NON AOS ABUSOS DE EMAFESA
CONCENTRACIÓN EN FERROL
DIANTE DA CASA DO CONCELLO
XOVES 7 DE XUÑO, ÁS 7 DA TARDE
"Non ás facturas da auga, abusivas con lecturas estimadas avultadas e irregulares"
Estamos fart@s de tanto abuso de Emafesa, a empresa mixta de augas de Ferrol, xestionada por unha empresa privada chamada Socamex-Urbaser, unha multinacional que fai do Concello un pandeiro, e que considera á veciñanza o seu peto do que pode sacar cartos sen pedir permiso. Primeiro tivemos o cobro dunha Taxa avultada e manipulada politicamente, co anterior goberno de J. M. Rey Varela que nos enganou, e asumiu unha depuradora que non funcionaba e un sistema de saneamento e convenios que resultan ser un saco sen fondo. E agora, para rematala, o goberno de Jorge Suárez, fai caso omiso ao seu propio programa, aos acordos anunciados e á palabra dada.
Emafesa busca liquidez económica, facendo un cobro masivo de facturas calculadas en base a unhas estimacións de consumo irregulares, non conformes á normativa municipal (Ordenanzas e Regulamento da Auga)[1] , nalgúns casos até 37 euros por encima do que legalmente podería cobrar. Multipliquemos isto por miles, dentro duns 35.000 fogares abonados, e podemos ver o alcance destes cobros irregulares.
Mobilízamo-nos para esixir-lle ao Alcalde que poña freo aos abusos de Emafesa, que lle abra un expediente informativo e faga unha investigación a fondo.Seguimos demandando:
Mobilízamo-nos para denunciar a Augas de Galicia e á Xunta,
- por atrasar, adrede, a solución legal para que o Concello de Narón poda pagar a depuración;
- pola deixación de funcións que lle asigna a Lei;
Ao final están intentado que o mal-goberno o paguemos o conxunto da veciñanza.
- e por endosar ao Concello un sistema de saneamento que comeza a arrastrar unha débeda millonaria que está poñendo en perigo a súa viabilidade económica.
Mobilízamo-nos para demandar unha revisión completa da factura e todos os conceptos relacionados coa auga.
- unha Taxa Xusta, Explicada e Participada;
- unha auditoría integral a Emafesa;
- a denuncia dos convenios (Acuaes e Augas de Galicia);
- e a devolución da depuradora a Augas de Galicia mentres non estea constituído un ente mancomunado que a xestione.
Ferrol, 1 de xuño de 2018
Nota.-
[1] Por exemplo o disposto no Artigo 8, no Punto 8.3.B) da Ordenanza Fiscal Nº16 reguladora da taxa por subministración de auga potable: "8.3.B.: Facturación no caso de que non exista lectura: No caso de que nun bimestre non se poda toma-la lectura do abonado, existindo contador operativo, tomarase como consumo estimado a media de consumo dos anteriores bimestres..." O mesmo no resto das ordenanzas e regulamentos do ciclo da auga (Abastecemento, Sumidoiros e Depuración).
---