venres, 29 de marzo de 2019

Rolda de Prensa da Plataforma na Defensa dos Servizos Públicos, pola Remunicipalización, no Pazo Municipal, ante os novos acontecementos que afectan á veciñanza de Ferrol e os procesos electorais que se aveciñan


Ante os novos acontecementos que afectan á veciñanza de Ferrol e os procesos electorais que se aveciñan, a Plataforma realizou unha Rolda de Prensa para este venres 29 de marzo ás 11:30hs no Pazo Municipal de Ferrol.

A continuación transcribimos o texto da rolda de Prensa

A xeito de introdución

Desde a Plataforma partimos da convicción de que os Servizos Públicos non deben ser un negocio, mais desde hai tempo as grandes corporacións multinacionais dedican grandes esforzos para facer-se cos servizos públicos. Para estas corporacións todo é privatizábel e actúan en consecuencia para mercantilizar as nosas vidas aínda máis do que xa están.

A nosa Plataforma pertence a ese movemento internacional que loita para impedir que se privaticen máis servizos públicos, e para rescatar para a xestión pública aqueles que foron privatizados. A municipalización destes servizos é o noso principal obxectivo.

Cando falamos de servizos como o abastecemento da auga, recollida e tratamento dos residuos sólidos e saneamento e depuración de augas residuais, estamos a falar de servizos básicos. O abastecemento da auga e o saneamento xa foron recoñecidos, como dereitos humanos pola Organización de Nacións Unidas en 2010. Esta, polo tanto, é unha das tarefas principais que a veciñanza encomenda ao seu goberno local, que lle garanta estes dereitos e que eses dereitos sexan cubertos por servizos de calidade e a prezos xustos. Baixo o noso criterio, estas dúas condicións, de calidade e prezos xustos, só se poden cumprir cando servizos básicos destas características son de xestión 100% pública.

Ademais nun Concello en declive socioeconómico crónico,  cabeceira dunha Comarca de iguais características, non nos podemos permitir que as plusvalías xeradas, na xestión dos servizos públicos por corporacións privadas, fuxan da contorna en forma de beneficios, subtraendo o pouco diñeiro que temos, desta zona.

Os servizos públicos nesta lexislatura.-


O período que agora remata, para nós, foi o dunha oportunidade perdida. Os que estaban chamados a transformar ou ao menos a poñer os alicerces para posibilitar esa transformación na xestión municipal, non o fixeron.

Nesta lexislatura que remata non se recuperou para a xestión pública ningún dos servizos básicos (tan só ao comezo remunicipalizou-se o Salvamento e Socorrismo nas praias), a pesar de que algúns destes servizos encontran-se sen contrato en vigor, obrigando pleno tras pleno a aprobar facturas extraxudiciais. Non se encetou ningún tipo de xestión para recuperar algún destes servizos (recollida de lixo e limpeza viaria, parques e xardíns, mantemento do alumeado público e subministro eléctrico, pavimentación de redes viarias, transporte colectivo urbano...). Só ante as denuncias desta Plataforma aprobou-se á renuncia do contrato eléctrico que tiña elaborado Rey Varela, e que pretendía continuar o goberno de FeC, un contrato de máis de 40 millóns de euros, por 12 anos, totalmente ilegal e lesivo para os intereses de Ferrol. Mais non se iniciou ningún procedemento de municipalización da xestión do servizo e nin do subministro.

No caso da recollida de lixo e limpeza viaria, renunciou-se ao contrato despois de catro anos de parálise e anuncia-se a intención de remunicipalización, sen tomar ningunha medida. A licitación iniciada polo PP era ilegal era imposíbel seguir adiante, sen prevaricar.

