mércores, 17 de outubro de 2018

Apoios á manifestación do 18 de Outubro: "Saneamento si, Estafa Non", por unha Emafesa 100% pública



Diversos partidos e asociacións amosaron o seu apoio á Manifestación deste 18 de outubro, para denunciar os abusos de Emafesa no recibo da auga, saneamento e depuración, e a complicidade do goberno de Jorge Suarez que continuou mantendo a estafa iniciada polo seu predecesor José Manuel Rei Varela.

Recibimos o apoio das asociación veciñais Ensanche A, San Xoán - Bertón e San Salvador de Serantes, das asociacións López Bouza e Fuco Buxán, e das organizacións políticas BNG, Marea de Ferrol e PSdeG-PSOE.

A continuación transcríbemos as que recibimos en forma de comunicado.

O BNG APOIA A MANIFESTACIÓN CONTRA OS ABUSOS DE EMAFESA

O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol comunica que apoia e vai secundar a mobilización convocada para o vindeiro xoves, 18 de outubro, pola Plataforma na Defensa dos Servizos Públicos, Pola Remunicipalización fronte aos abusos de EMAFESA e diante das decisións tomadas polo actual goberno municipal, no que Jorge Suárez e Ferrol en Común claudicarón definitivamente diante do Partido Popular e da parte privada de EMAFESA, traizoando aos veciños e veciñas de Ferrol, mantendo a taxa imposta no seu día por Rey Varela e ademáis facéndolles pagar retroactivamente os 5,5 millóns de euros polo concepto da taxa de saneamento desde o ano 2015 até marzo de 2017.

O BNG considera que Ferrol en Común e o PP queren cobrarlle aos veciños e veciñas para ocultar un sistema de depuración anticuado e custosísismo, a xestión da auga en Ferrol por unha empresa privada e a responsabilidade da Xunta e o Estado na construcción dun saneamento pensado en función dos intereses das empresas e non da xente.

Para o BNG resulta indignante comprobar como as únicas medidas que adoptou o goberno local de Ferrol en Común sexan reclamarlle aos veciños e veciñas de Ferrol o pago dunha ordenanza cuxos custos non se axustan à realidade namentras aos responsábeis de entregarnos unha depuradora que non funcionaba, de impornos uns convenios de usura por un modelo de saneamento retrógado non se lles esixe ningunha contraprestación nin se lles devolve a infraestrutura.

Ferrol 17 de outubro de 2018.

BNG FERROL
bng@ferrol.es

---

MAREA DE FERROL quere manifestar publicamente o seu apoio e participación na manifestación convocada para o Xoves día 18 de Outubro en Ferrol pola Plataforma pola defensa dos servizos públicos, para rexeitar o abuso que significa a contía da taxa de depuración e a súa imputación á veciñanza en períodos nos que o propio servizo de depuración non se estaba a prestar.

Facemos nosos os argumentos e os obxectivos xa explicitados pola Plataforma, queremos resaltar o seguinte:

Esta nova carga para as economías familiares e os pequenos negocios de Ferrol vén dada pola política continuista que realiza o actual Alcalde sobre a que realizou o anterior rexedor, Rey Varela.

Ámbolos dous coinciden en aceptar unha rede de saneamento unitaria, que mestura augas de choiva con augas fecais, que pode cualificarse xa de desfasada e que implica uns gastos moi custosos de mantemento e de consumos enerxéticos.

Igualmente, aceptaron ambos que o Concello de Ferrol teña que sufragar unha parte dos custes de construción, sendo como é una obra de interese xeral.

Jorge Suárez aceptou tamén, en contra do que manifestaba antes de acceder á Alcaidía, que sexa EMAFESA-SOCAMEX quen asuma -vulnerando premisas legais básicas de contratación pública- a xestión da Depuradora, de xeito que esa xestión pasa a estar supeditada en tódolos ámbitos ao interese económico da parte privada da empresa mixta de augas de Ferrol, co conseguinte prexuízo para as arcas municipais e para a veciñanza.

Estas son as razóns de que teñamos que pagar un sobrecusto inxustificado para cadrar as contas dunha multinacional acostumada a non dar contas das súas actuacións mentres logra que o Concello autorice que nos cobre por servizos, nun caso non prestados e noutro non xustificados coa debida transparencia.

16 de outubro de 2018

Marea de Ferrol
mareadeferrol@gmail.com

---

O PARTIDO SOCIALISTA DE FERROL APOIA E CONFIRMA A SÚA PRESENZA NA MANIFESTACIÓN CONTRA AS FACTURAS AVULTADAS DE EMAFESA CONVOCADA POLA PLATAFORMA NA DEFENSA DOS SERVIZOS PÚBLICOS

Esta mesma maña en Xunta de Voceiros grazas ás reiteradas reivindicacións dos Socialistas se trouxo unha taxa mais axustada, probando que efectivamente se estaba cobrando de mais a cidadanía.

Os Socialistas de Ferrol seguimos na loita pola devolución dos 800.000€ cobrados indebidamente, o Convenio con Narón, o saneamento do rural, entre outras cuestións.

(15.10.18)

Os Socialistas de Ferrol confirman que acudirán á manifestación convocada o vindeiro xoves, 18 de outubro, acompañando á Plataforma na Defensa dos Servizos Públicos, pola Remunicipalización, que terá lugar o vindeiro xoves 18 de outubro, ás 19:00h, os Socialistas súmanse á mobilización secundando as reivindicacións da Plataforma a favor do saneamento e así mesmo denunciando os abusos de EMAFESA que está a pasar facturas de auga abusivas, con lecturas estimadas avultadas e irregulares.

Os Socialistas reciben con satisfacción que esta mesma maña en Xunta de Voceiros, o Alcalde acollerá unha das pretensións reiteradas continuamente polos Socialistas para axustar a taxa ao prezo real do servizo, quedando demostrado desta maneira que se estaba cobrando de mais a sabendas.

O Partido Socialista lembra que desde sempre vimos denunciando e mesmo emprendendo accións contra a fraude comezada polo anterior Alcalde do PP, José Manuel Rey Varela, que impuxo unha taxa inxusta e pasou o cobro un recibo por un servizo de saneamento que non se estaba a prestar por unha depuradora que non funcionaba ao carecer das condicións e medios imprescindibles para o seu funcionamento. Este fraude viuse continuada coa política desenvolvida polo actual Alcalde de Ferrol, Jorge Suárez.

Os Socialistas de Ferrol insisten en que é necesario o establecemento dunha taxa de saneamento axustada ao custo real e axeitado ao servizo prestado, demandan unha vez mais a devolución dos recibos por valor de 800.000€ cobrados indebidamente no ano 2015. Ao mesmo tempo os Socialistas de Ferrol non cesan de reclamar o saneamento para a zona rural, que se aclaren asuntos como: a situación do Acordo con Narón, como tamén o traslado de documentación na que figure especificado a xustificación da explotación da depuradora por parte de EMAFESA, os termos da Auditoría completa a EMFAESA, tanto financeira coma de xestión, no que respecta ao cumprimento do prego mediante o cal a empresa SOCAMEX saíu adxudicataria.

De maneira que os Socialistas perseveramos e esiximos ao Alcalde Jorge Suárez a que se lle de traslado as veciñas e veciños da solución prevista por parte do Goberno Local para devolverlle a veciñanza a cantidade que lles corresponde polo cobrado por exceso nos recibos de saneamento ao aplicar a taxa do PP.

---