martes, 4 de abril de 2017

Diante do Pleno Municipal onde o goberno Municipal de Ferrol en Común e o Partido Popular, pactaron eximir da súa responsabilidade a Augas de Galicia e privatizar a xestión do Sistema de Depuración, entregando-lla á cuestionada Emafesa



COMUNICADO PLATAFORMA NA DEFENSA DOS SERVIZOS PÚBLICOS, POLA REMUNICIPALIZACIÓN


En Ferrol, a 3 de abril de 2017, esta Plataforma comparece publicamente para expoñer o seu posicionamento ante o Convenio de Colaboración entre o Concello de Ferrol e Augas de Galicia, para a formalización da Encomenda de Xestión de Explotación, Mantemento e Conservación do Sistema de Saneamento e Depuración do Concello de Ferrol (Ao que se debería engadir “... e do Concello de Narón, mais que non se pon para poder asignar-lle a Emafesa a xestión da Depuradora) que o Alcalde Jorge Suárez, pretende levar á aprobación no pleno municipal convocado para este martes 4 de abril.

Primeira cuestión.-

Este Convenio é lesivo para os intereses da cidade. A depuradora é un servizo do que se benefician varios concellos, polo que a súa xestión corresponde a Augas de Galicia, mentras non se asume mancomunadamente, se así se considera finalmente. Se o Alcalde de Ferrol quere que os ferroláns e ferrolás, asumamos o custe dun servizo que non nos corresponde, é porque mantén unha postura totalmente submisa ante Augas de Galicia, e a súa intención é aumentar o negocio de EMAFESA, e polo tanto do socio privado SOCAMEX, único responsábel da situación de quebra que ten esta empresa.

Segunda cuestión.-

A depuradora de Cabo Prioriño mediante este Convenio, vai estar en mans dunha empresa EMAFESA con antecedentes que puideran ser constitutivos de delitos, como así, esta Plataforma, informou mediante denuncia á Fiscalía. Unha empresa que mentiu dicindo que a depuradora funcionaba no 2014 e 2015; unha empresa que ocultou que a auga estaba contaminada por trihalometanos; unha empresa que cobrou unha taxa sen dar o servizo; unha empresa que está en quebra, e agora, unha empresa que segundo informes técnicos municipais, presentou un informe avultado para cobrar unha nova taxa. Esta piratería continuada, non é auditada nin denunciada por Jorge Suárez, senón que é consentida e amparada.

Terceira cuestión.-

O Concello de Narón, vai pagar simplemente o coeficiente de vertedura a Augas de Galicia. Nós, ferroláns e ferrolás, pola contra, temos que asumir que non se devolva a taxa ilegalmente cobrada; os traballos de reparación e posta a punto da depuradora realizados por Emafesa, cando non lle correspondía facelo, porque foi Augas de Galicia quen recepcionou ás obras en mal estado; temos que facernos cargo da conservación e mantenemento dunha infraestrutura que non é nosa e presta servizo a varios concellos; ademais se nos obriga a pagar os impostos que corresponderían a Augas de Galicia como propietaria, incluíndo o IBI; tamén temos que pagar as concesións que a Autoridade Portuaria asinou para as obras da estación de bombeo de A Malata e o tendido eléctrico desde o porto exterior á depuradora; temos que asumir unha parte elevadísima do custe das obras dos interceptores..., e todo iso sen garantías de que se realice un saneamento eficaz, tanto polo modelo do sistema, como pola desconfianza na empresa EMAFESA, que mostra un funcionamento totalmente opaco e deu mostras claras de irresponsabilidade.

Cuarta e última Cuestión.-

Descoñecemos canto nos vai custar realmente a xestión de EMAFESA da depuradora. En todo caso, desde a Alcaldía, debera-se reflexionar sobre a diferencia de medio millón de euros que se calculaban entre o informe presentado por EMAFESA, e o estudo realizado polo concello no 2016, só en custes enerxéticos. Tamén EMAFESA presenta un informe avultado en 131.567,44 € ao ano, en gastos de persoal, segundo informe do Enxeñeiro municipal de marzo de 2017. Pero nada parece torcer a vontade do Alcalde Jorge Suárez, no seu camiño contrario á defensa dos intereses públicos, frente aos intereses privados, e a defensa desta cidade, frente á afrenta doutras administracións.

Desde a Plataforma na Defensa dos Servizos Públicos, pola Remunicipalización, seguimos demandando:

1) QUE A PLANTA EMPECE A TRABALLAR XA, nas mans de Augas de Galicia, ou mediante unha empresa pública (Seaga, Tragsa, Emalcsa,...) na que delegue baixo a súa responsabilidade, mentres se acondicione e se emenden as deficiencias rexistradas nas instalacións ou as relativas coa posta a punto delas, subrogando ao persoal que traballa na actualidade no sistema de saneamento e depuración.

2) ESIXIMOS A REALIZACIÓN DUN ESTUDO TÉCNICO-ECONÓMICO DA FUTURA TAXA, realizado por unha entidade independente do sector e coa participación veciñal e social.

3) REXEITAMOS CALQUERA CUSTO DE TRABALLOS FEITOS ATÉ HOXE POR EMAFESA NAS INSTALACIÓNS DA EDAR, EBAR, EMISARIOS E INTERCEPTORES. Estes traballos deberán ser soportados en custo e alcance por Augas de Galicia xa que nada teñen que ver con decisións ou responsabilidades da veciñanza.

4) ESIXIMOS DE FORMA URXENTE UNHA AUDITORÍA DAS CONTAS DE EMAFESA. Non nos parece razoábel nin suxeita a dereito que cos cartos da veciñanza se cubran perdas imputábeis directamente a xestión da parte privada de Emafesa (Socamex-Urbaser).

5) ESIXIMOS A DEVOLUCIÓN OU NOTIFICACIÓN DE FUTURA COMPENSACIÓN, POR PARTE DE EMAFESA, POLO RECIBO DA TAXA COBRADO INDEBIDAMENTE Á VECIÑANZA POR UNHA DEPURACIÓN QUE NON SE EFECTUOU.

Ferrol, 3 de abril de 2017

PLATAFORMA NA DEFENSA DOS SERVIZOS PÚBLICOS, POLA REMUNICIPALIZACIÓN
Abonda de saqueo! Hai outras alternativas! Si se pode!
Pódese, débese e precísase!

Alexandre Carrodeguas | Fernando Ramos | Pablo Portero |  Bernardo Rego |  Lupe Ces |

remunicipalizacion.plataforma@gmail.com

https://plataformaferrol.blogspot.com.es/


Documentación:

Convenio de Colaboración entre o Concello de Ferrol e Augas de Galicia, para a formalización da Encomenda de Xestión de Explotación, Mantemento e Conservación do Sistema de Saneamento e Depuración do Concello de Ferrol. | Acceder/Baixar.

Informe da Oficial maior. | 30 de Maio de 2017 | 3 páxinas en formato PDF.| Acceder/Baixar.

Irforme do Enxeñeiro Municipal. | 27 de marzo de 2017 | 2 páxinas en formato pdf. | Acceder/Baixar.

Informe do Interventor Xeral Municipal. | 30 de marzo de 2017 | 5 páxinas en formato pdf. | Acceder/Baixar.
---