No caso da auga, depuración e saneamento, temos  unha depuradora cunhas obras de posta a punto recepcionadas sen control do que alí se fixo, e que ao final demostrouse que non depuraba; tivemos unha crise de envelenamento da auga no verán de 2015, e seguimos confiando as analíticas á mesma empresa, EMAFESA; tivemos lecturas estimadas masivas e irregulares para recadar para a empresa; temos umha recadación avultada nos barrios de Recimil e de San Pablo, que contradí a lei de augas que só o permite como medida provisional, (e leva aplicándose desde o 2013), persoas que consumen só 4 m3, cobran-lles por 20, mentres a empresa non cumpre coa obriga de instalar os contadores. Temos unha rede de saneamento (sumidoiros no recibo) que pagamos a prezo de ouro  desde o 2000, ano no que comezou a xestionar a empresa mixta EMAFESA, cando na actualidade, a esta empresa só lle corresponde unha parte da rede, que comparte neste momento coa empresa Viaqua desde abril de 2017, parte esta que vai incluída xa na taxa de depuración.

Durante o goberno de Rey Varela, cobrouse-nos unha taxa por unha depuradora que non depuraba. O goberno de Ferrol En Común, prometeu devolver o cobrado indebidamente. Inda por riba de non cumprir coa promesa electoral, puxeron de novo en vigor a taxa do PP, e ante o recurso da empresa, recoñeceron  unha débeda de máis de 5 millóns de euros que teremos que pagar á volta destas eleccións, sen agardar a que houbera unha sentenza firme. Pleno tras pleno, vimos como se ía recortando o que denunciamos desde esta Plataforma que é unha taxa moi avultada.

Que o goberno municipal insista en manter a xestión (via EMAFESA) da depuradora, e non se lle devolva á súa propietaria (Augas de Galicia), mentres non se cree un ente supramunicipal ou mancomunado, só ten unha explicación: aumentar o campo de negocio de EMAFESA, aínda que para iso haxa que manter un convenio totalmente lesivo para os intereses da veciñanza de Ferrol, asumindo mesmo o custe de obras que son de interese xeral, e que sempre son asumidas polo estado. 

AcuaES, unha nova proposta ou unha escapada cara diante?

Agora Jorge Suárez, ás portas dunha campaña electoral anuncia, ao abeiro dos acordos coa Alcaldesa de Narón de finais do pasado ano, que AcuaEs está en disposición de facer-se cargo da depuradora e que levando en conxunto a intercepción e a depuración aforrarían-se máis de 600.000 euros. Ante isto afirmamos que se nos segue dando a razón do avultado da taxa e de que esta podería ser aínda menor. Logo teríamo-nos que facer dúas preguntas, a primeira é: Si Emafesa ten un contrato legal, como é que se lle pode cancelar e dar-lle o contrato a AcuaEs? A segunda pregunta é: Como se vai xestionar que a veciñanza de Narón esté pagando menos diñeiro pola depuración e que só pague desde abril de 2017 e a veciñanza de Ferrol, pague máis e aínda encima pague desde setembro de 2014? Ademais AcuaEs é unha empresa de xestión e contratación, non é de mantemento de infraestruturas, polo que tería que licitar a depuradora como fixo cos tanques de tormenta e interceptores, polo que se non hai xestión directa pública mancomunada encarecería o prezo final. Un prezo xa de por si moi caro, polos altos custes enerxéticos por mor do deseño do sistema unitario con grandes caudais a depurar, 12 tanques de tormenta e unha estación impulsora que ten que alcanzar 45 metros de altura até o emisario terrestre que leva até a depuradora, como así o recoñecen o novo proxecto de PXOM e o EDUSI os principais documentos de planificación do Concello. E tamén, un prezo elevado, polo convenio asinado no seu día por Rey Varela con AcuaES, onde Ferrol se comprometía a asumir, xunto a Narón, unha parte (10%) dos custes das obras da rede saneamento, a maiores incrementado polo 100% do custe das obras que quedaran por facer pasado o 31 de decembro de 2015 (Incluído os xuros de financiamento en 40 anos). Un custe que non correspondería cobrar pois ao ser unha infraestrutura de interese xeral tería que ser asumida polo Estado na súa totalidade como así acontece  noutros lugares, ademais desde 1994, todos os fogares pagan á Xunta, no recibo da auga o canón da auga, antes canón de saneamento, para a realización deste tipo de obras.

