venres, 6 de outubro de 2017

Engano, fracaso e fraude, así calificamos desde a Plataforma na Defensa dos Servizos Públicos, pola Remunicipalización, o acordo do Alcalde Jorge Suárez e o seu goberno municipal, de propoñer en Comisión e Pleno a recuperación da Taxa de Depuración do Partido Popular - Diante desta situación a Plataforma acordou esixir a dimisión do rexidor municipal, se continua adiante con esa proposta

Concentración contra a Taxa do Partido Popular
17.02.2015 - Foto deRaúl Salgado en Ferrol 360
"Nós temos un programa desenvolto, aprobado en asemblea, por unha parte, a visión crítica, que non é a construtiva, temos todas as taxas récord en cousas negativas, e paralelamente, mentres sucede isto, ao que se dedicou o goberno municipal foi á externalización a grandes multinacionais de todos os servizos: a auga, o saneamento e nós falamos dunha palabra clave nun programa político social que é a remunicipalización. Se nós entramos no goberno, as primeiras xestións van ser para remunicipalizar todos os servizos e facelo de forma participada. En Ferrol existe un regulamento de participación cidadá que está nun caixón, tanto o PP como o PSOE nin o miraron e contempla xa figuras como consellos de veciñanza, territoriais nos que os veciños e veciñas forman un consello asesor do goberno".
Jorge Suárez, nunha entrevista para Praza Pública, en 18 de abril de 2015
Declaración pública da Plataforma na Defensa dos Servizos Públicos, pola Remunicipalización, ante o anuncio de Jorge Suárez e o seu goberno municipal, conforme van propoñer en Comisión e Pleno, o rescate da taxa de depuración do Partido Popular".

Esta decisión, que agardábamos que se realizara dun momento a outro, tal como así prevíamos no noso comunicado do pasado 23 de setembro,[1] cualifícamo-la como un engano á veciñanza. A maioría das persoas que forman parte do goberno municipal, estaban antes nas mobilizacións ao lado das veciñas e veciños[2] que se sentían estafados por José Manuel Rey Varela e o goberno municipal do Partido Popular, que aplicou unha taxa avultada, non xustificada e non explicada polos técnicos municipais, a pesar das nosas peticións nese sentido.

Este goberno municipal lonxe de aproximarse aos veciños e veciñas para sacar adiante una taxa xusta e elaborada con participación e transparencia, dedicouse a ningunear ás propostas da cidadanía organizada ao redor destes temas e ao movemento veciñal, e a agochar a súas xestións para, ao final propoñer a taxa que tanto o Alcalde como o seu grupo chegaron a suspender[3] e mesmo derogar,[4] mais sen rematar o proceso a finais do mes de xuño, de xeito deliberado. Non fai moito tempo, este goberno prometeu facer un estudo da taxa ao longo dos primeiros meses de funcionamento da depuración, para obter  uns custos axustados á realidade. Onde van eses estudos? A taxa do PP, que propón agora, é xusto a taxa do estudo? Si non e así, que pon ou que falta, ou que leva ou que sobra?

O noso alcalde Jorge Suárez, recuperando a Taxa do Partido Popular, fai-se cómplice da estafa que supuxo a trama encadeada de “Convenios de colaboración” entre a Confederación Hidrográfica, Augas de Galicia, Concello de Ferrol e Urbaser-Socamex. O que esta plataforma ten valorado como de dubidosa legalidade. O goberno municipal anterior, recepcionou unha depuradora que non lle correspondía e en pésimas condicións, coa imposición dunha taxa ilegal, sobredimensionada en conceptos como caudais de augas residuais e pluviais, potencia eléctrica contratada e enerxía consumida. Sumándolle o engano da depuradora que non depuraba, sen persoal e sen enerxía eléctrica contratada. Ademáis, EMAFESA estivo e está a traballar nunha depuradora que non é do Concello, e que na actualidade, carece dun contrato ou convenio, que soporte a súa participación nestas tarefas de depuración.

Desde a Plataforma acordamos contactar co movemento veciñal e chamar a mobilizar-se contra esta nova fraude, e facer un chamamento público para acudir ao Pleno para amosar o rexeitamento a esta proposta, Pleno que se prevé celebrar o vindeiro mércores 11 de outubro.

