mércores, 30 de maio de 2018

O Concello recorrerá no TSXG a sentenza que estimou parcialmente o recurso da parte privada de Emafesa para cobrar a taxa desde 2014 'Non concordamos co sentido da sentenza e presentaremos un recurso na defensa do interese público para evitar que se lles repercutan a veciñanza gastos indebidos', recalcou Suárez - A sentenza do xulgado contencioso de Ferrol non é firme e o Concello recorrerá o fallo nunha instancia superior



Non concordamos, desde o máximo respecto as decisións xudiciais, co sentido do fallo da sentenza porque froito dos diferentes informes dos técnicos municipais e de sucesivas auditorías externas (Universidade da Coruña, Applus e PW.. ) estaba ben acreditado que non se estaba a dar o feito impoñible que era a depuración da ría".

"Estamos convencidos de que a razón e a xustiza nos asisten e así quedará determinado na segunda instancia”.

Así de rotundo se manifestaba este mediodía o alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, en rolda de prensa, reiterando hoxe a decisión do Concello de presentar un recurso de apelación contra a sentenza do Xulgado Contencioso Administrativo número 1 de Ferrol que estima parcialmente o recurso interposto por Socamex SAU, -do grupo Urbaser, que ostenta o 49% na parte privada de Emafesa- contra o acordo plenario do Concello de Ferrol do 18 de setembro do 2015 que deixaba en suspenso a aplicación da taxa reguladora de depuración de augas residuais de 2014.

A sentenza, que foi notificada ao Concello por Rexistro o luns 28, non é firme e vai ser recorrida ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de 15 días legalmente previsto, cun recurso de apelación, ao considerar que o fallo do xulgado ferrolán é desfavorable para os intereses da veciñanza, ao cargar no recibo o custo dun servizo que non se estaba a prestar como taxa de saneamento.

O tratamento e depuración das augas negras da ría de Ferrol activouse a primeiros de abril de 2017, malia que a taxa cobrouse desde agosto do 2014 ate a súa suspensión, en setembro do 2015.

Xa no inmediato, procederemos a presentar o recurso no TSXG para defender, como sempre dixemos, os intereses públicos e que non se lles percutan aos veciños custos e gastos que non lles corresponde afrontar”, subliñou o rexedor.

Quedou acreditado que se incorreron en gastos que non procedían na depuradora, derivados da falla de altas de recepción que impediron comprobar o estado da depuradora. É ben sabido o longo percorrido destes tres anos no intento por estabilizar a situación, activar a depuración real e acadar unha taxa mais xusta, -que foi levada a pleno e rexeitada en tres ocasión- ate o día de hoxe“, repasaba Suárez.

Afortunadamente, temos un sistema garantista que nos permite acudir a unha segunda instancia na que defender os dereitos e intereses do pobo de Ferrol fronte as aspiracións económicas de Socamex-Urbaser”, rematou o primeiro edil.

O PLENO ACORDOU O 18 DE SETEMBRO DO 2015 A SUSPENSIÓN DO COBRO DA TAXA POR UN SANEAMENTO FICTICIO

Ese acordo de suspensión do cobro da taxa polo saneamento que adoptouse o 18 de setembro do 2015 logo de que en agosto do 2015, tras dunha inspección do Concello, quedase ao descuberto que a Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR)  de Cabo Prioriño non estaba en condicións técnicas de realizar a depuración das augas negras que se verquían a ría e polo tanto, se lles estaba a cobrar aos veciños de xeito indebido por un feito impoñible que non se producía. Un extremo que foi acreditado e ratificado posteriormente en sucesivos informes técnicos por parte de funcionarios públicos e tamén por auditorías externas.

O pleno municipal, xa o 26 de novembro de 2015, tiña desestimado o recurso de reposición interposto por Socamex contra ese acordo plenario do 18 de setembro que se adoptara cos votos favorables do Goberno, e os grupos municipais de PSOE, BNG e C´s.  Malia a iso, a parte privada da empresa optou por litigar contra o Concello e buscar a impugnación do mesmo no xulgados.

Ferrol, 29 de maio de 2018

Publicado na Web do Concello de Ferrol | Ir á Web.
___