A nosa postura segue sendo que se denuncie o convenio con Augas de Galicia, que se lle devolva o sistema de depuración e que non se lle recepcione até que haxa un ente mancomunado público dos concellos implicados, con capacidade de xestión e mantemento, e un estudo de viabilidade elaborado a conciencia e auditado.

Responsabilidades sen depurar

Acaba a lexislatura e o goberno de FeC, non abriu nin un só expediente contra a empresa EMAFESA, nin cumpriu con todas as medidas anunciadas e acordadas no verán de 2015. Así ninguén paga polo dano causado e a súa mala xestión. A responsabilidade de Rey Varela e da empresa EMAFESA queda sen consecuencias, e agora tamén é a responsabilidade de Jorge Suárez e o seu goberno.

En dúas ocasións esta Plataforma acudiu á fiscalía. Unha primeira para denunciar a xestión de Rey Varela xunto á empresa EMAFESA, no relacionado co cobro irregular da taxa, o engano do non funcionamento da depuradora, e a crise dos trialometanos. Unha segunda ocasión onde denunciabamos a xestión de Jorge Suárez continuísta coas irregularidades do Partido Popular e a empresa EMAFESA, as dúas sen que a fiscalía quixese investigar, iso que todo o procedemento este cheo de irregularidades e unha xestión nefasta que repercute na economía da veciñanza e nas contas públicas.

O obxectivo da Plataforma foi sempre que a fiscalía investigara se había ou non obxecto de delito no que nós denunciabamos.

Na primeira ocasión a fiscalía optou por arquivar sen máis, tan sequera comunicarnos nada. Na segunda, se nos requiría que interpuxeramos unha querela para continuar co proceso, cousa para o que esta Plataforma carecía e carece de recursos.

A necesidade da auto-organización popular

Da experiencia destes catro anos, a cidadanía de Ferrol debemos tomar algunha lección para o futuro: de nada serve que os partidos políticos leven nos seus programas a defensa dos servizos públicos e a remunicipalización,  se logo non hai a suficiente forza popular para esixir-lle que cumpra co programa polo que foi elixido.

Pola nosa parte, a recollida de sinaturas, os peches, as xornadas, as mesas-info, as reunións cos asociación veciñais, os folletos-info, os recursos, as reclamacións, as roldas de prensa, os estudos técnicos e avaliacións, o traballo de campo, as investigacións, as denuncias públicas, as mobilizacións, os actos públicos que realizamos..., e mesmo as actuacións diante da fiscalía, tiveron algún froito, e consideramos que elevamos a conciencia dun sector da sociedade na demanda dos seus dereitos e de xustiza social, mais non o suficiente, para poder virar a situación.

Para esta Plataforma, houbo inacción das asociacións veciñais de Ferrol. A pesar do seu apoio formal, estiveron desaparecidas nestes catro anos ante problemas de calado, que nos afectaban a todas e todos. Un movemento veciñal reivindicativo nunca permitiría que EMAFESA nos cobre cada ano 1,5 millóns de euros de máis. Un movemento veciñal reivindicativo e mobilizado tería dobregado a este goberno totalmente sometido aos intereses das grandes empresas, e obriga-lo a cumprir co seu programa ou dimitir.

Estes catro anos confirmaron a necesidade da auto-organización dos veciños e veciñas en plataformas e asociacións para defender os servizos públicos e os nosos dereitos. Precisamos gobernos municipais comprometidos coa defensa dos servizos públicos e a participación veciñal, pero estes catro anos demostraron que aínda é máis necesario que a cidadanía nos organicemos para defende-los. Porque “goberne quen goberne” os servizos públicos deféndense!!!

Ferrol, a 29 de marzo de 2019

PLATAFORMA NA DEFENSA DOS SERVIZOS PÚBLICOS,
POLA REMUNICIPALIZACIÓN

Abonda de saqueo!
Hai outras alternativas!
Pódese, débese e precísase!

Fernando Ramos | Pablo Portero | Bernardo Rego | Lupe Ces | Alexandre Carrodeguas |

remunicipalizacion.plataforma@gmail.com

https://plataformaferrol.blogspot.com.es/
_____________