nunca foi concedida), co Alcalde Angel Mato, para comezar un diálogo que poda construír alternativas de solución a esta problemática.
Noutra orde de cousas, reiteramos que Remunicipalizar os servizos públicos, é rescatar a xestión dos mesmos para o público, significa non só un aforro económico, senón que abre a posibilidade á creación de máis emprego e fai reverter de novo o diñeiro da veciñanza na economía local, evitando a fuxida do diñeiro a outras zonas e fora da economía real. Deixar os servizos públicos en mans das transnacionais, supón que o diñeiro da veciñanza fuxa da Comarca e sexa destinado en parte á economía especulativa.
"O rescate dos Servizos Públicos das mans privadas ten o obxectivo de acabar coas prácticas abusivas ou o incumprimento das normas laborais por parte do sector privado, o desexo de reconquistar o control da economía e os recursos locais, o afán de ofrecer ás persoas uns servizos accesíbeis, ou a intención de poñer en práctica unhas estratexias ambiciosas a favor do medio ambiente ou da transición enerxética, por citar algúns". así din Satoko Kishimoto e Olivier Petitjean, no seu libro "Remunicipalización - Como cidades e cidadanía están escribindo o futuro dos servizos públicos", traducido pola Transnational Institute a 10 idiomas, palabras que como Plataforma asumimos.
As formas e os modelos de titularidade, poden ser diferentes desde a xestión directa ou desde a xestión pública por medio de empresas, entidades ou consorcios, a xestión pública municipal é posíbel. Construír, rescatar, facer uns servizos públicos eficaces, democráticos e accesíbeis, torna-se necesario. Os gobernos democráticos, comprometidos co benestar da veciñanza, a substentabilidade e o medio ambiente, deberían facer todo o posíbel en poñer en mans públicas os servizos públicos municipais esenciais. Ferrol ten a oportunidade e os votos para face-lo.
Ferrol, 3 de xuño, de 2020
---