Xa no seu momento, cando esta Plataforma lle pedía a Jorge Suárez que esixira a Augas de Galicia que puxera a andar a depuradora,  intentou que funcionara a chantaxe de que "sen aprobar unha taxa, non se podía depurar". Mesmo intentou-se manipular á xente do mar contra quen nos opúñamo-nos á imposición dunha taxa inxusta, dicindo que estabamos impedindo que a depuradora funcionara. Mais o tempo deu-nos a razón, e desde o 5 de abril leva funcionando o sistema, ao menos polo de agora non se verte á Ría millóns de litros de augas residuais sen depurar,[5] supostamente depura-se e non se aprobou ningunha taxa.

Seguimos pensando que nunca se debeu aceptar a depuradora e outras infraestruturas complementarias, por ser un sistema supramunicipal, sendo o seu único responsábel a Xunta de Galicia, a través da empresa Augas de Galicia. O Concello, e polo tanto a cidadanía de Ferrol, non se pode facer responsábel das deficiencias, reparacións e posta a punto dunha infraestrutura que non é nosa. Gastos que, no seu caso, tamén corresponderían aos concellos de Narón e Neda, como usuarios desta depuradora.

Manifestamos unha vez máis, que non é certo o da obriga de ter unha Taxa. Poderiamos pagar á Augas de Galicia o coeficiente de vertedura (Regulado no Decreto 136/2012, de 31 de maio)[6] como así vai facer o concello de Narón. Feito que vai recollido na proposta de Convenio de Colaboración que hai sobre a mesa, na súa estipulación 6 páxina 9.[7] E no suposto caso de ter que pagar unha taxa, esta sempre tería que ser xusta, elaborada con transparencia e participada.

Ante todo isto a Plataforma, esixe non ceder ante as presións de Socamex[8] e dos altos funcionarios que informaron ambiguamente, mesmo ante fragrantes ilegalidades, á hora de dar o visto bo a convenios e protocolos, que son altamente lesivos para os intereses da cidadanía de Ferrol.

Reiteramos as nosas demandas e reivindicacións ante os continuos incumprimentos por parte da empresa mixta EMAFESA,[9] e ante as irregularidades no corpo contractual:

1º Cumprir xa a súa obriga e compromiso de facer unha auditoría real sobre a xestión e a situación económica financeira de EMAFESA.

2º Denunciar o Convenio con Augas de Galicia e entregar a xestión do sistema de saneamento e depuración a quen é o seu único responsábel -a Xunta de Galicia, até que se cre un sistema supramunicipal de xestión, como así posibilita a primeira encomenda entre a Confederación Hidrográfica Miño-Sil e Augas de Galicia.[10]

Devolver a taxa indebidamente cobrada á veciñanza e comezar cun proceso transparente e participado.

Iniciar o proceso de recuperación da xestión do servizo, cumprindo cos acordos do pleno municipal de xullo de 2015.[11]

Por último, no caso de que Jorge Suárez non retire esta proposta, denunciaremos publicamente a súa mala xestión no cargo, e pediremos a súa dimisión, por considerar que non ten a representatividade da veciñanza, porque toma decisións contra os intereses da cidadanía de Ferrol e está incumprindo o programa polo que foi elixido.[12]

Actualmente estamos elaborando un informe sobre este asunto o cal someteremos a valoración  da Fiscalía así como dos organismos de control xurídico e administrativo do Estado, por si os actos administrativos relacionados cos convenios e o cálculo da taxa da depuración foran obxecto de incumprimentos das leises sobre Contratos do Sector Público e/ou do Réxime xurídico das Administracións públicas.

Ferrol, a 5 de outubro de 2017


Notas.-

[1] 23 de setembro, de 2017 - Comunicado da Plataforma en Defensa dos Servizos Públicos, pola Remunicipalización unha vez realizada a Xunta de Accionistas e o Consello de Administración de Emafesa do 21 de setembro. | Ir á Web.

[2] Mobilizacións, asembleas, recollida de sinaturas, roldas de prensa, alegacións, presenza nos plenos, reparto de info, redes sociais ... | Diario de Ferrol - 2015.02.20 | La Voz de Galicia - 2015.02.20 | Ferrol360 - 2015.02.19 | Ártabra21 -2015.02.19 | Páxina Facebook - 2015.02.13 | Panfleto - 2015.02.12 | Ártabra21 - 2014.07.02 | Ferrol360 - 2015.02.17 | La Voz de Galicia - 2014.02.13 | Praza Pública - 2015.02.17|

[3] Pleno Extraordinario celebrado o 18 de setembro do ano 2015, onde se aprobou, nun cambio de última hora, "suspender a aplicación da ordenanza reguladora da taxa pola depuración de augas residuais", anulando a proposta inicial de "suspensión da aplicación da Taxa e inicio do expediente de derogación da mesma Taxa reguladora da depuración de augas residuais". Votando en contra, todas as concelleiras e concelleiros, excepto os do BNG, a súa proposta de manter a redacción inicial. (Taxa de Depuración do Partido Popular). | Desde a páxina 27 á 45. | NON PERDER A MOI INTERESANTE LECTURA. | Acta: Acceder/Baixar.

