venres, 28 de xuño de 2019

Nun acto en Canido, con numerosa presencia de veciñas e veciños, a Plataforma volve chamar a non pagar o recibo da depuración que se está pasando aos fogares, polo período no que non se prestaba o servizo


A Plataforma en Canido chama, de novo, a non pagar o recibo da depuración que se está pasando aos fogares, comercios, locais e empresas, polo período no que non se prestaba o servizo.


Nun acto onde asistiron un moi importante número de persoas, a Plataforma volveu a presentar os seus argumentos e razóns do porque non se tiña que pagar este recibo que ademais de ser un recibo inxusto e moi avultado, era un recibo que Emafesa pasaba ao cobro por un período onde non se prestaba o servizo, o sistema de depuración non funcionaba e non se pode alegar por parte de Emafesa que estaba nun período de "arranque e posta en marcha", prolongado durante 31 meses que son, os meses que nos pretenden cobrar agora en recibos fraccionados. Período que como é lóxico, á veciñanza de Narón (tamén cunha empresa mixta Cosma), non se lles esixe pagar. Só se lles pasou a cobro desde o 4 abril de 2017 que é cando realmente comezou o arranque e posta en marcha da depuradora, coa conexión dos colectores e interceptores xerais, e o bombeo da maioría das augas residuais á depuradora de Prioriño.

As preguntas da veciñanza, foron numerosas e volveron a reincidir, na inxustiza da situación e do porque temos que aguantar a xestión privada dunha empresa que nos maltrata e porque temos que asumir os acordos dun mal goberno que non foi capaz de tomar as decisións adecuadas, para resolver este conflito que non fose saquear o noso peto. Máis de 6 millóns que deixa de ter a veciñanza de Ferrol. Esta tarde segue a ronda de actos informativos na Praza do Inferniño.

Venres 28 de xuño, ás 8 da tarde, na Praza do Inferniño. | Evento no facebook.

---