luns, 11 de xuño de 2018

Ante facturas da auga abusivas, con lecturas estimadas avultadas e irregulares, emitidas pola empresa mixta de augas de Ferrol -Emafesa, o pasado 7 de xuño, a Plataforma realizaba unha concentración de protesta diante da Casa do Concello - Vídeo



A Plataforma, non pode deixar de protestar ante os continuados abusos de Emafesa e a política do goberno municipal respecto da auga. Ten que haber unha resposta, aínda que esta non teña o suceso que cumpriría agardar, ante o grave dos feitos denunciados. A veciñanza está indefensa, ante a subida desproporcionada da factura da auga, e a Plataforma por si soa non chega para informa e asesorar a veciñas e veciños. Parte da responsabilidade, debe-se á inacción das directivas das asociacións veciñais que non están á altura das circunstancias, mantendo o movemento veciñal totalmente inoperante ante taxas avultadas e lecturas estimadas abusivas. E un goberno municipal que deixa facer á empresa mixta de augas[1] o que quere, pois este deixa de exercer a súa función fiscalizadora. Unha empresa mixta á que non se lle aproban as contas desde 2014 e que ameaza a concelleiros coa perda do seu patrimonio persoal se non se fai o que interesa á parte privada.

Emafesa emite de xeito masivo facturas calculadas en base a unhas estimacións de consumo irregulares, non conformes á normativa municipal da auga,[1] conseguindo miles de euros de xeito irregular.

A mobilización veciñal, aínda que digna, foi escasa, insuficiente para mover do seu letargo a un goberno inactivo. É insuficiente, para desactivar a irregular actuación dunha empresa de augas que está poñendo en xaque a un goberno moi débil que se prega aos intereses da multinacional, fronte aos intereses veciñais.

Mais aínda así, a Plataforma persiste na esixencia ao Alcalde que poña freo aos abusos de Emafesa, que lle abra un expediente informativo e faga unha investigación a fondo, como así o solicita no escrito enviado o pasado 25 de maio.

Segue-se denunciando a Augas de Galicia e á Xunta, por atrasar, adrede, a solución legal para que o Concello de Narón poda pagar a depuración e por endosar ao Concello un sistema de saneamento que comeza a arrastrar unha débeda millonaria que está poñendo en perigo a súa viabilidade económica.

A entidade veciñal esixe unha revisión completa da factura e todos os conceptos relacionados coa auga. Non pode ser que teñamos a factura máis cara de todas as cidades galegas nos conceptos de sumidoiros, saneamento e depuración. Algo está sendo moi irregular. Como tamén é moi necesario revisar os baremos de exencións, totalmente inxustos e os cobros estimados do barrio de Recimil onde persoas que viven soas estean pagando un consumo estimado bimensual de 20m3.

Non só se protesta ante as medidas deste goberno (Convenio, Taxa,...), contrarias ao que viñan defendendo, senón que denuncian ao anterior goberno de J. M. Rey Varela que enganou, e asumiu unha depuradora que non funcionaba e un sistema de saneamento e convenios que resultan ser un saco sen fondo

Desde a Plataforma segue-se demandando: unha Taxa Xusta, Explicada e Participada; unha auditoría integral a Emafesa; a denuncia dos convenios (Acuaes e Augas de Galicia); e a devolución da depuradora a Augas de Galicia mentres non estea constituído un ente mancomunado que a xestione.

Reivindica-se unha Emafesa 100% Pública, a devolución dos servizos da auga e o saneamento ao poder local, o retorno do ciclo da auga a mans públicas, porque a auga e o saneamento non són un negocio, son un dereito humano.[2]


https://youtu.be/F7bFzKxUPhM

Notas.-

[1] Emafesa é a Empresa Mixta de Augas doe Ferrol, 51% pública e o 49% privada, mais xestionada ao 100% pola súa parte privada, Socamex-Urbaser, pertencente desde 2016 ao grupo de investimentos chinés Firion Investments, SL, pertencente, a súa vez, ao grupo transnacional de investimentos Ying Zhan Investment (HK) Limited - CNTY.
[2] Por exemplo o disposto no Artigo 8, no Punto 8.3.B) da Ordenanza Fiscal Nº16 reguladora da taxa por subministración de auga potable: "8.3.B.: Facturación no caso de que non exista lectura: No caso de que nun bimestre non se poda toma-la lectura do abonado, existindo contador operativo, tomarase como consumo estimado a media de consumo dos anteriores bimestres..." O mesmo no resto das ordenanzas e regulamentos do ciclo da auga (Abastecemento, Sumidoiros e Depuración).

[3] Resolución 64/292 "O dereito humano ao auga e o saneamento", aprobada pola Asamblea Xeral o 28 de xullo de 2010. | Acceder/Baixar.

---