xoves, 27 de xuño de 2019

Primeiro acto informativo cun case cheo total do Centro Cívico de Caranza - A Plataforma fixo un chamamento a non pagar este primeiro recibo como medida de presión, agardando que o goberno municipal que se constituía aborde este conflito coa atención necesaria


A Plataforma realizou o primeiro acto informativo, sobre os recibos que Emafesa está enviando, de facturación de atrasos de depuración, polo período no que o sistema aínda non funcionaba. Sobre unhas 250 persoas, encheron o salón de actos do Centro Cívico de Caranza. Foron moitas as preguntas e dúbidas expostas pola veciñanza nesta ocasión (lecturas estimadas, cobros indebidos...)

A indefensión ante os abusos da empresa mixta Emafesa, era a situación compartida pola maioría de asistentes. Desde a Plataforma explicouse cal é a orixe dos recibos por atrasos que está enviando a empresa este mes de xuño. O camiño foi iniciado polo goberno de José Manuel Rey Varela, aprobando unha taxa inxusta e avultada, ademais de pasa-la ao cobro cando o sistema de depuración non funcionaba. Ese mesmo camiño foi seguido polo goberno de Ferrol en Común, con varias actuacións, a última, a firma das liquidacións, que agora se pasan a cobro, e que asinou o anterior alcalde Jorge Suárez.

Está pendente de resolver-se un recurso de apelación, no TSXG, a unha sentenza que gañou Socamex, a parte privada de Emafesa, en primeira instancia, que di que a suspensión da taxa non seguiu o procedemento adecuado, e di que o "feito  impoñíbel" comeza co "arranque e posta en marcha", aínda que non se depurara, pois o 98.5% das augas residuais seguina-se vertendo á Ría. Un "arranque e posta en marcha" que se prolongou por un longo período de 31 meses,  cando o verdadeiro arranque e posta en marcha, foi só de 4 meses, o comprendido entre abril e xullo de 2017.

O recurso que o Concello puxo contra a sentenza gañada en primeira instancia por Socamex, contrargumenta que non se pode aplicar o regulamento para a derogación ou modificación dunha ordenanza, ao simple feito de suspendela por entender que o servizo non se prestaba nese período. Por outra banda, no recurso queda demostrado, polos distintos informes externos emitidos e o do enxeñeiro municipal, que o sistema de depuración non funcionaba e que a depuradora fora entregada pola Xunta de Galicia con defectos estruturais que o impedía. As augas residuais non se comezaron a depurar até o 4 de abril de 2017, data na que se comezaron a conectar os interceptores e colectores xerais.

Sorprendeu á veciñanza asistente, coñecer que os veciños e veciñas de Narón non se lles esixía pagar o período no que non se depuraba. Só se lle comezaron a pasar recibos polo servizo de depuración a partir de abril de 2017. Como se pode xustificar que a veciñanza de Ferrol teña que pagar 31 meses máis que os de Narón, cando é a mesma depuradora e o mesmo sistema de saneamento que Ferrol?

A Plataforma fixo un chamamento a non pagar este primeiro recibo como medida de presión, agardando que o goberno municipal que se constitúa aborde este conflito coa atención necesaria, dedicación, reflexión, transparencia e participación, e que se lle dea unha solución a esta situación que non pase polo saqueo á veciñanza.

O 27 e 28 de xuño, xoves e venres desta mesma semana os actos informativos van-se realizar nos barrios de Canido e d'O Inferniño, todos ás 8 da tarde.
---