luns, 18 de xuño de 2018

A Plataforma sae á rúa para analizar a irregular facturación estimada que está facendo Emafesa, pola que ten solicitado ao Concello que abra un Expediente Informativo, ao que este xa lle deu audiencia - Posición d'A Plataforma ante o Pleno Extraordinario en Ferrol, onde se vai tratar o requirimento ao Concello de Narón polo Saneamento e para interpoñer recurso contra a sentenza que anula o acordo plenario de 2015, de suspensión da taxa do PP - Luns 18 de xuño de 2018



A Plataforma sae á rúa para analizar a irregular facturación estimada que está facendo Emafesa, pola que ten solicitado ao Concello que abra un Expediente Informativo, ao que este xa lle deu audiencia

O pasado 13 de xuño, o Concello de Ferrol emitiu un escrito onde dá Audiencia á Plataforma na denuncia a Emafesa pola facturación estimadas irregulares e na petición de apertura de expediente informativo, para dirimir as responsabilidades correspondentes e revisar facturas, para repoñer a legalidade e  garantir que non volva a producirse...

Calendario de Actividade da Plataforma para afrontar con mais forza a denuncia contra Emafesa por considerar que esta está emitindo de forma masiva facturas con lecturas estimadas de forma abusiva por encima do que lle permite a normativa en vigor (ordenanzas e regulamentos):

Martes 19, ás 11 da mañá, mesa no Mercado de Recimil. Tamén falar coa asociación de mulleres, para facer un acto para o xoves ás 6 da tarde na asociación veciñal.

Mércores 20, ás 11 da mañá, no Inferniño mesa-info, na esquina da farmacia.

Xoves 21, ás 11 da mañá, na Praza do Concello mesa-info.

Xoves 21, ás 6 da tarde, acto na asociación veciñal de Recimil, se chegamos a un acordo coa asociación de mulleres, para abordar o asunto das persoas que viven soas e que Emafesa factura 20m3 bimensuais.

Venres 22, ás 11 da mañá, no Mercado de Caranza, mesa-info.


Posición da Plataforma ante o Pleno


Este luns 18 de xuño de 2018, está convocada en sesión extraordinaria, un Pleno Municipal, ás 9 da mañá, que entre outros asuntos da orde do día e varias mocións presentadas polos grupos municipais, van-se tratar dous importantes puntos (3 e 4 da orde do día) que afectan especialmente aos obxectivos da Plataforma:

3.-Proposta de aprobación de requirimento ao Concello de Narón en materia de saneamento.

4.-Dar conta da sentenza ditada polo Xulgado Contencioso-administrativo de Ferrol no procedemento ordinario 105/2016 (recurso contra acordo plenario aprobatorio da suspensión da eficacia   da Ordenanza fiscal reguladora da taxa polo servizo de depuración de augas residuais). Proposta de interposición de recurso de apelación.

A Plataforma considera:

No punto 3,- As responsabilidades do anterior goberno municipal de José Manuel Rey Varela e do actual de Jorge Suárez, son claras. Idénticos convenios asinaron os dous con Augas de Galicia (Xunta de Galicia), un en 2014 e outro en 2017. Este último foi aprobado en Pleno cos votos de Ferrol en Común e o Partido Popular, celebrado o 4 de abril de 2017.

Se até o de agora era inacción e desleixo, agora era unha traizón ao que se viña mantendo co que sucedera no mandato do Partido Popular, ven-se a dar o visto bo ao que fora todo un despropósito de Rey Varela. Unha cadea de encomendas irregulares, pois Emafesa non é un medio propio, nin de Augas de Galicia, nin do Concello de Ferrol, está xestionando un sistema de saneamento de xeito irregular. A Alcaldesa de Narón, ven a coincidir co que vimos mantendo desde hai tempo, so cumpre do inmediato que Augas de Galicia facilite un medio para que o Concello de Narón poda pagar a parte que lle corresponda e Augas de Galicia asuma as súas responsabilidades facendo-se cargo do sistema de saneamento até que se constitúa un ente mancomunado que teña capacidade de xestionar o mesmo. Non esquezamos que hai un estudo feito por Emalcsa (Empresa pública do Concello da Coruña) para tal fin. Polo que cumpre denunciar o Convenio co Augas de Galicia e mentras non fai unha licitación pública por un período mínimo, pode face-lo a propia Augas de Galicia ou tamén ten a dúas empresas públicas (100%) en condicións de facer-se provisionalmente cargo, do sistema de saneamento e depuración, subrogando ao mesmo persoal que está agora contratado: a galega Seaga ou a estatal Grupo Tragsa. Polo que non estamos de acordo co requirimento e menos cos termos ameazantes cos que vai escrito.

No punto 4.- A Plataforma despois de analizada a Sentenza considera a necesidade de recorre-la, independentemente da responsabilidade do actual Goberno Municipal, pola inacción da que fixo gala perante o procedemento de suspensión. Uns 18 meses de parálise até a súa derogación provisional no Pleno do 13 de febreiro de 2017, onde tamén se intentou a imposición dunha nova taxa conforme ao ditado da xerencia (Socamex) de Emafesa, sen informe alternativo, nin taxa participada, explicada e xustificada.

Conclusións da Plataforma despois de analizada a Sentenza:

1.- EMAFESA está xestionando, sen concurso público, un servizo de depuración de augas residuais, de alcance supramunicipal, a cal foi imposta polo goberno municipal anterior de Ferrol (con maioría do PP) e sen o preceptivo acordo co Concello de Narón. A ordenanza municipal correspondente, foi rexeitada tanto polos veciños do concello de Ferrol como polo mesmo goberno municipal de Narón.

2.- Este goberno municipal do PP do Concello de Ferrol xunto coas Administracións (central e autonómica) organizaron unha estratexia para asignar a concesión deste servizo a EMAFESA, á marxe da LCSP, inventando unhas simuladas "Encomendas de Xestión" concatenadas entre catro Organismos para conseguir que esta empresa se encargase das obras de terminación, corrección, probas, posta a punto, arranque e posterior explotación da depuración. (Ver gráfico de abaixo).

3º) O Concello de Narón estase servindo das instalacións de depuración de Cabo Prioriño sen contribuír economicamente ao sostemento do Servizo debido, debido ás irregularidades descritas no punto 1º) anterior.

4º) A TAXA da Ordenaza nº 17 empezouse a cobrar, a finais do ano 2014, pero o servizo comezouse prestar por parte de EMAFESA en abril de 2017. Xa que logo o FEITO IMPOÑÍBEL comeza nesa data, abril 2017.

5º) A Plataforma veciñal creada para a defensa dos Servizos Públicos requiriu en numerosas ocasións por Rexistro do Concello datos e documentos relacionados coa Ordenanza, Taxa e estado das obras do sistema pero que nin unha soa vez se lle deus resposta. Nunca constatamos a existencia de ACTAS de FINAL DE OBRA e/ou ACEPTACIÓN da instalación nin tampouco os informes técnico-económicos preceptivos sobre a Ordenanza.

6º) A situación contábel de EMAFESA é moi irregular xa que son varios os anos que non foron auditadas e as súas contas anuais sen aceptar polo Consello de Administración (Desde 2014 até hoxe).

7º) EMAFESA manifesta que non é responsábel de que a explotación da depuradora non puidese comezar na data prevista. Tampouco creemos que sexa responsabilidade do Concello de Ferrol e menos das abonadas. Si aceptou o encargo de xestionar a depuración nunhas condicións inaceptábeis debería-se de rexeitar, no seu momento, o contrato por non estar en condicións de dar servizo.


---