venres, 7 de xuño de 2019

Rolda de Prensa da Plataforma antes da conformación do novo goberno de Ferrol e presentación da Táboa Reivindicativa - Vídeo


Despois dos procesos electorais de abril e maio, en especial deste último do 26M, onde houbo uns resultados electorais concretos que sitúan a Angel Mato (PSdeG-PSOE) como Alcalde co apoio de FeC e BNG, é necesario que a Plataforma lembre aos grupos que están a conversar/negociar sobre a conformación do novo goberno municipal, e á nova corporación en xeral, cales son as reivindicacións pendentes desta Plataforma e a actividade que ten previsto desenvolver nos vindeiros días. Así se desenvolve esta rolda de prensa.

Celebrada o venres 7 de xuño de 2019, ás 12 do mediodía, na sala de comisión do Palacio Municipal do Concello de Ferrol.


https://youtu.be/5mastPq7Lh0

TÁBOA REIVINDICATIVA

No proceso de negociación e conformación do novo goberno municipal, a Plataforma na defensa dos servizos públicos, pola Remunicipalización, quere dirixirse ás forzas políticas que protagonizan este proceso; ás forzas que conseguiron representación para conformar a nova corporación, e a toda a veciñanza de Ferrol, para lembrar cal é a situación actual dos servizos públicos e as reivindicacións pendentes, avaladas por case dous millares e medio de sinaturas recollidas por esta Plataforma, varias mobilizacións cidadáns, e os resultados dunha enquisa publicada nos medios de comunicación pola cal, máis do 60% da veciñanza de Ferrol está a favor do rescate dos servizos públicos para xestión municipal.

Na actualidade son numerosos os servizos municipais que están sen contrato, polo que as facturas derivadas da prestación destes servizos, teñen que ser aprobadas pleno a pleno, de xeito extraxudicial. Algún destes servizos, son tan importantes como a recollida e transporte do lixo, limpeza viaria ou parques e xardíns.

A maiores, esta Plataforma ven denunciando as irregularidades e abusos que a empresa Emafesa leva anos exercendo na xestión de servizos fundamentais como o abastecemento de auga, a depuración e o saneamento.

Diante da constitución dunha nova corporación municipal, e no desexo de abrir unha vía de diálogo, que abranga tamén ao movemento veciñal, esta Plataforma márcase como obxectivos para estes próximos anos, entre outros, os recollidos nesta táboa reivindicativa:

1.- Paralización do cobro das liquidacións do período (xaneiro2015-marzo2017), 5,5 millóns de euros + 10% de IVA (6,05 millóns). Liquidacións asinadas por Jorge Suárez, correspondentes á taxa de depuración, cando a depuradora non depuraba e a taxa estaba. (e sigue estando) avultada.  Son unha media de 200€ por vivenda.

2.- E como consecuencia do punto anterior, a devolución dos 800.000€ correspondentes á liquidación do período (setembro-decembro2014) posta a cobro durante o mandato de Rey Varela. Paralización do cobro dos recibos non aboados nese período no que a depuradora non funcionaba. Buscar unha solución negociada para este período, que non pase polo cobro á veciñanza cando non se daba o feito impoñible.

3.- Auditoría integral, económica e de xestión a Emafesa.

4.- Denuncia do Convenio con Augas de Galicia, ou no seu caso, non renovalo (finaliza en agosto2019), devolvendo a infraestrutura a quen é o seu propietario, Augas de Galicia.

5.-  Revisión da taxa aplicada ao consumo no pequeno comercio, oficinas e despachos e outros servizos.

6.- Recuperación das fontes públicas.

7.- Revisión do regulamento de bonificación, facéndoo progresivo en relación aos ingresos, aos consumos, como ao número de compoñentes da unidade familiar.

8.- Controlo da calidade da auga con analíticas independentes da empresa Emafesa.

9.- Colocación por parte da empresa dos contadores nas vivendas de San Pablo e Recimil, como llo esixe o artigo 25 do Regulamento que desenvolve a Lei de Augas de Galicia. E compensación por cobros indebidos a fogares de unha ou dúas persoas.

10.- Expediente interno a Emafesa, baseándose nas lecturas  estimadas abusivas e xeralizadas ao longo dos anos, nomeadamente nos barrios de San Pablo e Recimil.

11.- Elaboración dun novo modelo de recibo, onde os conceptos sexan claros e favoreza o control da veciñanza dos consumos.

12.- Revisión das cantidades abonadas polo concepto de saneamento (rede de sumidoiros), máis de 1,8 millóns de euros, cando na actualidade a maioría da rede corresponde a Acuaes, a través da  empresa concesionaria Viaqua, custo que vai incluído no pago da taxa de depuración.

13.- Convenio coa empresa pública Tragsa (ou SEAGA), consideradas medios propios, para realizar a recollida e xestión do lixo,  mentres non se dea un proceso de xestión 100 % público a nivel mancomunado ou local. Podendo separar xa, o servizo de limpeza viaria, procedendo á súa municipalización inmediata. Sempre coa subrogación dos operarios que están realizando estes servizos na actualidade.

14.- Comezar o proceso para que o Concello se encargue da xestión e contratación directa do subministro eléctrico.

15.- Comezar o proceso de municipalización do servizo de mantemento eléctrico, na actualidade realizado pola UTE Sice-Pasco, coa subrogación de operarios que están realizando este servizo na actualidade.

16.- Denunciar con urxencia as concesións da Xunta ás empresas de transporte para iniciar a recuperación da xestión do transporte público dentro dun plano global de mobilidade urbana que favoreza ás zonas rurais e comunique os barrios cos centros sanitarios, educativos, administrativos e mercados.

17.- Iniciar a municipalización dos servizos de parques e xardíns, actualmente sen contrato, coa subrogación de operarios que están realizando este servizo na actualidade.

En Ferrol, a 7 de xuño de 2019

PLATAFORMA NA DEFENSA DOS SERVIZOS PÚBLICOS, POLA REMUNICIPALIZACIÓN
Abonda de saqueo! Hai outras alternativas!
Pódese, débese e precísase!

Fernando Ramos | Pablo Portero | Bernardo Rego | Lupe Ces | Alexandre Carrodeguas |

remunicipalizacion.plataforma@gmail.com

https://plataformaferrol.blogspot.com.es/
---