[4] Pleno Extraordinario celebrado o 13 de febreiro do ano 2017, onde se  aprobou a "derogación provisional da ordenanza fiscal reguladora da taxa pola depuración de augas residuais" publicada no BOP o 03/09/2014. (Taxa de Depuración do Partido Popular). | Vídeo: Acceder/Baixar. | Acta: Acceder/Baixar.

[5] O Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente pon en funcionamento a actuación 'Interceptores xenerais da marxe dereita da Ría de Ferrol' (A Coruña). | 5 de abril de 2017 | Ir á Web.

[6] DECRETO 136/2012, do 31 de maio, polo que se aproba o Regulamento do canon da auga e do coeficiente de vertedura a sistemas públicos de depuración de augas residuais. | Acceder/Baixa.

[7] Proposta de Convenio de Colaboración entre Augas de Galicia, o Concello de Ferrol e o Concello de Narón para a formalización da Encomenda de Xestión da Explotación, Mantemento, conservación do Sistema de saneamento e Depuración da Marxe Norte da Ría de Ferrol. | O concello de Ferrol, o de Narón e Augas de Galicia, realizaron unha serie de reunións para prepàrar un convenio de colaboración para a encomenda do sistema de depuración. | 1 de setembro de 2017 | Acceder/Baixar.

[8] A parte privada SOCAMEX, solicita a disolución da empresa como estratexia de presión, | 2017.09.23 - Comunicado da Plataforma en Defensa dos Servizos Públicos, pola Remunicipalización unha vez realizada a Xunta de Accionistas e o Consello de Administración de Emafesa do 21 de setembro de 2017. | Ir á Web.

[9] 2017.09.07 - A Plataforma exixe ao goberno municipal que inicie o proceso de rescate da xestión do servizo da auga, denuncie o Convenio con Augas de Galicia e entregue a xestión da depuradora á Xunta de Galicia, ata que se cre un sistema supramunicipal de xestión, devolva a taxa indebidamente cobrada e comece cun proceso transparente e participado. | Ir á Web.

[10] Resolución de 7 de maio de 2014, pola que se publica o Convenio de Colaboración entre a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e Augas de Galicia, para a formalización da encomenda de xestión da explotación, mantemento e conservación das obras consistentes na condución das augas, depuración e vertido de Ferrol, asinado uns meses antes, en Ferrol, o 27 de decembro de 2013 e publicada no BOE o 19 de maio de 2014. | Acceder/Baixar.

[11] Moción do BNG sobre a auga, para instar ao goberno municipal a iniciar un proceso de cara a remunicipalización inmediata do servizo de Augas do Concello de Ferrol. Diante da situación vivida con problemas de potabilidade da auga e a xestión privada da mesma. Instase a crear unha comisión de investigación | Unha auditoría para determinar o estado de conservación e mantemento das infraestruturas e outra para determinar os procedementos de contratación da empresa. | Estudar a posibilidade de mancomunar o servizo e outras iniciativas. |  Acta do Pleno do Concello de Ferrol celebrado o 30 de Xullo de 2015, onde se tratou a moción. | En formato pdf e desde a páxina 40 á 62 (Punto 18).| Acceder/baixar. | Moción de Ferrol en Común, relativa á adhesión do pleno do concello de Ferrol ó denominado “Pacto social pola auga” e acordos complementarios  |  Acta do Pleno do Concello de Ferrol celebrado o 30 de Xullo de 2015, onde se tratou a moción. | En formato pdf e desde a páxina 65 á 67 (Punto 20).| Acceder/baixar.

[12] Programa Político de Ferrol en Común, para as Eleccións Municipais do 24 de maio de 2015. | Acceder/Baixar. | Entrevista a Jorge Suárez. |En Ferrol en Común falades de “apartar das gadoupas do poder das empresas e dos partidos do réxime os fondos públicos”… |  18 de abril de 2015 | Ir á Web. | A asemblea de Ferrol en Común aproba o programa e reparto áreas de goberno acordadas co PSOE. | Ir á web. | Vídeo da nova na Galega. | Ir á Web. | Acordo programático de mínimos entre Ferrol en Común e o PSdG-PSOE para o goberno municipal de Ferrol. 16 de xuño de 2015. | Acceder/Baixar.
---