martes, 8 de xaneiro de 2019
A Plataforma insta a chegar a un acordo canto antes, para conseguir a renuncia do procedemento de contratación da recollida de lixo e comezar con urxencia o proceso de remunicipalización do servizo
A PLATAFORMA INSTA AOS GRUPOS POLÍTICOS FAVORÁBEIS Á RECUPERACIÓN DA XESTIÓN PÚBLICA DOS SERVIZOS BÁSICOS DO CONCELLO DE FERROL, A CHEGAR A UN ACORDO PARA CONSEGUIR A RENUNCIA DO PROCEDEMENTO DE CONTRATACIÓN DA RECOLLIDA DE LIXO E LIMPEZA VIARIA, INICIADA DURANTE O GOBERNO DE REY VARELA, E ACLARA O SEU POSICIONAMENTO DIANTE DAS PRÓXIMAS ELECCIÓNS MUNICIPAIS.
No Concello de Ferrol levamos desde o 31 decembro de 2014 sen contrato para cubrir a recollida de residuos sólidos urbanos e da limpeza viaria. O goberno de Rey Varela iniciou un procedemento de adxudicación dun novo contrato cunha duración de 10 anos, que non se axusta á legalidade e é claramente prexudicial para os intereses da nosa cidade. Desde a Plataforma na Defensa dos Servizos Públicos, pola Remunicipalización, agardabamos que isto fose collido polo goberno saído das urnas no 2015, como unha oportunidade para a recuperación da xestión pública deste servizo básico, que levara asociado unha mellora na calidade do servizo prestado, un aforro de custes para as arcas do Concello, maior calidade no emprego con aumento de persoal, e unha campaña de sensibilización medioambiental con medidas específicas que fixeran da recollida de lixo unha oportunidade de avance nesta cidade e non un lastre como ven sendo até agora. Pola contra, o goberno de Jorge Suárez, ao longo destes case catro anos, mantivo as cousas como estaban, levando continuamente a pleno o pago extraxudicial de facturas, facendo do que debera ser algo extraordinario, a norma habitual de cubrir un dos servizos básicos fundamentais para facer de Ferrol unha cidade habitábel.
No pasado pleno do 27 de decembro, o alcalde propuxo incluír por vía de urxencia este tema no pleno, entregando a documentación horas antes e sen negociación previa cos grupos que teñen manifestado reiteradamente o seu apoio á remunicipalización deste servizo (PSOE, BNG e a concelleira Esther Leira), e non conseguiu os votos necesarios pola abstención desta última concelleira.
Desde esta Plataforma somos conscientes de que a catro meses de finalizar mandato, este proceder de Jorge Suárez, sen levar asociado unha proposta, ou unha negociación de como encarar a recuperación do servizo, despois de catro anos de parálise, pode parecer electoralismo, interese por sacar un titular que apunte na dirección contraria ao que se ven facendo ao longo deste triste mandato de oportunidades perdidas, en canto á xestión dos servizos básicos desta cidade, pero todo o que sexa avanzar neste sentido, e desbotar a entrega da nosa cidade ás grandes corporacións ten que tomarse como algo prioritario.
Neste contexto, a Plataforma na Defensa dos Servizos Públicos pola Remunicipalización, insta aos grupos políticos favorábeis á recuperación da xestión pública dos servizos básicos do concello de Ferrol, a chegar a un acordo canto antes, para conseguir a renuncia do procedemento de contratación da recollida de lixo iniciada durante o goberno de Rey Varela, e ao goberno municipal presidido por Jorge Suárez a presentar unha alternativa para a recuperación da súa xestión pública e directa.
Esta Plataforma aproveita esta nota de prensa para aclarar que, diante dalgunhas novas aparecidas nalgúns medios informativos, non se presenta ás eleccións municipais, nin apoiará ningunha candidatura, dado o seu carácter plural e apartidario.
Ferrol, 8 de xaneiro de 2018
--